19:44 Venres, 19 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-05-2010

A grande responsabilidade da economía recae nas costas das clases traballadoras e, dentro destas nas persoas asalariadas

Outra reverencia ao becerro de ouro

Valorar (4)

HENRIQUE VIÉITEZ ALONSO



Fai uns poucos días podíamos ler como os conselleiros dun grupo de empresas galego cobraron 2,5 millóns de euros no 2009, namentres a sociedade perdía 44,3 millóns de euros ou, máis recentemente, e fronte a crise que din que nos afecta a todos e todas, os grandes bancos subían máis do 20% nun so día na Bolsa, representando a maior subida nunha sesión nos 18 anos de historia da mesma.

Tranquilamente podemos preguntármonos como nuns momentos como os que estamos e a pesares do incremento do paro dun xeito constante todos os meses (na Galiza temos 233.926 persoas no desemprego), dunha precarización do emprego sen precedentes, dun deterioro dos servizos públicos alarmante, dun recurte dos salarios e do poder adquisitivo como nunca o houbo, hai quén teña beneficios tan grandes que chega ao grao do escándalo?

Como podemos observar impasíbeis que ese incremento das ganancias sexa debido, nunha parte importante, a unha reacción da Bolsa en función do anuncio do Presidente do Goberno español de acometer un recurte, a maiores do xa anunciado a finais de xaneiro, de 15.000 millóns entre este e o próximo ano baseado en:

- Redución do 5% do salario dos funcionarios e funcionarias e conxelación de ditos salarios no 2011,

- Eliminación da revalorización das pensións coa inflación, agás as mínimas e non contributivas,

- Eliminación do cheque-bebé no 2011,

- A implantación dunha nova reforma laboral

Da impresión que o mundo anda torcido e asistimos a unhas prácticas voraces dispostas a engulirse a quen se lle poña por diante e a utilizar calisqueira método para un so fin: obter o maior beneficio no menor tempo posíbel e non importa se se deteriora a sanidade ou o ensino, se hai que despedir traballadores e traballadoras ou pechar empresas, ou mesmo si hai que arruinar países enteiros (e non importa si son subdesenvolvidos ou desenvolvidos, si están en África ou en Europa). Estas prácticas na que as empresas incrementan o seu valor na Bolsa non en función do que realmente valen senón polas súas perspectivas de riqueza (especulación), no que o único que conta é o beneficio privado, baleirando de capacidade de decisión, e polo tanto de soberanía, aos estados e nacións e poñendo aos gobernos ao servizo do grande capital e das transnacionais converténdose nunha ditadura o suficientemente delicada e efectiva que non necesitou dun golpe de estado tradicional ou dunha guerra para impoñerse dun xeito omnipresente.

Este modelo coñecido como neoliberalismo asentouse dun xeito tranquilo e sosegado, cunha "normalidade democrática" e converteuse nunha ideoloxía onde pon a economía en función do lucro privado para converterse nun dogma que exercen tanto a dereita máis recalcitrante como aqueles que din practicar a socialdemocracia pero abandonan a defensa do estado do benestar para deixarse nas mans do "libre mercado" e realizar recortes sociais e laborais en función de que anticipar sacrificios facilita a redución do déficit, pois a culpa é do desemprego, é dicir das persoas que están no paro e, polo tanto, "a reforma do mercado laboral é a máis necesaria das reformas estructurais", segundo manifestacións do gobernador do Banco de España, socialdemócrata convencido e practicante el.

Porque, efectivamente, o problema principal para uns é o déficit público, pois son gastos inutiles e, se se quere, perxudiciais xa que teñen o defecto de non ser rendíbeis e polo tanto non son aproveitábeis para a economía privada habida conta de que son un beneficio cesante que non se pode aturar. No canto de poñer todos os medios en función de atender as necesidades das persoas con menos recursos e fomentar a economía produtiva para xerar emprego, favorécese a economía virtual, as privatizacións e o aporte de capitais públicos ás empresas privadas, lexitímanse as desregularizacións dos mercados, as deslocalizacións de empresas, as fugas de capitais, a fraude, etc...

Nunha cuestión non se equivoca o gobernador do Banco de España; a grande responsabilidade da economía recae nas costas das clases traballadoras e, dentro destas nas persoas asalariadas. Un reflexo desta afirmación é a de que a presión fiscal sobre o salario medio anual dun galego e moi superior a media do Estado e tamén da zona euro, pois si no Estado chega ata o 47,01% na Galiza acada o 55,51%, sendo un indicador moi revelador do peso que teñen os impostos sobre a carteira dos contribuíntes, pois mostra cómo dúas nacións, cunha presión fiscal idéntica, realizan un "sacrificio" económico moi diferente cando o nivel da renda da súa cidadanía no é o mesmo.

Polo tanto non so se castiga proporcionalmente con máis esforzo fiscal ás clases traballadoras senón que tamén teñen que contribuír aínda máis, cunha maior precariedade das condicións de traballo, conter os incrementos salariais, abaratar o despido, rebaixar as prestacións por desemprego ou recurtar as pensións.

Aínda que o queiran ocultar non todo esta perdido. O nacionalismo galego ven dende fai tempo reclamando un novo modelo económico baseado nunha economía produtiva ao servizo das maiorías sociais e do país, capaz de xerar emprego, que reforme o sistema financeiro, para afortalar os servizos públicos básicos e un sistema fiscal xusto e progresivo en función de que pague máis quen máis ten. Compre aproveitar esta situación para fomentar o debate e facer ver que hai outra alternativa totalmente distinta a mesma que nos están propoñendo os de sempre.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña