18:49 Mércores, 06 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

21-05-2016

Aínda hoxe, as carnicerías do meu Carballiño, se pides “un kilo de carne do lagarto”, vanche servir con toda naturalidade unha porción da carne da perna

De “cerdos” e lagartóns

Valorar (14)

CÉSAR VARELA GARCÍA



Cando entrei por primeira vez nun “rodízio” brasileiro, nos tempos en que eu moraba en Sao Paulo, percebin, entre os abondosos xeitos de preparar a carne, dous pratos cuxos nomes loguiño me trouxeron lembranzas galegas:

Un deles foi o chamado de, ALCATRA; que é unha parte da res que os de Verin celebran moito: “ A millor carne é a ALCATRA,…”

Lembro como, no Carballiño,no xogo da brisca, cando arremetes coas millores cartas, rapando todos os tantos, ameázase ao rival dicindo : “VOUCHE COMER A ALCATRIA !; que é tanto como dicer que lle vas levar a millor peza.

I-é que os etimoloxistas explican a palabra como procedendo dunha palabra árabe que significa “O PEDAZO”.

Mas, voltando ao rodízio brasileiro, outro ponto da ementa referíase á “carne de LAGARTO”. Eu estaba daquela,acompañado de colegas españois que logo expresaron a surpresa de que alí ofertasen carne do coñecido réptil.

Eu sabía,que ainda hoxe, as carnicerías do meu Carballiño, se pides “un kilo de carne do lagarto”, vanche servir con toda naturalidade unha porción da carne da perna, a usada para facer a “carne ao caldeiro”, ou sexa a parte que hoxe dáse en chamar de XARRETE. LAGARTOS, tamén se chaman aos solombos do porco; i-é que todo procede do latino LACERTUS , que leva, no seu segundo significado o de MÚSCULO.

LAGARTO e ALCATRA  son dous xeitos galegos de chamar a certas partes do vacuno, que na nosa Terra, van perdendo forza, cando son totalmente vixentes no Brasil e supomos que tamén en Portugal.

O CERDO

Xa tiñamos matinado no extraño que resultaba a palabra CERDO,para designar o familiar e útil animal, nun contexto latino onde os chamadeiros van desde os populares: porco,marrau e cocho, ao mais culterano “suino”.

De onde saiu este CERDO, que non ten equivalente nen no francés, nen no italiano, nen nas demais línguas románicas ?

A palabra recóllea o P. Sarmiento, polo que non deixa de ser galega,ainda que sen moito uso no noso País.

Os etimoloxistas españois explícana como unha exaltación da pelaxe do animal; as CERDAS, que analizan como procedentes do latin SETA (daí o sedal dos pescadores a vara) ou SETULA, pero non acaban de estar dacordo,pois hai problemas evolutivos nesa cuestión,….

A nosa metodoloxía, que se basea en que as palabras que construe o pobo responden ás suas necesidades básicas, atopa chocante o feito de que a serdas do animal son tan irrelevantes para a economía familiar que, o primeiro que se fai ao abatir ao bicho é “chamuscalo”, ou sexa, queimarlle o pelo.

Cómo pode darlle nome ao bicho un pormenor que se considera irrelevante e sen valor económico ?

Facendo a excepción daquel ditado de que do porco, tudo se aproveita,porque as serdas quéimanse !

O que mais importa do animal é a sua carne, e se me apurades a parte mais saborosa son os xamóns e os lacóns !

Aquí é onde enfiamos co principio deste traballo.

Seica non será que mais correito pensar que o animal foi chamado desde o latin coa palabra LACERTUS > LACERDO; ou sexa animal que produce carne musculosa ?

Logo, o LA- inicial confundiuse co artigo feminino e ficou separado como LA-CERDO, onde habería unha aparente contradición de xéneros que se resolveu popularmente chamando ao animal simplemente como, CERDO,que é como se coñece hoxe.

Nada pois a ver coa pelaxe e tudo a ver coa sua utilidade como productor de carne ou músculo que é o que suxire o latin LACERTUS.

E ainda este apelido LACERDA , de sonadas familias españolas e tamén  brasileiras, é explicado mitolóxicamente como procedente dun fillo de AFONSO X, que seica tiña unha guedella de pelaxe no lombo que lembraba ao pelo do suino.

Entendemos que os defectos físicos para chegar a denominar aos suxeitos deben ser públicos , notorios e á vista.

A dita guedella, se existiu, semella demasiado íntima e tapada pola roupa.

Pensemos no chícharo no nariz que marcou o nome de Cicerón, ou os adxectivos que acompañaron a reis ou raiñas: O doente, La loca, O Graso, ect…

Pensamos que, LACERDA, cadraría millor como como apelativo de xente LACERTA, ou sexa de fortes músculos nos brazos ou nas pernas, que serían moi valorados naqueles tempos de loitas e traballos.

Por fin ven á nosa mente o lugar estradense de LAGARTÓNS e para explicación dil, aventuramos o nome dun antigo posesor de nome LACERTON; ou sexa unha ,“LAGARTONIS terra ou casa”.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña