04:12 Luns, 06 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

16-05-2016

Hoxe, mais que nunca, é necesario neste día -e todos os días do ano- poñer en valor o noso, respectando o alleo como facía e nos convidaba a facer o propio Manuel María

Manuel María; ferrados de corazón, fanegas de alma

Valorar (10)

RAÚL RÍO DÍAZ



Este ano, no que tamén conmemoramos o centenario das Irmandades da Fala, a Real Academia Galega tivo a ben dedicar o Día das Letras Galegas o poeta, narrador e dramaturgo, Manuel María, un home que non parou de loitar polo noso idioma, porque sabía que o idioma é a chave e o vincallo mais forte da nosa identidade. El afanouse en construír día a día o que a Xunta destrúe a golpe de decretos, leis antigalegas ou incumprindo a súa propia legalidade. Cando el loitou porque o día das nosas letras foran todos os días do ano, por un idioma e unha cultura normalizadas nun país normalizado, xa é triste que aínda teñamos que reivindicar neste día o necesario respecto para que o noso propio idioma poida desenrolarse con toda normalidade, sen os atrancos de quen ten a obriga de velar por el. Esta anormalidade institucional fai que nalgúns pobos xa se celebren as Feiras de Abril de Sevilla en Vimianzo e noutras localidades gobernadas por alcaldes descastados e colonizados.

Hoxe, mais que nunca, é necesario neste día -e todos os días do ano- poñer en valor o noso, respectando o alleo como facía e nos convidaba a facer o propio Manuel María. O poeta chairego sempre estivo comprometido co noso pobo, por iso compre espallar a obra e o exemplo deste home que tiña ferrados de corazón e a súa alma son fanegas desa terra humanizada polas duras labores dos poucos campesiños, mariñeiros e traballadores que quedan nela. Esa mesma terra que as multinacionais queren converter nunha mina de ouro deshumanizada, mentres el entendía que a presencia do home ten que estar en harmonía coa natureza e sempre foi incansable na súa loita por unha Galiza de seu, digna de si mesma e respectada, para que conte con voz propia no coro mundial das nacións.

Amaba a diversidade afincándose no propio, non como aqueles que nos pretenden uniformar a súa imaxe e semellanza porque odian todo o diferente, todo aquelo que a súa mente non lles dá para entender; non conciben que amar o propio non quere dicir desprezar o alleo e non saben que a riqueza do mundo está na diversidade. Manuel María era un home auténtico e sabedor de que a autenticidade nas persoas é moito mais valorada que os que pretenden ser unha copia, porque ao final nin chegan ao que eles ambicionaban nin son o que deixaron de ser.

Na patria de Aitor tamén nos sumamos a esta homenaxe, pois o cantor da Terra Chá sempre tivo un gran afecto por todas as nacións sen estado e por Euskal Herria en particular, acudindo a todas as nosas chamadas. Sempre sentiu unha especial sensibilidade polas culturas minoritarias e unha cobiza san polo amor que profesan os vascos a súa patria e a súa cultura, ademais contaba aquí con grandes amigos como Gabriel Aresti, Gabriel Celaya e a súa inseparable Amparitxu, cos que gustaba de tomar uns chiquitos e botar unha longa parrafada; Míkel Laboa, Edorta Giménez e moitos emigrantes, entre os que sobresae o quirogués Xosé Estévez.

Penso na sorte que tivemos os emigrantes en Euskal Herria ao poder desfrutar tantas veces da súa compañía, da inmensa sabedoría e das súas dotes de bo conversador cando viña dar conferencias aos Centros Galegos e Casas de Galiza ou convidado pola Asociación Cultural Rosalía Castro de Barakaldo e o Fato Cultural Daniel Castelao de Trintxerpe, as que sempre tivo un especial cariño. As súas palestras e conversas erguían a autoestima dos nosos emigrantes e acrecentaban o seu amor por Galicia. Veu moitas veces a esta terra para traernos a súa palabra, limpa e pura, libre de todo ornamento superfluo e serviunos de mestre e guieiro para entender moitas cousas que sempre nos foron negadas, ocultadas e terxiversadas. Esa palabra de chairego, rica e pausada, nunca foi utilizada para a mentira nin a calumnia, senón para sementar ferrados de verdade e fanegas de amor a terra, mostrándonos o seu cariño polo noso e a súa grande humanidade franciscana, como diría o noso amigo común, Felipe Senén. A súa portentosa memoria permitíalle coñecer e explicarnos todos os recunchos da xeografía galega.

Para dar a coñecer o poeta xa se leváron a cabo varios actos por toda a xeografía vasca, por citar algúns, lembraremos as presentacións da biografía escrita por Mercedes Queixas, Labrego con algo de poeta, na Universidade de Deusto o día 5 e o día 6 na Universidade do País vasco en Vitoria. O día 9 escoitamos na Universidade de Deusto a palestra de Xosé Antón Cascudo titulada, Manuel María, Galicia e a conciencia ecolóxica, que nos fixo ver esa inquietude do poeta chairego pola harmonía entre o home e a terra. Xosé Estévez, incansable na súa labor divulgadora da vida e a obra do seu amigo, deu una conferencia o pasado día 10 no Cafe Antzokia(1) e o día 12 no Centro Galego de Barakaldo, falando das relacións con Euskal Herria. Incluso este servidor quixo aportar o seu pequeno e modesto gran de area con unha charla, baixo o título que encabeza este artigo, o día 11 na casa de Galiza de Santurtzi, lembrando a obra e as visitas que nos fixo o poeta a esa casa para falarnos das Manifestacións parateatrais do entroido, cando empezamos a celebrar aquí esa ancestral festa popular, e sobre a Normalización do idioma galego.

O libro tróuxome á memoria anécdotas que nos ten contado nas conversas que tíñamos despois de cear, fumando unha “charuta”, ou os paseos pola beira da ría do Nervión lembrando a nosa chaira naquelas tardes éuscaras que deixou reflectidas no artigo Breve viaxe a Euskadi, no periódico A nosa Terra, afirmando que unha conversa entre chairegos é sempre pausada, longa, cordial e ten os seus máis e nunca os seus menos, ou o que deixou escrito no prólogo do poemario, Onde o vento leva un soño de carpazas, do tamén chairego Xosé André López González: ...coa lentitude do acento chairego e a emoción poética dos montes penedios e pelados de Parga; das gándaras de Guitiriz; do santuario do San Alberte, a onde levan ós nenos pra que rompan a falar; dos achádegos arqueolóxicos do Buriz; do río Ladra que lle leva ó Miño, no meu Outeiro de Rei natal, as súas ondas cantoras e alporizadas; da Cova da Serpe e das súas lendas e encantamentos, xa en terras de Friol...

Compre seguir a súa loita e a das Irmandades da Fala, para que algún día non sexa necesario dedicarlle un día o ano ao noso propio idioma, senón a unha lingua estranxeira e que os nosos escritores e escritoras sexan valorados e respectados como lles corresponde todos os días do ano, porque, se perdemos a fala non seremos ninguén!

(1).- Café Teatro.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña