15:34 Mércores, 30 de Novembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

15-05-2016

Rañemos algo na superficie e atoparemos ouro en forma dunhas sorprendentes similitudes co que xa coñecemos de primeira man

Un novo discurso (III). Abrir máis portas

Valorar (24)

MIGUEL RODRÍGUEZ CARNOTA



Estou a entender o discurso non como un fenómeno conxuntural e momentáneo senón como algo duradeiro. Un pode moi lexitimamente falar do discurso de tal ou cal organización política de cara a tal ou cal proceso electoral ou a calquera outro conflito concreto. Eu prefiro facelo en amplo e en profundo, e non só para agora senón para lonxe.  O discurso é a práctica social da lingua, unha práctica que está, como todo no mundo, determinada, rexida e modelada polas estruturas e as relacións de poder. Imos procurar, pois, exercer un discurso oportuno e efectivo subvertendo esas relacións de poder, rompendo eses límites aos que nos confinan. No discurso e na palabra os reis somos nós. Exerzamos sen medo esa soberanía discursiva, antesala da realidade.

  Se ollamos derredor observaremos que cada pobo é único e non o é. É único porque, como cada persoa, é irrepetíbel. Non o é porque, ben mirados, os avatares históricos de certos pobos se parecen uns a outros case como pingas de auga. Nos pobos que como o noso navegan aínda que sexa erraticamente cara a emancipación, hai quen chegou ou a porto seguro e hai quen, coma nós, trata de avanzar contra as ondas e o temporal. Hoxe quero exemplificar sobre os primeiros saíndome dos modelos habituais, que no noso imaxinario colectivo representan outras nacións ibéricas ou, como moito, Irlanda.


  A mil trescentas millas da costa galega e máis perto do que parece, Islandia ostenta varios récords interesantes. É o territorio xeolóxico máis novo do hemisferio, a independencia máis recente de Europa occidental e, xunto co irlandés, posúe o idioma nacional con menos falantes do continente. Os pouco máis de trescentos mil utentes do islandés son menos que os habitantes da Coruña e área metropolitana, pero a súa utilidade como lingua nacional non se cuestiona. Islandia é un país que funciona, e faino razoabelmente ben. Mais non sempre foi así.

  Rañemos algo na superficie e atoparemos ouro en forma dunhas sorprendentes similitudes co que xa coñecemos de primeira man. Un estado medieval singularmente independente sen monarquía nin nobreza, quizá de algún xeito emparentado con aquelas repúblicas de homes libres prefeudais que Manuel Gago sitúa en varios lugares do noso territorio. Despois, unha longa dependencia da metrópole que se identifica co atraso secular e a pobreza de solemnidade da poboación campesiña e mariñeira. Unha colección de réximes autonómicos da coroa danesa, que non frutifican en independencia até 1946. Unha insistente persistencia histórica de certos demos familiares, ben relatados polo singular e pouco coñecido escritor Halldór Laxness, único Premio Nobel  islandés. E, como queda dito, unha lingua minoritaria e minorizada por séculos, cerne hoxe da identidade nacional.

  Conta a anécdota que certo día do século dezanove un grupo de xeólogos islandeses se dispoñía a baixar a unha das numerosas covas volcánicas que inzan o país. Armados de cordas e outros instrumentos, foron requiridos polos paisanos da localidade. “Anden vostedes con ollo se pensan baixar. Nesa cova vive o demo”, advertíronlles.  Os científicos fixeron caso omiso, baixaron á cova e horas máis tarde volveron á aldea.


-Viron vostedes o demo? -         
Non, pero ouvímolo. -         
E como falaba? -         
Falaba en danés.  

Os paisanos estouparon nunha gargallada e o conto ficou para a historia. Claro que na súa Biografía de Satanás, o noso Vicente Risco asegura que en Galiza o demo sempre fala castelán.

  Voltemos ao discurso. Evitemos que o discurso do poder nos confine na liga das rexións. O mundo é cada vez máis pequeno: abramos as portas do coñecemento a realidades consolidadas que, como a islandesa, teñen xa florecido en estados independentes. Un estado que cultiva o amor polo propio e a utilización soberana dos seus recursos, tamén sorprendentemente semellantes aos nosos: a enerxía xeotérmica que posibilita unha electricidade a baixo custe para a industria do aluminio, a xestión acaída dos recursos pesqueiros e, ultimamente, dos turísticos. Con todas as eivas que se lle poidan ver a soberanía, para Islandia, foi a prosperidade.

  Quen argúa que a insularidade é a característica definitiva que afasta a nosa historia da islandesa, pode ollar cara as decenas de nacións que, sen saír de Europa e sen seren illas, obtiveron a independencia política nos últimos cen anos: Finlandia, os países bálticos, a República Checa e Eslovaquia e un ronsel de países que con maior ou menor sorte lograron sacudirse aquel xugo de enriba. Cada unha coa súa historia, cos seus mitos, cos seus demos familiares e coas súas linguas desprezadas. Galiza debe estar aí, e aí a debe situar o noso discurso. Mellor para nós poñer como galegos o noso discurso, o noso foco e a nosa iniciativa política antes nestas realidades enriquecedoras que en, por exemplo, o mundo cervantino e a reivindicación do Quixote. Creo que me entenden.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



[16-05-2016 00:32] Antonio Lema comentou:

Acertado dicurso e sostido nun grande coñemento histórico.

[15-05-2016 08:49] Miguel R Carnota comentou:

Completo información: algo lle debeu ver a Islandia o noso compatriota Elías Portela, que marchou aló hai anos nun Erasmus e hoxe é un destacado escritor en lingua islandesa.
http://praza.gal/cultura/8379/o-poeta-galego-que-conquistou-islandia/

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña