23:32 Mércores, 20 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-05-2016

Desexo que se comprenda a grave pexa que significa que padezamos un esquecemento, unha amnesia deliberada, unha calculada ocultación de todos os sucesos que foron trazando a nosa historia como tal pobo con capacidade e vontade de ser

A fráxil ou nula conciencia do pasado

Valorar (35)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ



Esta é unha característica que corroe a capacidade do pobo galego para sentirse, verse e actuar como tal. Non estraña a facilidade coa que os seus símbolos poden ser, entón, banalizados, ou apropiados para serviren, de forma manipulada e fragmentaria, a finalidades mercantís propagandísticas. Un caso recente témolo co himno galego, do que a meirande parte da poboación descoñece a súa letra, usado, especialmente un dos seu versos illados, a costa verdecente, como soporte de galeguidade emotivo-paisaxística dunha coñecida marca de cervexa. Deste xeito, prodúcese a banalización e unha suposta popularización sen haber coñecemento social, difusión real nin contacto coa intencionalidade orixinaria e global do poema pondaliano e a música que o acompaña. Teríase producido tal fenómeno se o himno  enteiro fose coñecido, asumido e considerado como propio polo pobo galego e os seus representantes, aprendido nas escolas e cantado, sen reticencias nin censuras, en todos os actos sociais e políticos de relevancia?Teño as miñas dúbidas. En todo caso, non se tería utilizado deste xeito.

Vén isto a conto porque desexo que se comprenda a grave pexa que significa que padezamos un esquecemento, unha amnesia deliberada, unha calculada ocultación de  todos os sucesos que foron trazando a nosa historia como tal pobo con capacidade e vontade de ser. Convértenos así nunha grea desorientada, sen perfil nin intención ou obxectivos propios, que contribúe a adaptarnos a unha opresión aniquiladora, sen a menor dignidade. E o máis paradoxal é que non se corresponde esta visión cos feitos reais, moitas veces demostrativos de que aquí nos confrontamos coa submisión e a opresión con dignidade, esforzo colectivo e sufrindo unha moi dura represión.

Cal é o motivo de, sendo amplas clases populares galegas as que se viron involucradas en sucesos e protestas que  acabaron por teren, á longa, consecuencias na mudanza positiva da realidade, teñan desaparecido da memoria colectiva ou languidezan como anécdotas sen importancia maior en minorías historicistas? Son varios os factores que contribúen a este resultado: a)a desvalorización inducida polo poderes reais da propia historia ou tradición, que se considera inexistente, pois só hai tradición e historia española;b) a ausencia dunha tradición social e familiar que recolla, da forma popular e emotiva, os avatares polos que a nosa sociedade e as  nosas familias pasaron; c)a expulsión do sistema educativo de toda referencia a estes sucesos pois non forman parte da historia oficial, como sucesos galegos e populares, por máis que algúns tiveren unha incidencia política de calado en España; d) os puntos a) e b) van acompañados da firme censura e silencio que os poderes fácticos do Estado, o exercito  e a garda civil, en primeiro lugar, e os seus intermediarios, incluídos os medios de comunicación, aplican para o esquecemento colectivo dos conflitos nos que se evidenciou o seu carácter represivo, co corolario da correspondente autocensura e amnesia colectiva.

Por exemplo,  os sucesos do 10 de marzo de 1972 en Ferrol manteñen unha certa lembranza social grazas á perseveranza coa que o movemento sindical os evoca todos os anos. Porén, a cada paso esvaece máis a significación do seu grande impacto na situación política de entón, tanto dentro de Galiza, como no Estado, debido á forma de narrar a historia española conforme a un deseño no que a marxinalidade de Galiza medra. Alén diso, as organizacións estatais obvian mesmo cal foi a causa primeira do conflito: a defensa dun convenio de ámbito provincial, non estatal, que hoxe ningunha delas defende. Nin sequera  formularon nunca, chegada a democracia, no Congreso dos Deputados, calquera reivindicación de compensación e recoñecemento da dignidade para as vítimas e os seus familiares. Houbo que esperar á chegada do BNG ás Cortes. Aínda así, o esforzo político dá os seus resultados: hai estatua e praza na cidade de Ferrol que lembran os sucesos e as vítimas. O 10 de marzo celébrase o día da clase obreira galega. Noutra dinámica, foi a perseveranza da UPG a que logrou que non se borre a lembranza do asasinato de Moncho Reboiras pola policía  o 12 de agosto de 1975, acabándose por recoñecer polo Goberno a súa dignidade como vítima da represión franquista.
 
Aliás, xustamente estes dous exemplos, malia as súas limitacións e fraxilidades, axúdanos a entender mellor a magnitude da ocultación e o esquecemento do noso pasado. Un fica abraiado de como uns gravísimos sucesos, mortos, feridos, estado de guerra e censura de prensa incluídos, acontecidos en Ferrol e Sedes (Narón) cincuenta e catro anos antes dos de marzo de 1972, no mesmo mes de 1918, non gozan de ningunha lembranza colectiva nin recoñecemento  públicos, como se  non tiveren existido. Porén, a convulsión social vivida na cidade e na comarca foi épica e tráxica desde comezos até fins do mes de marzo de 1918. Os historiadores locais falan dunha mestura explosiva de paro, suba dos prezos de primeira necesidade, a comezar polo pan, e escaseza de alimentos por mor dos acaparadores que especulaban con eles. Tamén hai que engadir unha política fiscal opresiva de arbitrios e consumos, en especial  contra os labregos, un sistema que enxugaba os déficits da administración a base de sobrecargas repartidas de forma discrecional e tendenciosa. Pois ben, seguindo a información oficiosa da prensa, isto foi o que aconteceu: a comezar o mes de marzo, os prezos do pan eran na cidade e bisbarra os máis altos de todo o Estado; as padarías de Neda e Xuvia pechan por falta de fariña; o día 9, varias mulleres de Xuvia caen feridas ao acantazaren un almacén dun acaparador de fariña. O día 11 unha impoñente manifestación, con maioría de mulleres e nenos, paralizan o tráfico e o comercio da cidade berrando “Temos fame!”. Intentan asaltar almacéns de acaparadores de alimentos, entre eles a tenda de coloniais de Elisa Ramos. As forzas armadas  disparan e matan un neno de 12 anos e un obreiro de 17, e hai cinco feridos…O día 12, 6000 traballadores, en manifestación, enterran os mortos;as mulleres toman o mercado e baixa o prezo da carne. Non tarda en intervir un piquete de Infantería…O día da feira, o 13, o alcalde de Sedes, como o de Fene antes, é acusado por miles de labregos, sobre todo, de acaparador de trigo, sendo cercado  na súa casa. Acode a Benemérita que dispara co resultado de tres mortos, dous homes e unha muller, e varios feridos, dous homes e catro mulleres, segundo o parte oficial, en realidade moitos máis. O Goberno aplica o estado de guerra e a censura de prensa desde o comezo da convulsión. O resultado final foron mortos e represión, pero tamén que o Goberno non lle quedar máis remedio que regular os prezos dos alimentos básicos e exercer un control real sobre o seu cumprimento.

Pois ben, nin pegada para o futuro. Unha mesta capa de silencio cubriu aqueles sucesos significativos, de tal maneira que os protagonistas de 1972 non tiñan conciencia de estaren formando parte dunha tradición histórica de loita obreira, labrega e popular no país e na bisbarra, en especial, contra as inxustizas derivadas dunha política estatal opresiva. É como si estivermos pendurados no baleiro e obrigados a mirarnos en espellos  externos como exemplo. Quen desexe ter exemplos femininos combativos e mártires non ten que ir nin a New York nin a Madrid nin a París nin a London, tenos aquí abondosos ao longo da primeira metade do século XX entre as nosas clases populares. En 2016 cúmprense 100 anos dos sucesos de Nebra (Porto do Son), en 2018 é o centenario dos sucesos de Ferrol e Sedes (Narón), en 2019, o dos sucesos de Sofán (Carballo). Dispoñámonos a rescatalos do esquecemento, a comezar nos propios lugares que os viviron directamente, e a incardinalos na conciencia colectiva do noso pobo que tan necesitado está das propias referencias que se lle furtan a mantenta para facelo indigno, servil e mimético.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña