23:04 Venres, 14 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-06-2016

A masacre de Nebra por parte da Garda Civil produciuse o 12 de outubro de 1916

Nebra no horizonte, unha traxedia sintomática

Valorar (31)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ



A comezos do século XX a sociedade galega veuse axitada por distintas convulsións, unhas con epicentro endóxeno e outras con epicentro externo, que, interaccionando, lle deron a esta etapa histórica na Galiza un significado, un sentido cualitativo diferente.  Efectivamente, o debate sobre a necesidade dunha nova estrutura do Estado español, por iniciativa catalá, tivo aquí a súa repercusión, a súa resonancia e as súas consecuencias; o estoupido da grande guerra imperialista (1914-1918) evidenciou non só as miserias do capitalismo, entre elas o belicismo, senón que  favoreceu a revolución rusa e a aparición do primeiro Estado socialista, así como o rexurdir de novas nacións, como consecuencia do derrube dos imperios ruso, austrohúngaro e turco, o que non pasou desapercibido na Galiza; este contexto favoreceu a superación da ideoloxía rexionalista que dominaba a conciencia dunha parte da opinión galega  ilustrada, e servía de xustificación e lexitimidade ao bipartidismo político estatal na súa actuación aquí, abríndose paso a aparición pública dun ideario nacionalista coas Irmandades da Fala (1916); con bríos renovados e obxectivos máis contundentes orientados a unha oficialidade e expansión integradora de usos do idioma postergado, o galego, defendeuse por parte dun sector da minoría ilustrada como vehículo de integración e identificación nacionais, avogando na práctica polo seu uso escrito sen límites e pola súa restauración oral nas clases que o abandonaran, coa pretensión de acabar coa separación insolidaria entre campo, o mundo labrego, e pequena burguesía de cidades e vilas, sobre todo; finalmente, e moi importante, a axitación  prendeu nunha inxente masa labrega, a clase máis representativa do país, en cantidade, conservación do idioma, e disposición a cuestionar unha das súas opresións como pobo traballador: non seren propietarios plenos da terra que traballaban por mor da vixencia do sistema de foros. Velaquí os elementos que, combinados, explican a dialéctica política, social e ideolóxica que dominou Galiza no primeiro terzo do século XX.

Os sectores ilustrados do noso país foron proclives a ter unha opinión e imaxe moi pexorativa do mundo labrego, en consonancia cun distanciamento que favorece a insolidariedade e o non recoñecemento do mundo desprestixiado e discriminado como propio. Mesmo A. Villar Ponte (El Sol, 23, febreiro, 1919), nun artigo titulado “Osera-Nebra/Narón-Sofán”, coa entradiña “Del caciquismo gallego”, chega a acreditar no  tópico de os labregos se dobregaren perante o mito da autoridade, coincidindo nesta apreciación con Vázquez de Mella. Opina que son capaces de pór a vida en risco pola defensa atávica das súas tradicións (baldaquino, no caso de Oseira; cemiterio, no caso de Sofán), pero incapaces de confrontárense coa opresión do cacique….Porén,  a seguir, malia todo, denuncia que “la tragedia de Sofán, ese triste fusilamiento de mujeres, clama al cielo. Porque ya no es el primero ni el segundo que se lleva registrado en Galicia de diez años a la fecha. Después de lo de Osera, y en el término de un lustro escaso, sobrevino la bárbara represión de Nebra, donde perecieron acribilladas por la espalda –según los relatos periodísticos de entonces- algunas pobres ancianas; luego, las muertes de mujeres en Narón, y ahora lo de Sofán.¡Todo en una sola provincia, la provincia de La Coruña! Es el odioso caciquismo, obra del régimen centralista que nos agobia”.

Polo tanto, para el, puido haber algo de atávico e tradicional en Oseira e Sofán, pero “en las tragedias de Nebra y Narón, sólo el noble anhelo de la defensa de sus derechos civiles impulsara a los labriegos por el  camino de la iracundia. Y en todos los casos el máuser procedió igualmente”.

Da traxedia de Narón escribimos no noso artigo anterior no Terra e Tempo. Que pasou logo en Nebra? Fálase desta masacre como unha protesta antifiscal, normalmente. É certo que o detonante foi un sistema impositivo que se prestaba a unha aplicación discriminatoria, por se non fose dabondo oneroso en si mesmo para as clases traballadoras do campo. A verdade é que cumpriría estudar como funcionou o sistema de arbitrios e consumos na Galiza desde mediados do século XIX até 1925, e teríamos seguramente a proba dunha das vías de opresión e espolio do país por parte da Administración española. Contentémonos, de momento, con dicir que a recadación de tributos se facía mediante a imposición dun cupo que as Cortes repartían entre as provincias, as Deputacións entre os concellos, e os concellos entre os contribuíntes. O menos que se pode dicir é que o reparto non se facía con criterios obxectivos, senón máis ben seguindo os criterios dominantes en cada caso, polo que a discriminación estaba servida de antemán. Agora ben, sendo unha protesta antifiscal o que provocou a convulsión de Nebra en 1916, non se explica sen un clima de axitación favorecido pola crise política do réxime da Restauración, considerado caciquil e  corrupto, a mobilización contra o foro por parte das sociedades agrarias e un certo nivel de autoorganización campesiña. É, pois, a expresión dun malestar máis xeral e dun estado de conciencia novo, pois se expresaba en obxectivos políticos e socio-económicos, a propiedade plena da terra, e na constatación do poder da mobilización.

A masacre de Nebra por parte da Garda Civil produciuse o 12  de outubro de 1916.Inicialmente deuse a cifra da morte dun home e de dúas mulleres, e limitouse os feridos a dous homes e dúas mulleres. A propia información xornalística recoñecía que  reinara grande efervescencia no Son todo o ano polos veciños negárense a pagar os arbitrios municipais. Xa o día 15 de xuño o comercio encerrara as portas en sinal de protesta. O día 12 de outubro produciuse un grande tumulto ao presentarse o recadador, coa garda civil, para embargar, por vía de apremio, unha vaca e outros semovientes  dun veciño  moroso. Perante a imposibilidade de facelo, acudiron máis números da garda civil, trinta e dous, cun capitán ao fronte. Foron en dirección á parroquia de Nebra, co axente recadador. Saíron ao paso centos de veciños, segundo a prensa, con fouces e gadañas. Pero resulta que a suposta agresión aos gardas, da que son acusados, foi con paus e pedras, segundo esta mesma prensa, habendo dous gardas contusionados. Curiosamente, o capitán ao mando, perante a gravidade inocultábel do sucedido, adianta, como se nada tivera que ver, que chegara aos seus ouvidos que houbo mortos e feridos, e, para xustificar a contundencia represiva empregada e colocar toda a responsabilidade nos labregos,  que volverían a ser atacados. O Gobernador  enviou axiña, como reforzo, dous postos de cabalaría. Inicialmente, a información, pois, seguindo pautas oficiais,  intentou presentar os  labregos como agresores, e tendeu a ocultar mortos e feridos.

O Gobernador da Coruña facilitou o 12 un telegrama ao Ministro da Gobernación que falaba da agresión continua de máis de 400 homes, ocultando que había moitas mulleres.  Porén, o alcalde do Son tamén comunica ao  Ministro que, no lugar de Cans, o comisionado de apremio e a forza armada foran abourados polas mulleres, intentando quitarlles as armas, para logo seren atacados  polos homes agochados ás beiras da estrada e nos piñeirais inmediatos. Até pretende que dispararon contra a Garda civil, cando non portaban armas. A que si disparou foi a Garda civil, tendo que lamentar a morte dun home e de dúas mulleres, segundo o alcalde, e sendo feridos dous homes e dúas mulleres. Tiveron que suspender o procedemento de apremio.

Resulta rechamante e ilustrativo comprobar cais eran os criterios para o comportamento da benemérita que imparte o xefe  da Garda Civil: primeiro, manter o principio de autoridade; segundo,  o  prestixio do corpo e terceiro, a seguridade persoal dos gardas. O capitán xustificouse argumentando que, dispostos os labregos/as a impediren os embargos, non valeu para nada a disuasión. Acusa as mulleres de seren as primeiras en enfrontárense coa forza armada, coa intención de desarmala, polo que se viu obrigado a disparar.

O día 13 pasaron por Santiago camiño de Porto do Son o Gobernador e o Tenente Coronel da Garda civil. Visitaron os feridos no hospital. Sacaron a impresión de os veciños “estar decididos a no satisfacer las cuotas del reparto del déficit que ha ocasionado las lamentables ocurrencias”. Temos  dados hospitalarios: a amputación da perna dereita a Rosa Cadórniga Maneiro, de 53 anos, que a tiña fracturada por un balazo. “También fue necesario cortar las dos extremidades inferiores a Ramona Suárez Sousa, de cuarenta y seis años, labradora como la anterior y vecina de la parroquia de Nebra”. 

O aparato gobernativo acusa as Sociedades agrarias de teren avivado as protestas e en particular aconsellar as mulleres a acometida á garda civil. Ao mesmo tempo, o Ministro da Gobernación, Ruiz Jiménez, para acalar voces críticas que denuncian evidencias, ordena ao Gobernador enviar un delegado especial a Noia, cabeza da comarca, para que examine o reparto de consumos e ver se está feito con equidade, “pues dada la actitude del pueblo hay motivos para sospechar que non presidiría la justicia la confección del antedicho reparto” (EL Imparcial,15, outubro, 1916)

Desde o 15 de outubro danse cifras máis exactas sobre mortos e feridos: un home e unha muller mortos, feridos e feridas 16, dúas moi graves. O Informe do Ministerio da Gobernación  reproduce o informe do Goberno civil da Coruña: En síntese, houbo un acordo do concello do Son para cobrar arbitrios extraordinarios; o cobro do primeiro trimestre dos consumos e do arbitrio extraordinario foi  boicoteado por consello das Sociedades Agrarias, especialmente da de Nebra, pois consideraban o alcalde e concelleiros malversadores dos fondos do concello.Non satisfixeron a cota no período voluntario, polo que se fixo declaración de incursos de recargo no primeiro grao de apremio. Repetiuse o segundo trimestre, e en xuño  o alcalde pediu o auxilio da Garda civil para acompañar o recadador. Unha comisión de veciños pediu dous recibos separados, o de arbitrios e o de consumos, e o Goberno civil aceitou, recomendándolle ao alcalde que así o fixer e que deixase sen efecto o procedemento de apremio e recargos de instrución, abrindo un novo período voluntario de cobranza. Fíxose así sen resultados, pois, di o informe oficial do Ministerio, o día 2 de outubro o alcalde volveu pedir a axuda da Garda civil para as notificacións e embargos a todos os morosos. Concentrada a forza armada de Ribeira e do Son, deuse inicio a estas operacións nas parroquias de Goiáns, Minortós e outras. A maioría dos veciños fixo efectivas as súas cotas ao notificárenselles os embargos. O alcalde de barrio de Minortós resistiuse e embargóuselle unha vaca. Posto á fala coa Sociedade Agraria de Nebra, reunida esta, acordou recobrar pola forza os móbeis e semovientes embargados e reunirse ao estoupido dunha bomba e ao son de bucinas, cando aparecer a Garda Civil na parroquia, ocorrendo os sucesos o dia  12 pola mañá. Naturalmente, a versión oficial considera opinión unánime a de a Garda civil non poder evitar as desgrazas ocorridas (dous mortos e 16 feridos). 

En relación co debate parlamentar que os sucesos provocaron, alén de ser cativo, só El País (15-10-1916)fíxose eco da intervención de Marcelino Domingo, o deputado catalán, republicano autonomista,  en base a tres criterios:  enviar un delegado gobernativo a investigar, aclarar como se fixo o reparto de consumos, e clarificar por que a intervención da forza pública é frecuentemente sanguinaria. Solicitou tamén  expediente de reparto de consumos de Noia. A resposta do Ministro Ruiz Jiménez consistiu nunha defensa da Garda civil como salvagarda das persoas e das propiedades, limitándose a facer un informe análogo aos oficiais devanditos. Admite  que parece que, no concello, había desde había tempo certas irregularidades. Non se investigan. Porén, móstrase rotundo afirmando que“se muestra dispuesto a imponer penas severas a los instigadores de los lamentables sucesos de que se trata”. Polo demais,  ningún deputado galego preocupouse do acontecido.

A finais de novembro de 1916 houbo unha  asemblea galega de protesta en Santiago polos sucesos de Nebra. Estaban as sociedades agrarias e algúns republicanos. O resumo fíxoo o concelleiro pola Coruña, Joaquín Casares Quiroga. Reclamaron: a destitución do gobernador, responsabilidades polos sucesos de Son e indulto para os señores Castellevi y Alegre, médico este que debeu axudar os feridos, sendo por iso duramente represaliado. Todo un síntoma de que a masacre de Nebra convulsionou o Son dunha forma que atinxiu máis sectores sociais que o maioritario  labrego, e que a represión tivo secuelas e manifestacións que estamos moi lonxe de coñecer.

Desde logo, teño a certeza de que os nacionalistas de Porto do Son, en especial, e todas as persoas que acrediten que un pobo non pode ser digno con desmemoria e amnesia sobre si mesmo, aproveiten que se van cumprir os cen anos destes sucesos para lembralos como se merecen, especialmente na base popular rebelde contra a inxustiza que os protagonizou e que sufriu as consecuencias do aparato represivo do Estado español, por non aturaren docilmente a opresión.  


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



[01-07-2016 21:48] francisco rodríguez comentou:

Vosté sempre fai o mesmo, veña ou non a conto. E este artigo non ten nada a ver coas súas críticas. Non sei de onde saca a idea de que temos desprezo sobrevido por acadar representación institucional. Amosa unha obsesión pouco edificante, estar sempre co mesmo: caña contra a UPG. O odio non se materializa só no asasinato...Tamén na mesquindade, na insidia, na manipulación, nos prexuízos e nas fixacións.....

[01-07-2016 03:52] Xusto comentou:

Non confunda ser crítico (que non odiar, a xente por odio mata, sexa mais prudente coa linguaxe) con ignorar ou desprezar a historia do pais da que son mais coñecedor do que vostede pensa e asiduo lector, incluidos os seus textos.

O que resulta inexplicable é ese desprezo sobrevido por acadar calquer tipo de representación institucional coincidente casualmente (ou "causalmente") coa fase mais aguda do descenso en apoios populares do BNG iniciada hai dúas decadas. O que antes era un obxectivo a acadar hoxe non son mais que obsesións de malpocados. Non entendo a metamorfose.

E non se alporice, sobras os '!!!'

[30-06-2016 13:15] francisco rodríguez comentou:

...Non sei como podes vivir con tanta obsesión e odio anti-upg....Que che aproveite!!!
Recoméndoche que perdas tanta obsesión electoral e coñezas algo mellor a historia do país na súa totalidade....tanto desprezo por ela é unha santificación da ignorancia....

[29-06-2016 20:41] Xusto comentou:

Polo titular pensei que dunha vez iba a ler autocrítica, toca seguir esperando

Para as galegas, nas que se masca a traxedia, propio un cambio de eslogan mais acaido para a UPG: "Denantes mortos que con deputados"

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal