00:38 Domingo, 25 de Xuño de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

30-05-2016

O desporto ten unha longa tradición e desempeñou un papel histórico importante en moitas loitas de emancipación nacional e social

Que non nos rouben a nosa bandeira!

Valorar (49)

ROBERT NEAL BAXTER



Como xa vén sendo tristemente habitual nesta queridísima patria unida, esta Ejpaña fogar de todos que ama todos os fillos por igual, as noticias non son noticias até que acontecen en Madrí. E para a Galiza, os sucesos sobre paletos, puteiros e parvos, que hai que nutrir e manter os estereótipos.

  Así, de súpeto, alimentados polo sempre latente odio visceral cara à ingrata Catalunya que xa non quer ser española, os medios sistémicos españois –sono todos, algúns dun lado máis que do outro– enchen a boca coa polémica suscitada a raíz da tentativa por parte da Delegación do Goberno español en Madrí de prohibir o acceso da tan temida estelada ao estadio Vicente Calderón, escenario da final da Copa do Rei de fútbol entre o Barça e o Sevilla.

  E non se ruborizan o máis mínimo os ‘expertos’ comentaristas e opinistas falabaratos varios, así como todos aqueles que non se cansan de se dicer demócratas, cando se poñen a esbardallar sobre o tema e afirman que o que resulta polémico é o uso dunha bandeira que, até onde eu sei, nen se considera ilegal mesmo dentro da férrea Lei Mordaza, e non a prohibición desa bandeira. Non me estraña que esta súa democracia centralista, chauvinista e excluínte non a queiran en Catalunya, como non a queremos nós aquí na Galiza.

  Os pretextos que se esgrimen son de dous tipos. En primeiro lugar está a acusación de que se trata de bandeiras que incitan ao odio, que as equipara coa simboloxía racista e homófoba, invocando a Lei 19/2007, do 11 de xullo, contra a violencia, o racismo, a xenofobía e a intolerancia no desporto. Como alguén nascido fóra que milita aquí, ben sei que a ladaíña do nacionalismo excluínte é tan banal como falsa e que a estelada, a ikurriña e a nosa estreleira son, mal que lles pese, asumíbeis e asumidas por quen quixer; son símbolos de convivencia. Quen realmente alimenta o odio descerebrado son Galicia Bilingüe e xente da mesma laia, que non dubidan en comparar a bandeira da patria coa esvástica nazi.

  E, en segundo lugar, escudándose nas normas internas que rexen a UEFA (novo corpo lexislativo español), apelan a que non se debe mesturar a política e o desporto. Así, UEFA xa ten multado o Barça por esta cuestión en varias ocasións, encanto que exhibir bandeiras nazis e o aguilucho fascista español ao parecer só merece unha amoestación.

  Por outro lado, como fenómeno de masas que é, o desporto ten unha longa tradición e desempeñou un papel histórico importante en moitas loitas de emancipación nacional e social, desde o puño erguido dos Panteras Negras nas Olimpíadas de 1968 até as protestas durante os Xogos de inverno de 2014 contra a homofobía na Rusia, pasando polo boicote desportivo da África do Sul para protestar contra o apartheid e mesmo algo tan básico como a reivindicación dunha selección nacional galega. Como o resto da vida humana, o desporto tamén é política.

  A verdade é que politizar o desporto con bandeiras non sempre é un problema. Só o é cando as bandeiras non son as do rexime, como, por exemplo, lanzar cun paraquedas  unha xigantesca bandeira española sobre Balaídos, e ninguén se inmuta cando Vicente del Bosque é recibido en Maceda co vergoñento espectáculo dunha bandada de críos arborando un mar de rojiguarras. Isto non é unha provocación, nen incita á violencia: é o normal. Non se trata de simples hipocrisía, mais dunha clara axenda de propaganda política.

  Do mesmo xeito, durante o Festival de Eurovision foron confiscadas varias ikurriñas, unha bandeira que foi vetada xunto coas de varios outros povos sen estado ao mesmo nível que a do denominado Estado islámico, entre outras, mais –obviamente– non a do Estado sionista que participa, como país europeo que é, neste concurso deste 1973... É o mesmo de sempre: defender o statu quo que sustenta o imperialismo, por inxusto e violento que sexa –por exemplo, o xenocidio do povo palestiniano e a ocupación ilegal das súas terras–, non é ‘político’ por definición, en canto que calquer alarde de resistencia ou rebelión se coloca directamente no campo do terrorismo e da incitación ao odio.

  O que fica claro é que o que o sistema prohibe e cala é o que máis lle preocupa. Ben o sabemos no BNG, que se ve sistematicamente silenciado polos medios do poder. E a guerra das bandeiras non constitúe novidade ningunha na Galiza, con exemplos como a prohibición, confiscación e ameazas de multas no Obradoiro xa desde 2012.

  O senbandeirismo é xa unha corrente que se vai espallando máis cada vez e en virtude da cal determinados elementos se empeñan en que non apareza publicamente ‘simboloxía partidista ou sindical’, noutras palabras, a do BNG e da CIG ou mesmo a bandeira da patria.
 
Honestamente, esta postura paréceme unha fraude democrática. O que non se pode é pretender aproveitar o capital humano e a infraestrutura de determinados grupos organizados para logo negarlles o direito de se visibilizaren publicamente. Non é, como pretenden algunhas persoas, unha cuestión de evitar protagonismos inxustificados. O BNG ten unha longa historia que avala o noso compromiso real coas loitas de xustiza social, como a loita feminista, a solidariedade internacionalista, a defensa dos direitos LGBTI+, o antiimperialismo e o antimilitarismo e un longo etcétera. Trátase de que a nosa propria militancia ten o direito de saber onde está o BNG, que loitas apoia e cais non; e trátase de que o público, à súa vez, ten o direito de saber quen apoia que loitas e quen non. Chámase transparencia democrática. Acho, pola contra, que é enganoso e pouco ético que partidos políticos ou sindicatos participantes se agachen detrás de faixas e bandeirolas sen siglas.

En aras à transparencia democrática e na defensa dos intereses do povo galego, non nos debemos ocultar, nen moito menos consentir que nos oculten outros. Xa abonda que nos oculten os medios de descomunicación. Hai que loitar para que a Galiza estexa presente en todas as loitas através dos símbolos que a representan, facendo sempre un esforzo pedagóxico para explicar que non só non é incompatíbel ser nacionalista con defender a xustiza social, senón que, como tan tristemente demostran o pasado e o presente deste país colonizado e de tantos outros ao longo da historia, non hai emancipación social sen soberanía nacional.

  Non hai salvadores supremos, nen moito menos salvadores foráneos.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



[30-05-2016 09:45] xan comentou:

A bóla rojigualda coa que se xogou a liga de fútbol 2015-16, seguramente imposta polo presidente da LFP -militante feixista- tampouco é política.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Presentación do III Volume das Obras escollidas de Bautista Álvarez en Pontevedra


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal