22:56 Sabado, 06 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-07-2016

Este ano cúmprense 30 anos do inicio de escavacións arqueolóxicas na cidade de Lugo

30 anos de escavacións en Lugo

Valorar (7)

ADOLFO DE ABEL VILELA



Este ano cúmprense 30 anos do inicio de escavacións arqueolóxicas na cidade de Lugo. En 1986 o Concello decidiu facer tres aparcadoiros subterráneos, dous dentro do recinto amurallado, e un no exterior pero próximo á muralla. Parece que a ninguén se lle ocorreu de que sería inevitable que aparecesen restos arqueolóxicos. Nas actas municipais hai referencias a achados xa desde mediados do século XVI. En Lugo había unha muralla romana, descontextualizada, uns baños romanos á beira do río Miño e na súa contorna unha ponte medieval que na última rehabilitación constatouse que os seus cimentos eran romanos, ata se pescudou que fora construída pola Legio X.

Incluso o terreo no que se construíu o aparcadoiro situado fóra do recinto amurallado, resultou ser unha parte da gran necrópole de inhumación. Toda unha sorpresa, que non tiña que telo sido, pero que o foi. Como non hai mal que por ben non veña, iso deu lugar a que a Xunta de acordo co Concello desenvolvesen unha normativa provisional que fixo obrigatoria a prospección arqueolóxica en todo o recinto interior da muralla e unha zona de influencia polo exterior, que deu, non só un coñecemento da cidade romana, senón tamén importantes achados de edificios e de materiais.

Un erro do que se aprendeu

O arriba asinante era delegado provincial da consellería de Cultura e Benestar Social cando se iniciou a construción dos aparcadoiros. A administración autonómica estábase formando, a delegación provincial non tiña arqueólogo e a lexislación en materia de patrimonio rexíase pola lei estatal aprobada o ano anterior, pero aínda sen desenvolver, que era a que se trataba de aplicar. Dictáronse unhas normas provisorias de acordo co Concello que obrigaba a facer escavacións en área, catas e prospeccións, segundo os casos, o que provocou reticencias porque as tiñan que pagar os propietarios dos solares, un tema que a día de hoxe aínda non está resolto. Ao ver que aparecían restos arqueolóxicos, o entón alcalde, Vicente Quiroga Rodríguez, chamou a un arqueólogo de Milán, Mario Mirabella Roberti, coa esperanza de que dixese que o que había aquí era cousa menor comparado co que había en Roma ou noutras partes de Italia. Pero non foi así porque Mirabella certificou que os achados tiñan importancia para o coñecemento da historia da cidade e tamén para un mellor coñecemento da Gallaecia.

Arqueólogos da Universidade de Santiago fixeron catas durante sete meses na Praza da Constitución, tempo que pareceu excesivo. Como a empresa Dragados e Construcións tiña que comezar as obras, o concelleiro de Tráfico, Alfredo Mosteirin Castañer, deu orde a unha escavadora que comezase o seu traballo, sendo arrasados os restos do pavimento dun edificio revestido cun mosaico o que provocou que os arqueólogos en sinal de protesta se negásense a realizar as escavacións.

Nunha reunión celebrada en Santiago, o citado concelleiro pediu aos arqueólogos galegos que se fixesen cargo das escavacións e, como non quixeron, ofreceuse Antonio Rodríguez Colmenero que estaba presente, e que naquel momento era profesor na Universidade de Oviedo e escavaba no campamento militar de Aquis Quercuennis en Bande (Ourense).

A elaboración dunha normativa


A lei de Patrimonio de 1985 obrigaba a redactar un plan de arqueoloxía, pero mentres non existía a Comisión Provincial de Patrimonio, tiña que dar a aprobación a calquera actuación antes de que o concello concederse a licenza de obra. O Plan de Urbanismo de 1991 e o PEPRI de 1997 xa incluíron unha normativa sobre escavacións. Todo isto deu como resultado que ao longo destes anos as numerosas intervencións puntuais debido á construción de novos edificios e á pavimentación de prazas e rúas, dese como resultado coñecer como era o trazado do Lugo romano. O lugar onde estaba o foro descubriuse ao facer o seguimento da pavimentación das rúas da Raíña, Xoán Montes e Progreso antes de facelas peonís.

A través de fiestras arqueolóxicas recuperouse a visión dos cimentos da muralla na Porta Nova, a piscina da Praza de Santa María descuberta en 1960, os restos do acueducto, unha basílica e os mosaicos de Batitales. Tamén se crearon tres centros arqueolóxicos, o de San Roque, que alberga un forno de oleiro, unhas sepulturas de inhumación e de incineración, e unha piscina ritual; a camada Domus Océanos ou dos mosaicos, parte dun edificio de máis de tres mil metros cadrados, descuberta en 1842; a Domus do mitreo, unha casa romana con pinturas e un templo dedicado ao deus Mitra e unha exposición permanente na Sala Porta Miñá que fai un percorrido polo Lugo romano ata o inicio da etapa cristiá. Ao mesmo tempo o propietario do edificio no que se atopan os baños romanos, tamén fixo á súa costa escavacións e a musealización de achados. Pero a pesar de ser importante o realizado os miles de pezas aparecidas demandan a existencia dun Museo Arqueolóxico.

Aquel erro da Praza dá Constitución, foi o principio para poñer en valor a arqueoloxía en Lugo e ata a orixe romana da cidade xa que todo aquilo coincidiu cos bimilenarios de varias cidades, de maneira que se chegou a constituír un Padroado de Cidades Augusteas, cuxo protocolo se asinou en Lugo, pero que desgraciadamente despois quedou no esquecemento. O entón alcalde Vicente Quiroga, sendo presidente da comisión de Patrimonio Artístico da Femp, tivo en Mérida unha comida co alcalde daquela cidade e co arquitecto Moneo, que fixera o Museo Nacional de Arte Romana naquela cidade, e díxolle que o museo arqueolóxico de Lugo debíase facer no antigo cárcere, por ser un edificio excepcional.

O papel do xornalismo

A prensa e outros medios de comunicación tiveron unha importancia capital na creación dun estado de opinión favorable á arqueoloxía e en contra dos aparcadoiros. As escavacións arqueolóxicas foi a primeira gran polémica que se viviu na cidade. O xornal local El Progreso tomou postura, aínda que naquel momento, recentemente estreada a democracia, todos estabamos aprendendo. A destrución dos achados da Praza da Constitución saltou á prensa nacional publicándose crónicas no País e no ABC. Aquilo foi un exercicio de xornalismo que hoxe sería imposible debido ao apego dos editores co poder. Hoxe os aparcadoiros non se construirían, pero, grazas a eles, abriuse a vía para recuperar e conservar un patrimonio arqueolóxico descoñecido e ignorado. Aínda quedan bastantes cousas por resolver, como o pago polas administracións das escavacións e crear un Museo Arqueolóxico Galaico Romano no edificio do antigo Hospital de Inhábiles, coñecido como Cuartel de San Fernando, que recolla, catalogue, restaure, estude, divulgue e expoña toda esta riqueza histórica e artística, recuperada e a que está por descubrir.

A creación deste Museo hai que vela como unha infraestructura necesaria e produtiva xa que a cultura non só é un divertimento dunhas minorías senón tamén un negocio, e os museos, son un produto demandado, non polo turismo de masas que interesa menos, senón polo chamado turismo cultural.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña