19:36 Domingo, 03 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-06-2016

Traballar para o inglés… Esta expresiva e coloquial frase resume ben o que moitas e moitos dos nosos compatriotas fixeron e continuarán a facer

Pesos e medidas. Traballar para o inglés...

Valorar (36)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO



Hai anos, deuse en falar da débeda histórica galega. Consistiría ela no conxunto de todo o que o Estado español debería ter feito na Galiza e non fixo. Xa daquela me permitín ironizar sobre o método de cálculo de semellante acumulación a través do tempo. Que parámetros ou que indicadores serían os utilizados? Estradas, autoestradas, camiños de ferro, pontes, modernización de aeroportos, hospitais, centros de ensino, asistencia social…? Desde cando situamos que o Estado nos debe algo? De por parte, na “balanza comercial” Galiza-España, que colocamos en cada “prato”? Imaxinemos que fose posíbel tal operación e que ela se puidese cuantificar, acatando a orde non escrita do sistema capitalista en virtude da cal todo se pode medir, pesar, valorar, ser susceptíbel dun prezo, comprar e vender no mercado e mais nos poderes públicos que están ao seu servizo.

Vaiamos agora ao intanxíbel. Como se mede, pesa, valora… todo o sofremento acumulado por ter que saír da terra para ir entregar enerxías e forza de traballo a un outro país, destino dunha emigración que non cesa? Que valor lle concedemos a todas as viúvas de vivos e ao seu papel como responsábeis monoparentais de miles de unidades familiares? A extirpación da lingua  -proscrita, desprezada, burlada até o inimaxinábel-  que non é planta autóctona, senón consecuencia dunha imposición ferreña do idioma con mando en praza, por moito que logo fose tan ben servida polos elementos nativos asimilados, que valor lle concedemos e como a cuantificamos para que poda procederse ao desagravio? Toda a servidume inoculada en nós, toda a pasmona adoración do que vén de fóra, nomeadamente da España, hoxe aumentado co reforzo colonizador dos USA-Unión Europea, será por acaso obxecto dalgún tipo de compensación?

A listaxe de perguntas semellantes ás anteriores sería inacabábel, así que desvendaremos axiña a razón da súa oportunista utilización pola nosa parte. Hai unha moda (perdón: tendencia!) que intermitentemente aparece en meios de comunicación e inclusive no ámbito académico. Trátase de ponderar o importantes que somos, seica, os galegos, tanto como para triunfarmos polo mundo adiante. Deste xeito, enteirámonos de que galego era o maquillador de Greta Garbo, galega a cociñeira de John Lennon, cuidadoras-asistentas varias… e, como non, múltiplos inventores, descobridores, investigadores, autoridades, dignatarios varios, ministros españois… Todo isto, no cume dunha pirámide imaxinaria, ocupado por celebridades ou elementos altamente cualificados e / ou ben aprezados polo seu traballo e a súa dedicación. Seguíndomos este ronsel até o final, concluiriamos que as galegas e os galegos pertencemos a unha estraña terra que pare as suas fillas e os seus fillos para os entregar compracentemente a servir os demais, sexa no cume da pirámide, como xa dixemos, ou sexa nunha base amplísima de traballo duro e historicamente en tantas ocasións causante de miseria e morte a miles.  

De modo e maneira que a pergunta xorde decontado. Como se valora todo o que a “especie” galega entregou ao engrandecemento dos lugares de destino? O medro da biografia persoal  -ou, na maioría dos casos, a simples subsistencia-  que perda supuxo para a contorna persoal da emigrada, do emigrado, e para o país, para a Galiza no seu conxunto? Como se pesa ou como se mede? Se eu cualificar de “moda” a emigración histórica, todos os demos cairán, con razón, sobre min. Se eu falar de fatalidade, serei acusada, tamén con razón, de determinista e descrida da rectificabilidade da historia. Mais si cabe falar, obxectivamente, dun hábito, dunha tradición aceitada e practicada como natural: desistir de pelexar na terra e saír dela para obter o que se ansía. Tal e como Castelao e outros clásicos galegos analisaron e enxuiciaron, a emigración como sucedáneo da protesta, como válvula de escape da conflitividade social, como, ai!, desistimento, abandono… De moi vello é definida esta expulsión do país. Así saudaba, en Marzo de 1894, El Eco de Galicia, da Habana,  a chegada de Curros a Cuba: “Viene por un instinto de raza, por cumplir una ley fatal que parece impulsar a los gallegos a dejar su tierra hermosísima en la cual se anidan, juntamente, todas las bellezas y todas las amarguras”.

Entrega de traballo, forza produtiva, mocidade… Procura dun emprego fóra da Galiza. E, como non, emigración do voto. Haberá algo máis vello que poñer a traballar elementos nativos para encher o celeiro de forzas políticas españolas? O descoñecemento descomunal que padecemos da nosa historia non é acaso solidario deste entreguismo? Lealdade de can, denominaba Castelao a practicada con toda a ilusión por tantos galegos ao servizo da Coroa castellana, do Estado español despois… Se esa historia  -remota, contemporánea…-  se coñecese, o eleitorado galego estaría máis que curado de depositar o seu voto e as súas ilusións nas forzas políticas organizadoras de safaris de captura de voto e adhesión. Por enésima vez véndese como novo o que é o máis arcaico e revellido da nosa magoada historia: sermos fieis colaboradores do medro de votos que Madrid precisa. Madrid, claro está, como metonimia e como símbolo da política española, soi disant de centro, de dereitas ou de esquerdas.

Traballar para o inglés… Esta expresiva e coloquial frase resume ben o que moitas e moitos dos nosos compatriotas fixeron e continuarán a facer. A tipoloxía non é uniforme. Hainos vítimas de auto-odio profundo; hainos, como non, ilusionados de boa fe, en que agora, por fin, si se producirá o milagre: España vainos pagar o que nos debe! Albízaras! Hainos afiliados ao TT, isto e, ao “Tanto ten”, mais que resolven o escepticismo sempre do lado do español. Hainos practicantes da máxima “Cabalo grande, ande ou non ande” (e isto versión dereita e versión esquerda). Hainos, en fin, desertores de grande tamaño e responsabilidade: vendedores dunha mercadoría eleitoral que bota por terra todo aquilo que os engrandeceu e os arrequeceu a eles proprios como persoas públicas, como biografía de valor.  

Coido, en suma, que esta é a verdadeira divisoria que, no seu beneficio, pode e debe estabelecer o nacionalismo galego do BNG. Un dos lemas máis eficaces e mellor comprendidos da súa xa longa historia eleitoral foi: “Os nosos”. Se antes e despois da campaña eleitoral, non nos esmeramos en afortalar o verdadeiro sentido do voto galego, a noción de pertenza á nación galega, o sentido de traballarmos para nós mesmos, a necesaria paciencia e constancia na construción dunha dignidade cívica que leva moitos anos esmagada ou escurecida, no esclarecemento do pouco que vale a galeguidade primaria e insubstancial que se nos permite…, se non traballamos con estes vimbios, pouco daremos feito. Para quen quixer xogar: canto pesa ou canto vale, en contraprestacións, o voto galego entregado á inmóbil España en calquera das súas versións?  


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña