08:33 Mércores, 06 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-05-2016

Recuperamos artigos feitos en momentos chave da biografía de Manuel María

Pequeno itinerario para un consolo: Manuel María. (E III)

Valorar (12)

LOIS DIÉGUEZ



Abrimos o libro “Poemas a Compostela” e ollamos na lapela a foto de Manuel María e unha breve nota biográfica. Lemos a data de nacemento e logo... a da súa morte. Sabémolo,  vivímolo... pero aínda así, o primeiro libro que nolo di, córtanos a respiración. Rebelámonos e aparece el tan vivo, tan presente á nosa beira mentres seguimos a ler os versos a Santiago que outra vez vence o desexo ao real e naquel nos instalamos. Pasamos aos versos que nos falan do outono, a súa estación creativa por excelencia, polo menos nos anos en que, cabo del, na libraría Xistral, mirabamos como en letra redonda e clara os ía luíndo e preparando para a súa redacción definitiva. Despois, no piso da rúa Roberto Baamonde, dáballes lectura ante o pequeno auditorio formado por Saleta e mais por nós, corrixindo a veces unha vírgula, unha letra, unha palabra.

Velaquí Outono, fosco e ledo,/ con brasas secretas, soedosas,/acesas nas brétemas do medo. Escribíao en 1977, nun dos poemas ao Outono. Con ese libro fixemos paseos solitarios entre o arboredo do Val de Lemos, e axudáronos coa súa forza a recuperar o sol, as follas vencidas, a cinza recendente da castaña, as brétemas primeiras, lentas e pousonas. Buscamos agora aquelas horas que hoxe  locen ouros de trémula nostalxia, e seguimos a buscar a vida que se nos foi así, tan súpeta e traidora. Daquela abrimos os “Versos do Lume e o vagalume”. 1982.  Manuel María peregrina pola santa Isabel de Outeiro de Rei, san André de Teixido ou Santiago de Compostela. Chama o Miño, o Dolmen de Dombate ou O Xistral. A terra toda florece en canto de oración, celebrando o  Mito. Imaxes como estrelas de cambiante escintilar, máxico e vital. Despois da peregrinaxe, o poeta regresa á casa e senta ante os espellos para mirar moitos dos seus propios rostros. Dúas abidueiras reflectidas na auga abren, en poema gráfico de Joám Guisán, as doce olladas nas que Manuel se mide. E precisamente nesta, na número doce, grava: Um pressentimento fatal, escuro e xordo/ di-me que dentro de mim,/  na íntima arca do meu peito,/ um dia nacerá-me um mal –quiçá/ um anda com el já desde sempre–/ que irá roendo a minha carne,/ desfazendo-me, aniquilando/ este anaco singelo de lediça,/ melancolia e sonho que som eu./ O meu mal, ¿será umha moura e peluda/ aranha venenosa ou umha dessas flores/ tristes que nacem, vivem e esmorecem/ nas águas mortas, podres e estancadas?/ Ao meu mal pido-lhe inteireza,/ calma, resignaçom e comprensom/ e que me leve mainamente cando/ o Outono madure o fruito mais dourado.

Presentimento ou diálogo co anxo. O poeta ten a forza que move e  conmove o tempo coa súa rosa. O poeta consulta o oráculo no ónfalos transformado nun cabaliño do demo. Sempre acerta. Mais nós, fóra dos seus segredos, non soubemos ler o que nos indicaba, nen recoñecer a tempo, tantos anos despois, a moura e peluda araña velenosa resignadamente profetizada. Si, non obstante, o Outono idolatrado, fiel ao pacto que entre os dous estableceron. Señor Outono, tan devecido que o chamou cando as mazás se vestiron co saio do sol e zugaron do Miño o seu zume máis doce.

É do noso íntimo recoñecemento e homenaxe, re-volver os “Versos do lume e o Vagalume” que se cerran con outros doce cantos, elexías ou presaxios nos Regressos, para gozar da sabedoría arrimada pola vida, da palabra inmortal que hoxe, dalgún xeito, nos consola. Sobre a mesiña de noite os temos e zugamos deles, cando nos deitamos, a presenza viva de Manuel que non se foi –non é isto unha cómoda frase de ocasión, non, non– porque segue aquí co seu sorriso e a súa palavra pura e inefável/ resolta em explosom de luz.

Cando me sento á pobre porta
dos meus íntimos sonhos
sempre lhes pido un sorriso
e ilumino com el a miña noite.

A nosa noite de hogano.  

Lois Diéguez
10 outubro 2004 (a un mes da morte de Manuel María)


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


[09-05-2016 13:39] alberte comentou:

marabilloso artigo, inesquecíbel manuel maría

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña