11:45 Martes, 05 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-05-2010

Conxélanse as pensións, cando os maiores índices de pobreza se concentran entre os xubilados, pero non poñen riba da mesa medidas que graven as rendas das 1440 persoas que controlan o 80% do PIB do Estado

Saírse do euro

Valorar (66)

XOSÉ RAMÓN ERMIDA MEILÁN



Quérenos convencer de que a única alternativa á crise das periferias europeas pasa por asumir o dogma liberal, como se a xestión fose neutral, porque saben que o adversario unha vez desarmado ideoloxicamente non é quen de dar batalla algunha. Dinnos que é necesario reducir o salario dos funcionarios, cando a porcentaxe de traballadores públicos, o 52% dos cales se adscriben ao Ministerio de Defensa, ocupan o segundo lugar pola cola da Europa a 15. Insisten en que é preciso conxelar as pensións, cando os maiores índices de pobreza se concentran entre os xubilados, pero non poñen riba da mesa medidas que graven as rendas das 1440 persoas que controlan o 80% do PIB do Estado. Afirman a necesidade de reducir o investimento público en infraestruturas en 6045 millóns, cando esta podía ser unha panca que incentivara o emprego, pero agochan que recuperando o diñeiro do FROB contaríase con 6750 millóns. Aínda así, sen ningún tipo de pudor, recoñecen que este paquete de medidas vai acentuar a recesión, na liña que a perda de poder adquisitivo merma o consumo, e o consumo representa o 52% do PIB. Non lles doen prendas, tampouco, en dar por bo que este recorte vai implicar un aumento do desemprego, ao afectar á obra pública que mobiliza de xeito intensivo man de obra. Mesmamente recoñecen sen reparo algún unha perda do poder adquisitivo e un aumento nos índices da pobreza, ou o diñeiro que van deixar de percibir os dependentes -670 millóns- é inferior ao que recibe a igrexa católica en axudas públicas -900 millóns-, e que isto non abonda, que hai que continuar cos recortes, anunciando xa unha reforma laboral por decreto e unha modificación profunda do réxime de pensións.

É necesario este recorte de 15.000 millóns de euros que ven de anunciar o executivo de Zapatero? Non para as maiorías sociais que van ver como empeoran as súas condicións de vida pero sí para as grandes corporacións financeiras que precisan garantir o cobro das súas débedas. A pesar de que as entidades de crédito europeas seguen a presentar unhas contas de resultados con extraordinarios beneficios, no caso do estado español 17.000 millóns no 2009, a realidade sería ben diferente se non fose pola enxeñería contábel, até o punto de que o Banco Central Europeo ven de recoñecer que para 2010 enfrontan unhas perdas no sector privado similar á débeda pública grega. Tanto é así que o fondo de rescate para a Eurozona 700.000 millóns ou as xudas a Grecia, non teñen outro obxectivo que reembolsar o prestado pola banca internacional, nomeadamente a francesa e a alemana. Agora ben, a gangrena continuará, e ao longo deste ano volveremos a asistir a quebras bancarias e salvamentos masivos por parte dos estados, para socializar as perdas. É a financeirización como resposta ao estancamento do capitalismo maduro e a conversión do diñeiro como auténtica mercadoría que explica a dinámica do sistema.

Como explicar estas medidas á vista das consecuencias no plano do emprego e do deterioro das condición de vida de milleiros de persoas? Tal como afirmaba o magnate norteamericano Warren Buffet "hai clases, hai guerra de clases e esta guerra está a ganala a miña clase". O propio Sarkozy cando demandaba unha "refundación do capitalismo" o que pretendía era facerlle un xesto aos pobos de Europa, escandalizados pola socialización das perdas bancarias, a fin de manter a correlación de forzas existentes. O Estado do Benestar foi unha breve paréntese na historia do capitalismo determinado por unha correlación de forzas definida pola existencia do bloque socialista, o avanzo dos movementos nacional-populares no Terceiro Mundo e a capacidade de presión das clases populares nos centros capitalistas. Unha vez arrombado ese triangulo do pacto capital-traballo restablécese o dominio de clase da oligarquía financeira situado na vértice da pirámide poder para orientar e decidir as políticas económicas dos diferentes gobernos.

A xestión que se  está a facer da crise  polo grande capital deixa unha manchea de instantáneas que nos permite retratar a natureza do proxecto europeo e o papel dos actores políticos pero obríganos, fundamentalmente, a definir novas liñas de actuación para responder ao proceso en curso. Claro que a Europa realmente existente, a única posíbel, é liberal na medida que é a expresión da rexionalización, en tanto un dos vectores, que define o actual paradigma do capitalismo. Tampouco é discutíbel que o marco europeo presentasenos como un espazo para o intercambio desigual, verificándose, no día a día, avances nas desigualdades rexionais. Tamén é indubidábel que a "exportadora alemana" so é posíbel polo control que esta fai da política monetaria. Ou a quen lle pode quedar sospeita sobre o papel e o programa da socialdemocracia.  Agora ben, as medidas de axuste que se lle están a impor as periferias europeas, análogas ás aplicado polo FMI en America Latina ou nas antigas democracias populares, obríganos a definirnos no debate que se libra no mundo sobre aceptar a saída imposta polo grande capital ou optar por aqueloutra que formula a retirada do euro, a negativa ao pago da débeda e a recuperación das competencias en política monetaria. Os exemplos dunha ou outra alternativa podemos velos en Letonia, que tras someterse á terapia do FMI, perdeu o 25% do seu PIB no período 2008/2009 e que até 2015 non vai volver aos niveis de riqueza  2006; mentres Arxentina, que tras rachar coas receitas do Fondo e recuperar o control monetario a finais, de 2001, comezou a recuperarse no segundo trimestre de 2002, medrando o seu PIB nun 63% nos seguintes seis anos. O nacionalismo galego que ten un acerbo doutrinal de décadas crítico co proceso europeo, debe apostar por aquela solución que implique menos custes sociais, que incentive  o emprego e o aumento do poder adquisitivo das maiorías sociais e que axilice a recuperación económica. Chegou a hora de dar a batalla por saír do euro.


1 2 seguinte

[24-05-2010 18:13] nieves villar comentou:

eu non son economista e penso que todo o que dis e certo pero,un erro foi ter o euro como moeda unica,e outro erro searia sair del,non podemos dar paus de cego temos que tirar todos da mesma corda,pero eles o que fan e tidar dun estreno,e pensionistas e funcionarios doutro extremo teriamos que gobernar o pobo fagamos que tiren do noso estremo recortandolles soldo e soldos os ex vitalicias entre outra

[24-05-2010 13:11] hadrian comentou:

Eu non sei si a batalla é a de sair do euro ou non, pero desde logo teño claro que a guerra é pola soberanía nacional.

Si co euro os estados membros, que non povos, de europa perderon a soberanía para fixar a política monetaria e co pacto de estabilidade perderon a soberanía para fixar a política fiscal, coas novas medidas impóñense novas perdas de soberanía : a da política de gasto e políticas sociais. Desde Europa xa se controla o 100% da política económica dos estados membros e iso é equivalente a decir que os estados membros perderon a súa soberanía económica e con ela a política.

Os estados membros fican reducidos a simples executores de políticas, máis ou menos o que o Estado español pretende facer coas autoanemias.

[22-05-2010 11:16] forever young comentou:

A análise paréceme correcta e a saída do euro unha boa medida máis onde seguimos fallando é na guerra das ideas. Non somos quen de convencer a sociedade que a "solución vermella" é a alternativa ao neoliberalismo. Xogando dentro do sistema paréceme que é imposible gañar esta guerra, deberíamos explorar outras vías. Falamos.

[22-05-2010 10:57] Dun de tantos comentou:

O nacionalismo galego ten unha oportunidade de ouro para propoñer o que son as propostas que formulou contra vento é mare para escandalo da caverna europeista. Non propoño pasar a navalla barbeira, simplemente que non podemos dar por bó é que o noso futuro sexa o da latinoamericación.

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña