15:02 Venres, 23 de Agosto de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-04-2016

As Irmandades están na base do que foi e é o movemento nacionalista en Galiza

1916: unha terrible beleza naceu. A cen anos de dous feitos claves para o nacionalismo

Valorar (11)

MANUEL VILAR ÁLVAREZ



En 1916 os irlandeses reveláronse contra o dominio inglés. A súa revolta foi duramente reprimida polo exército inglés, pero a súa semente prendeu. En Galiza outro feito tamén deixou a súa  semente. As conmemoracións non teñen aquí o mesmo matiz que en Irlanda: nun lado as iniciativas parten da sociedade civil, no outro é unha celebración oficial.  

O domingo de Pascua vin nunha canle de televisión os actos conmemorativos celebrados en Dublín con motivo dos cen anos da chamada rebelión de Pascua. Alí estaba o pobo irlandés, orgulloso do seu pasado, diante do edificio de correos e popularmente coñecido polas siglas GPO, onde un puñado de homes e mulleres resistiron aos ingleses, até que acabaron na lúgubre Kilmainhan Jail diante do paredón de fusilamento (14 de 16 dos líderes foron fusilados). Estes dous lugares forman, non sen polémica, parte do patrimonio irlandés. Escoitando os discursos e vendo os desfiles pensei que as nosas Irmandades da Fala, que tamén están de século, non van ter esta pompa oficial.

Abril de 1916 marca unha liña divisoria na historia de Irlanda. 1916 é, tamén, o inicio dunha nova etapa na historia do nacionalismo galego. Na Semana Santa de 1916 un grupo de homes e mulleres, menos dun milleiro, onde ían ao carón dos sindicalistas os poetas, puxeron en escena o que para moitos non foi outra cousa que un acto de suicidio colectivo. Pero durante unha semana o corazón de Dublín foi unha república no corazón do imperio británico. Pero ese acto de tolería e fracaso foi a chispa que acendeu a ansia da rebeldía e de liberación. Foi un acto de rebeldía heroica (Yeats escribira tres anos antes que o tempo dos heroes xa pasara en Irlanda) ou un acto visionario?  Non foi unha tolería, como algúns libros de historia din, pois detrás había unhas claras ideas de rachar os lazos que os unían ao imperio británico e á súa cultura dominante. Foi tamén un intento de revolución no cultural para transformar a vida, pública e privada, das xentes de Irlanda, por escribiren a súa propia historia. E a inspiración para ese novo modelo cultural tiña que vir do pasado anterior á conquista. Hai quen dixo que isto era “escapismo romántico”. Certo que James Connolly pensaba que a organización da Irlanda gaélica era esencialmente comunista, pero as institucións gaélicas serviran de base para unha resistencia ao sistema dominante inglés e Connolly quería demostrar que o socialismo non era alleo á cultura irlandesa, mais isto podía tamén ser unha concesión para atraer á igrexa católica, tan dominante e presente na sociedade irlandesa. Un fracaso que cambiou a historia dese país. Hoxe critícase que os actos conmemorativos se centre en lembrar o que veu despois da rebelión que nos feitos violentos, nas mortes e na destrución que se deron naquel abril de hai cen anos. Que os rebeldes só fixeron un acto de conspiración armada nunha Europa en guerra. A rebelión foi unha gota nun mar de sangue, pode que un acto contra a guerra. A rebelión, segundo Yeats, foi o nacemento dunha terrible beleza.

A rebelión rematou cos líderes fusilados, pero toda Irlanda pronto virou contra o dominio de Westminster e fundar unha nación. Pero coincido co discurso do actual presidente, Michael Higgins, de que aínda que se teñen andado moitas millas, non se cumpriron todos os soños dos rebeldes.

As Irmandades da Fala foron máis que un movemento de reivindicación da lingua. As Irmandades están na base do que foi e é o movemento nacionalista en Galiza. Superamos o rexionalismo e avanzamos noutra dinámica. 1916 marca, é aquí tamén, unha clara divisoria de augas. E grazas ao que sementaron as xentes das Irmandades van nacer institucións políticas, como foi o Partido Galeguista, pero tamén institucións claves no devir cultural do noso país, como é o caso do Seminario de Estudos Galegos, unha institución que agroma da sociedade civil para facer investigación desde nós, para saber de nós, sermos e estarmos no mundo. Entre as aspiracións do vello Seminario estaban as de facer aquí investigación homologable a que se estaba facendo en Europa, así tamén contribuíron á inserción internacional e buscaron contactos noutros lados. Lembrar, por exemplo, o interese en dar a coñecer o Códice Calixtino co traballo de W. Muir Whitehill, o recibimento á esquecida Georgiana Goddard King ou os contactos cos intelectuais portugueses. A xente do Seminario tiña unha teoría da cultura e estudaban unha realidade viva no seu tempo. Estudábana para coñecela, para cambiala e adecuala aos tempos, non para lamentarse do perdido, chorar polo que xa non é.

A rebelión irlandesa encontrou solidariedade entre os intelectuais negros do Harlem neoyorquinos. Eles tamén miraron cara a Irlanda, onde a vida nos barrios pobres dos brancos irlandeses era tan desagradable como nos guetos negros americanos. Solidariedade contra o colonialismo sen ter en conta a cor da pel. O mesmo en Escocia, incluso entre algúns sindicalistas ingleses.

En Irlanda os movementos de rexurdimento celta tiveron sempre connotacións políticas, tamén, e hai que dicilo, era unha forma de nostalxia. O fusilado presidente rebelde, Padraic Pearse, o que levaba os rapaces de Dublín á súa casa da costa oeste para mergullarse na lingua gaélica, pois Pearse era dos que pensaban que a literatura do rexurdimento celta era unha literatura heroica, pero precisa para os tempos que lles tocaron vivir. “Regaelizar” o país era vincularse a un pasado distante para buscar unha continuidade cultural fóra do dominio británico, algo que servise para unha nova etapa no social. Neste sentido, e anos despois do levantamento de Pascua, foron creando institucións para estudar o folclore. Estudar para lexitimar a cultura maltratada polos colonialistas. 

O folclore é hoxe  un saber desprestixiado, en parte polos usos políticos, pero hai lugares onde é materia universitaria, caso de Finlandia, onde se considera unha ferramenta para documentar a historia do pobo finés e instrumento para a cohesión social. E nos Estados Unidos de América, desde a década de 1960, colleu impulso cos estudos de Richard Dorson, Alan Dundes ou os traballos de Alan Lomax. O folclore acumula coñecementos, valores e prácticas históricas dunha sociedade e vale para reforzala socialmente, por iso o seu uso político tamén polos imperialistas e dominantes para a desintegración social. Por iso na tradición etnolóxica falamos de dúas tradicións, a de construción da nación e a da construción do imperio. As ansias das Irmandades estaba na construción da nación, cun sistema cultural que partise da nosa realidade.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña