12:44 Domingo, 08 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-05-2016

O 68,40% da poboación utilizou a televisión para informarse durante a campaña electoral do 20D

Apaga a tele (2ª parte)

Valorar (16)

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA



Dicía o pasado mes de xaneiro, nun artigo tamén publicado neste medio, que os medios tradicionais, cuxa cobertura é universal, son a canle que utiliza a meirande parte da poboación para manterse informada e entreterse. Unha recente análise do CIS publicada en abril vén a corroborar esta afirmación, comparándoa ademais co comportamento electoral da cidadanía nas últimas eleccións xerais do 20D.

  Esta enquisa post-electoral, que realizou 6.242 entrevista en 695 concellos de todo o Estado, reflicte que o 68,40% do electorado utilizou a televisión, todos ou case todos os días, para informarse sobre a campaña electoral. Unha cifra case cinco puntos inferior ao total de votantes nas pasadas eleccións de decembro (73,2%). Estes datos contrastan cos reflectidos para os outros medios de comunicación tradicionais, xornais e radio, que cun 27,4% e un 23% respectivamente, fican moi lonxe da universalidade que ten a televisión. Neste sentido cómpre tamén destacar que mentres a televisión ten só un 12,9% de persoas que din non a ver “nunca ou case nunca”, este baremo dispárase para os xornais e a radio, que cun 54,2% e 63,7% respectivamente, dan conta da grande influencia e atracción que ten o que chaman a “caixa tonta”, que de tonta non ten un pelo, cando é quen de atraer a tantas persoas.

  Esta enquisa do CIS tamén reflicte uns datos sumamente interesantes sobre as preferencias televisivas en función do recordo de voto das pasadas eleccións xerais. Segundo esta enquisa as canles preferidas para “seguir a información política electoral” son -por esta orde- La Sexta (21,1%), TVE1 (18,90%) e Antena 3 (18,10%). As persoas que máis viron La Sexta, do grupo Atresmedia, que con Antena 3 xoga a ambos bandos, foron -tamén por orde- En Marea (56,30%), Podemos (52,90%), Izquierda Unida (47,90%), En Comú Podem (45,10%), Compromís (50,60%) e algo máis lonxe están os votantes de PSOE (21,50%) e Ciudadanos (16,70%).

  Como se pode supoñer TVE1 e Antena 3 teñen escaso predicamento entre os votantes dos partidos citados con anterioridade, mais a enquisa do CIS non reflicte uns datos de audiencia tan elevados como os que ten La Sexta entre os votantes do que se chama “a nova política”. Así, un 35,7% e un 25% dos votantes do PP utilizaron TVE1 e Antena 3 respectivamente para manterse informados durante a campaña electoral do 20D. Os votantes do PSOE tamén escollen estas dúas canles, 19,6% e 14,9% respectivamente, e tamén os de Ciudadanos que teñen preferencia pola canle de Antena 3 (32,7%), tamén do grupo Atresmedia como La Sexta, que como se ve ten oferta para todos os gustos.

  Pero a enquisa do CIS non só se interesa só polo comportamento do electorado a respecto da televisión, tamén reflicte datos sobre os usos da internet. Así chama a atención que só un 30,3% das persoas enquisadas utilizaron as redes sociais (Facebook, Twitter, etc) para seguir a campaña electoral, fronte a un 47,10% que utilizaron as páxinas webs de medios de comunicación consolidados (El País, El Mundo, etc), tamén co mesmo fin, reproducindo na rede os seus hábitos informativos habituais.

  Como se pode ver, os datos que reflicte a enquisa do CIS son demoledores, a televisión abrangue a amplas capas da poboación, e o que é peor, a súa influencia política afecta a todas as persoas por igual, desde os que votan PP até os que votan Podemos ou Izquierda Unida, que como vimos antes devoran máis televisión que os votantes de Mariano Rajoy.

  Con datos así non nos debe sorprender que os partidos políticos estatais, coa escusa de aforrar, decidiran facer campaña na caixa tonta, no canto de facela na rúa. Non necesitan imprimir cartaces e bandeirolas, xa teñen a televisión, cuxos grupos económicos aos que pertencen defenden os seus intereses, os económicos e os políticos, como fai La Sexta, que non disimula a súa aposta política por Podemos, que chega mesmo a confundir a súa sede coa do partido morado.

  Por iso é fundamental apagar a televisión, se queremos ser realmente libres á hora de elixir a opción política que defende os nosos intereses de clase (traballadora). Os partidos políticos teñen canles abondo desde a que ofrecen a súa oferta electoral, non necesitamos intermediarios que peneiren a información, e sobre todo, non necesitamos que escollan por nós a quen debemos e a quen non debemos votar.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña