03:27 Mércores, 06 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-05-2016

Xunto aos membros do seu goberno, concibían un mundo máis propio da ensoñación infantil, pensamento acrítico e actuaban sempre cun "sorriso permanente"

Zapatero: o negociador «bambi»?

Valorar (11)

XURXO MARTIZ CRESPO


Vista de Caracas


O ex presidente de Goberno José Luis Rodríguez Zapatero, a quen Alfonso Guerra definira como un bambi, se cadra polo seu xeito inxenuo de ver as cousas, tamén foi definido polo profesor de Filosofía Gustavo Bueno como un posuidor dun «pensamento Alicia» xa que, xunto aos membros do seu goberno, concibían un mundo máis propio da ensoñación infantil, pensamento acrítico e actuaban sempre cun «sorriso permanente». No cumio destas ocorrencias estaría, segundo Bueno, a Alianza das civilizacións: «Un pensamento simplista que asociei co xeito de pensar de Alicia, unha nena inxenua, con boa vontade, que confunde os seus desexos coa realidade e que actúa dun xeito pánfilo, cun sorriso», aseguraba o profesor de Filosofía.

Pero os recentes feitos internacionais, na que debía ser a principal área de actuación do goberno e a diplomacia española, desmenten a bile de Gustavo Bueno e doutros moitos, contra o negociador internacional Zapatero.

O autoproclamado «conseguidor pa´todo internacional» Felipe González recibiu unha insultante resposta que o deixaba ao descuberto cando pretendía ser o árbitro entre a oposición venezolana e o goberno, despois do encarceramento de Leopoldo López. O goberno revolucionario, moi intelixentemente, díxolle a González que el non podía ser árbitro, pois era unha persoa que estaba abertamente do lado dunha das partes.

Esa evidencia, propia dun pensamento Alicia ou Bambi, nunca se lle criticou a González, que día si, dia non, artella e presenta actos coa oposición venezuelana no Estado español contra o goberno lexítimo e democrático de Venezuela.

Ningún dos ex presidentes españois, ningún dos seus ex responsábeis de Exteriores son referente en Latinoamérica para, de xeito neutral, encamiñar conversas de paz, ben sexa en Colombia, México, ou mesmamente nos problemas territoriais que abundan entre todas as repúblicas latinoamericanas.

A primeira e honrosa excepción é a de Zapatero, que foi elixido polo goberno revolucionario bolivariano, aceptado pola oposición e recomendado abertamente polas autoridades cubanas, as mesmas que lograron sentar o Goberno colombiano de Santos coas Ep-Farc para rematar a guerra en Colombia.

Por iso, a escolla de Zapatero por ambas as partes en conflito e a súa presenza en Caracas en momentos realmente tensos é o único éxito visíbel da acción diplomática exterior do Estado español en Latinoamérica en moitos anos e deixa unha pregunta para Aznar e González, os dous principais figurantes a nivel internacional, sobre a pouca credibilidade das súas actuacións.



-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña