22:06 Sabado, 06 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-05-2016

O edificio tiña que estar terminado no 2013, pero estamos en 2016 e aínda non o estrearemos

O Auditorio de Lugo

Valorar (4)

ADOLFO DE ABEL VILELA



Lugo é unha cidade cun rico movemento cultural, moitas e variadas asociacións de todo tipo, pero cunha infraestructura cultural moi pobre, que na última década foi mellorando. Un auditorio feito a finais dos oitenta aproveitando un almacén da antiga factoría de FRIGSA, con capacidade para uns mil espectadores, tres salas de exposicións dependentes da Deputación Provincial, unha no Museo, outra na Deputación e a terceira na capela do antigo complexo hospitalario de Santa María, e dúas salas municipais, pois unha terceira está ocupada cunha exposición permanente arqueolóxica, tres salas privadas, e dúas con exposicións regulares, outra acaba de pechar.
Para conferencias, a Deputación conta na súa sé cun pequeno salón, ben acondicionado, hai outro privado, do que foi Fundación Caixa Galicia, o da chamada Casa do Saber na vicerrectoría, e o chamado Salón Rexo do Círculo das Artes que é un salón de baile que se utiliza tamén para dar concertos e conferencias, un bo marco pero sen boas condicións para ese uso.

O aumento de poboación, o municipio chegou a ter os 100.000 habitantes, agora baixou a uns 90.000 debido á falta de industria e á notable diminución experimentada no alumnado do Campus que chegou a superar os 10.000, hoxe está na metade, facía necesario contar cun auditorio, do mesmo xeito que as demais cidades xa que era a única das sete máis importantes de Galicia que non o tiña.

Unha longa e accidentada historia

Aínda que para quitar ferro ao tema se di que os lucenses levamos esperando desde o 2004 por esta infraestructura cultural, o certo é que hai que remontarse ao 26 de xuño de 1998, día en que o pleno do Concello aprobou adquirir o cuartel de San Fernando ao Ministerio de Defensa por 355 millóns de pesetas para destinalo a un centro cultural e un auditorio. No 2004 é cando se asinou un convenio para construílo pola Xunta entre o seu presidente e o alcalde de Lugo.

Logo de convocar un concurso de ideas, que gañou o arquitecto lucense Marcos Parga, o alcalde Joaquín García Díez esperaba que as obras comezasen a finais do ano ou a principios de 1999. Dezasete anos despois aínda non o temos en funcionamento. Vexamos as razóns.

O edificio estaba protexido co nivel 2 no Plan Especial de Protección e Reforma Interior (Pepri), correspondente a edificios singulares e de elevado valor arquitectónico, histórico e cultural, impedindo a actuación que se propoñía, o que non se fixo constar no concurso.

Houbo mesas redondas nas que algúns manifestamos a nosa oposición a que se fixese alí esa infraestructura cultural. Carlos Dafonte de Esquerda Unida, era partidario de trasladar o cuartel da garda civil e no solar levantar o auditorio, idea que lle debía de agradar ao alcalde José Clemente López Orozco, xa que propoñía en 1998 que se construíse preto do cárcere vello e que se destinase o cuartel a Museo Arqueolóxico pero sendo alcalde cambiou de opinión.

ICOMOS opúxose á construción pola mutilación que sufría o edificio e polo impacto visual sobre a Muralla debido ao seu excesivo volume. Despois o edificio foi declararon Ben de Interese Cultural, sendo destinado para Museo da Romanización, para o que se convocou outro concurso de ideas volvéndose a repetir o mesmo erro ao premiar unha que nin respecta o que di a Lei de Patrimonio nin a razón pola que se declarou BIC. Este proxecto está desbotado pola Xunta e o edificio atópase en perigo de ruína.

Para o auditorio buscouse outro sitio recalificándose unha parcela de IGVS situada na Avenida de Magoi. O 31 de maio de 2010, Agustín Hernández, conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras anunciou que as obras se licitarían despois do verán comezando a construción nese ano, pero adxudicáronse no 2011. Como o prazo de execución estaba fixado entre 24 e 30 meses, o edificio tiña que estar terminado no 2013, pero estamos en 2016 e aínda non o estrearemos. O proceso para a construción iniciouse no 2007.

As características

O 20 de abril o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo, nun acto de precampaña electoral, veu a Lugo para presentar, non para inaugurar e abrir a nova instalación. No tal acto dixo que o entregaba ao Concello para reparar un agravio histórico con Lugo, feito simbólico xa que non se formalizaron os trámites administrativos. Levamos esperando 18 anos e os que quedan.

Custou 20,6 millóns de euros, dos que 19,4 aportounos a Xunta e 1,25 millóns o Concello, pero aínda precisa duns 3,5 millóns en equipamento, outras estimacións din que son necesarios 5 millóns para poder funcionar, cantidade que ten que asumir o Concello, que está disposto a pedir axuda tanto á Deputación como á Xunta.

Pero aquí non se acaban os problemas, porque está o mantemento, un gasto considerable que pode chegar aos 100.000 euros ao ano, ao que hai que engadir o que se destine á programación. A grandes escenarios, grandes espectáculos e compañías, que son caras.

O edificio foi proxectado polos arquitectos madrileños Ignacio García Pedrosa e Ángela García Paredes, ganadores do concurso convocado ao efecto. Levántase nunha parcela de 27.000 metros cadrados e unha superficie construída de 15.000 metros cadrados.

Conta cunha sala con 900 butacas e outra máis pequena de 300 localidades destinada a congresos, concertos de grupos de cámara e teatro, seis salas para exposicións, congresos e conferencias, cunha capacidade para entre 50 e 100 prazas, cafetería e aparcamento subterráneo para 153 coches. O escenario da sala principal ten máis de 40 metros de luz e é apto para grandes representacións.

Por todo o dito, é un edificio multifuncional, con moita luz,  que potencia con grandes ventás as vistas sobre o val do Miño, véndose tamén as chamadas Costas do Parque e o parque Marcos Cela.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña