15:13 Venres, 23 de Agosto de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-04-2016

A insurrección galega de abril de 1846 foi tan radicalmente progresista como inspirada na súa concreción política por unha corrente de opinión pre ou protonacionalista

A nosa revolución de abril

Valorar (31)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ



Contrasta o impacto acadado pola rebelión galega do dous de abril de 1846 na prensa madrileña, e a seguir na do resto do Estado,  e a avalancha represiva que se desatou contra o pobo galego por parte do Goberno español, coa escasa ou nula atención que merece hoxe na historia académica de España. Desde logo, esta forma de proceder proba que a narración da historia non se fai conforme á importancia e a transcendencia dos feitos cando aconteceron. Ocorre, máis ben, que se adapta a visión do pasado ás conveniencias dos deseños hexemónicos do presente. Se Galiza debe ser marxinal e sen perfil político propio, non poden ter cabida na historia española uns acontecementos que se xeraron e tiveron epicentro aquí, por máis que conxugasen a dinámica e perspectiva estatal -o levantamento ou pronunciamento militar- coa intención e perspectiva políticas galegas - o intento de amplos sectores populares de combateren a opresión colonial que o Estado centralista en construción afondaba. Esta dupla faciana resulta rechamante que fose harmonizábel, polo menos durante o tempo que durou a rebelión, onde a parte civil e a militar parecían coincidir na necesidade dunhas Cortes  constituíntes e  na defensa da soberanía nacional, exercida polo pobo. Mesmo intentan lexitimar a súa rebelión como un camiño para liberar a raíña Isabel II da submisión a un goberno reaccionario, o do xeneral Narváez, como se fose cativa e non responsábel.

O sector popular galego, porén, non se limitou a esta coincidencia. Actuou conforme ao criterio de  executar mudanzas urxente para Galiza, articulando un goberno galego ou Xunta Superior Provisional de Galiza que elaborou o que algunha prensa madrileña denominou, con rancor malévolo,  Constitución Gallega. Constaba de 21 artigos, comezando por anular o actos do goberno de Madrid. Un xornal da Corte, unha vez derrotada a rebelión, recoñecía que a Xunta de Goberno de Galiza usara dun poder soberano, e resumía as súas medida así: "...han concedido ascensos a los oficiales, rebajas de servicio a los soldados; han separado autoridades; han suprimido el sistema tributario y establecido otras contribuciones; han nombrado comisiones para la reforma del plan de estudios y para formar un proyecto de dotación de culto y clero, y hasta han decidido el enlace de S. M. la Reina" (El pensamiento de la nación, 6 de maio de 1846). Non tiñan a menor dúbida os xornais da Corte e o Goberno español de que o Goberno provisional galego estaba influído por elementos que pretendían revivir a existencia política de Galiza. A eles atribuía que no primeiro número do voceiro oficial do Goberno provisional galego se afirmase: "Galicia arrastrando hasta aquí una existencia oprobiosa, convertida en una verdadera colonia de la Corte, va a levantarse de su humillación y abatimiento. Despertando el poderoso sentimiento de provincialismo, llegará a conquistar Galicia la influencia de que es merecedora, colocándose en el alto lugar a que está llamado el antiguo reino de los suevos". Precisamente esta frase e  outras de igual "calaña", explicábanse, por exemplo, segundo El católico (30 de abril de 1846) porque andaban "en el ajo" os redactores de El Porvenir Gallego (sic), e máis en concreto, Antolín Faraldo. Na concepción do progresismo español non cabía que fose compatíbel con esta ideoloxía defender nada que se opuxese ao proceso de centralización, e moito menos a reivindicación de Galiza como reino con historia e personalidade propia, como forma de argumentar o dereito á súa existencia política. Para os progresistas españois non podía ser unha solución aos males de España unha alternativa política que pivotase sobre a súa plurinacionalidade, o "agregado de reinos", como dicían, porque o consideraban precisamente un dos maiores males para a nación española. Paradoxalmente, a insurrección galega de abril de 1846 foi tan radicalmente progresista como inspirada na súa concreción política por unha corrente de opinión pre ou protonacionalista, cun arroupe social inexplicábel sen un sentimento, máis ou menos difuso, de Galiza ser un pobo oprimido.

Non debes estrañarnos, pois, que, andando o tempo, se fose esvaendo  a mantenta o aspecto galego, popular e xenuíno da insurrección galega de abril de 1846, privilexiando a súa visión como un pronunciamento ou levantamento militar máis de signo progresista, para pasar, ao cabo, a eliminalo da memoria histórica, como un feito sen relevancia. É así como se actúa con todo aquilo que tivo unha grave significación para os gobernos monárquicos de España, para a súa concepción centralista e capitalista, característica da idea de españolidade.  Entre o 2 e o 23 de abril, exerceuse unha censura férrea, inflexíbel, para non aparecer información sobre a rebelión galega no resto do Estado, malia nestes vinte día, consolidarse na maior parte de Galiza, especialmente en Lugo, Santiago, Pontevedra, Ourense, Vigo e moitas vilas. Só cando miles de soldados de infantería, coa cabalaría  e  a artillaría necesarias, baixo o mando do reaccionario  xeneral José de la Concha, invadiron Galiza e foron quen de derrotar o comandante Miguel Solís e os sublevados en Santiago o día 23 de abril, comezou unha enxurrada informativa en toda a prensa española, con crónicas exhaustivas, moitas dela directamente ditadas  polo Ministerio da Guerra. Nesta enxurrada informativa, déixase claro que, por enriba de todo, a vinganza, co conseguinte castigo exemplar, debe exercerse sen dilación aos que ousan rebelarse contra os gobernos da súa Maxestade, aplicando sen contemplacións a pena de morte contra os líderes. Velaí como foron fusilados, apenas tres días máis tarde da súa rendición, o 26 de abril ás sete e cuarto da tarde, os doce xefes e oficiais que foran sometidos previamente á farsa dunha comisión militar en Carral. Non valeron para nada as súplicas de, entre outros, o Arcebispo de Santiago, conmovido polo bo trato recibido dos  amotinados en Santiago,  para non aplicárenlles a pena de morte, pois, unha vez fracasada a rebelión, podían empregarse outros castigos severos como exemplaridade. O máis que se conseguiu foi que o Ministro da Guerra indultase con penas inferiores a todos os que, sen seren xefes militares ou civís da rebelión, tivesen participado nela. Así a clase de tropa e os individuos da Milicia Nacional prisioneiros, entre 800 e 1200, foron condenados a servir dez anos, en Cuba ou Puerto Rico.

Moitos dos dirixentes civís da rebelión salvaron a súa vida exiliándose en Portugal, entre eles os membros do Goberno provisional, Antolín Faraldo incluído. Porén, todos nos seguintes dez anos, e Antolín Faraldo moi en especial, foron obxecto de represalias, incertidumes xurídicas sobre o seu futuro, difamación e ameazas. Unha sombra de inseguridade o acompañou cando regresou do exilio portugués....Era unha especie de náufrago da rebelión de abril, nada menos que o exsecretario da Xunta ou Goberno provisional establecido en Santiago coa insurrección, líder capaz de involucrar os estudantes nela. Curiosamente nunca puido volver a Galiza, tendo que aclimatarse en Andalucía, preocupándose os gobernos reaccionarios de rebentar mesmo os seus proxectos xornalísticos na Corte ao servizo do Partido Progresista. Curiosamente, pasados dez anos da rebelión, no bienio progresista 1854-1856, houbo intentos en Santiago por reivindicar a insurrección no aspecto militar progresista, en concreto aos mártires de Carral. A lembranza do aspecto galego e popular quedaba máis agochado. Aínda así non foi adiante. Só en Lugo, membros da Milicia Nacional festexaron en 1856 con luces e música a rebelión do dous de abril de 1846, iniciada nesta cidade. Ningún goberno de España, de calquera signo, mostrou interese nunca  por manter ou recuperar a memoria dun suceso histórico tan relevante na historia de Galiza e, por suposto, tan revelador de como se conformou o Estado español.  


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.





Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña