23:14 Mércores, 23 de Agosto de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-04-2016

Quero abordar algún aspectos acho que altamente cuestionábeis e reprobábeis da televisión e radio españolas, quer públicas quer privada

Explotación laboral como espectáculo de entretemento

Valorar (45)

ROBERT NEAL BAXTER



  Xa teño comentado aquí en varias ocasións algunhas das moitas eivas de diferente índole (viés ideolóxico e censura política, desleixo lingüístico...) que caracterizan a denominada CRTVG, supostamente pública, supostamente galega e supostamente en galego por imperativo legal desde a súa criación, mais xa se sabe o que vale a legalidade cando non convén.

  Hoxe, no entanto, en vista do enorme peso e influencia que teñen na sociedade galega, quero abordar algún aspectos acho que altamente cuestionábeis e reprobábeis da televisión e radio españolas, quer públicas quer privadas. E non faltan razóns, como veremos.

  Podería falar da exaltación do flamenco como música ‘nacional’ que invade as ondas e as pantallas (tamén da TVG...) a todas horas. Así, nos concursos de talento, os estrondosos aplausos do público e loanzas do xuri están garantidos para un neno con chapeu cordobés bradando cante hondo ou unha nena con traxe de lunares zapateando flamenco, sabendo que, ao mesmo tempo, un/ha gaiteir@ experimentad@ correría o risco máis que probábel de ser descualificad@ como unha ‘gallegada’, con todo o que isto implica. Os medios tamén se afanan en alimentar a imaxe do galego parvo, como, por exemplo, na teleserie Gym Tony, que rezuma un humor do máis fino por todos os poros. Con tanto bombardeo para alimentar e realimentar o latente autoodio, non é moi de estrañar, pois, que en concellos como Cee, Vimianzo ou Viveiro opten por trocar as tradicionais feiras e romarías por unha esperpéntica travestía da Feria de Abril. “¡Ozú!”, que dirían @s vell@s do lugar...

  Tanto as canles privadas (Telecinco) como as públicas (esa RTVE que pagamos entre todas) inflíxennos un vergoñento e repugnante espectáculo de zoosadismo que enaltece a tortura dun animal e que, nun país civilizado, sería considerado unha psicopatía. Non, señores, a tortura nen é arte, nen é cultura, nen moito menos cultura galega! E non, non basta con apagar o televisor se non gosto: tampouco quero –e non deberíamos querer– ver asasinatos, violacións ou tortura de calquer outro tipo en directo ou en diferido como entretemento, se ben, à procura de maiores índices de audiencia (e maior lucro publicitario), as noticias tenden a converterse cada vez máis nun espectáculo de morbo.

  Tamén podería falar da infinita sarta de teleseries ianques (C.S.I., Criminal Minds, Law and Order, Rizzoli & Isles...), todas cortadas do mesmo padrón ideolóxico, onde a esmagadora maioría das vítimas son mulleres, asasinadas e, sobretodo, violadas e amiúde torturadas. Lección da historia: non saias soa pola noite, señorita, ou atente às consecuencias! Avisada estás: anda con moito ollo se vas por aí sen a compañía dun home que te protexa. Que ben estaban as mulleres decentes que non se aventuraban fóra da casa, invadindo o espazo público dos homes!

  Os medios de descomunicación masiva tamén nos dan a opción de nos submerxermos perdidamente no anestesiante mundo da bazofia mental dos (ir)reality shows, desde  Empeños a lo bestia, até Cámbiame, pasando por Los Gipsy Kings, ou a interminábel letanía de concursos de todo o tipo: Atrapa un millón, ¡Ahora caigo!, ¡Boom! e un longo etcétera. As dúas cousas tamén se poden combinar nunha mestura infernal: Gandía Shore, Gran Hermano, Supervivientes, ¿Quién quiere casarse con mi hijo?... Nengún ser humano podería gardar a súa razón tras tanto veleno cerebral.

  Nen obviemos tamén a crescente maré de publicidade televisiva que incita irresponsabelmente à ludopatía. Nunha época de crise que leva ao drama humano, a saída que se vende é soñar con solucionar os problemas económicos apostando cartos, co enorme risco dunha espiral de endebedamento, desviando a lexítima e urxente reivindicación de postos de traballo e salarios dignos que suporía unha mudanza radical do sistema capitalista e do asoballamento nacional.

  Efectivamente, hai moito onde escoller. Porén, entre todo isto hai un programa que me causa especial noxo e xenreira: El Jefe Infiltrado, que emite a canle pseudoprogre La Sexta às quintas-feiras xusto despois do seu programa pseudoprogre estrela El Intermedio. Non vaia ser que @s espectador@s pillen unha enchente de progresía rompedora!

  Para quen aínda non o viu, o programa consiste en que o xefe dunha empresa (por norma masculino e habitualmente unha franquía), debidamente desfarzado, accede a rebaixarse a coñecer de primeira man o inframundo de quen traballa para el, acabando sempre moi surpreendido ante as condicións laborais. Preguntémonos inxenuamente: por que un directivo acomodado sairía da súa torre de marfil corporativista, abandonando durante unha semana a súa casa nas aforas e os seus amados esposa e fillos (sempre se fai fincapé na súa idílica vida familiar) para trocar os seus traxes Armani e polos Lacoste por un mono de traballo ou un mandil? Non sería pecar de cinismo responder o seguinte: para promover a súa empresa, mostrando a súa faciana máis humana. Nunha palabra, publicidade encuberta. Mais a cousa vai moito máis alá disto.

  A continuación, ao longo do programa, vese como o xefe engana @s traballador@s (ten o direito, claro, xa que é el quen lles ‘dá’ traballo!), que son gravad@s no seu lugar de traballo durante o seu horario laboral, supoño co seu consentimento previo; tamén supoño que non ousarían negarse... Durante esta intrépida ‘infiltración’, @s empregad@s, misteriosamente, non dubidan en confiar as súas historias persoais máis íntimas a este total descoñecido, cada cal máis dilacerante que a anterior: conciliación laboral, doenzas graves, separación familiar de traballador@s inmigrantes, endebedamento... Tamén non é raro que paire sobre o cadro de persoal a ameaza de despedimentos, en cuxo caso o xefe se mostra compunxido mais firme na súa determinación de velar sempre polo ben da empresa, isto é, a súa casa de campo, a súa cadeira xiratoria de coiro e os dividendos d@s accionistas. Que importa a vida dun/ha miserábel obreir@?

  Finalmente, @s empregad@s fican convocad@s sen saberen por que à sede central da empresa, onde se lles revela a verdadeira identidade do seu misterioso compañeiro, que non dubida en aproveitar a angustia d@s traballador@s ante a posibilidade de seren despedid@s para repasar todos os erros cometidos até que moit@s rompen a chorar. Mais ben está o que ben acaba, así que, nun xesto de bondade condescendente, o benévolo xefe, tal un señor feudal, resolve a precariedade, a inseguranza e os riscos laborais cun golpe da variña máxica dos agasallos individuais que premian a lealdade dos seus servos modernos. Eis a verdadeira cara da progresía de La Sexta... Denigrante! Repugnante!

  Só me queda animar quen lea isto a dirixirse ao presidente de Atresmedia, o grupo mediático a que pertence La Sexta, para exprimir a súa máis enérxica repulsa perante esta explotación laboral transformada en entretemento. A forza da nosa indignación non pode ser inútil!


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



[12-05-2016 00:58] Martin comentou:

E que vos pàrece "el pequeño Nicolás" de invitado estrela no Land RoBer, a semana pasada !

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal