22:53 Martes, 10 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-03-2016

Iso explica tamén que quedaran sen editar até despois da súa morte libros tan espléndidos como “Cecais hai unha luz” ou “Os lonxes do solpor”

O silencio da crítica fronte á mellor obra lírica de Manuel María

Valorar (28)

MANUEL LÓPEZ FOXO



Xa o dixo Pexegueiro:  Para que queredes un poeta vivo / se non sabedes que facer con el; / matádeo e celebrádelle as pompas. Pompas e louvanzas desde logo non lle han de faltar este ano a Manuel María, incluso  nos mesmos círculos da cultura galega que nada fixeron en vida do autor por editar e divulgar a súa obra. A nós sempre nos produce unha certa indignación que aquelas persoas que nunca en vida dun autor escribiron unha soa liña para celebrar algún dos seus libros, despois, sempre coincidindo co Día das Letras Galegas dedicado a ese escritor, sexan os primeiros estudosos en escribir longos ensaios sobre o autor homenaxeado o 17 de maio. Hai quen xa comeza a escribir “o seu libro” o mesmo día que a Real Academia Galega toma a súa decisión, e dá igual que o persoeiro escollido sexa Xosé Filgueira Valverde que Manuel María. E outro tanto podemos dicir do mundo editorial galego. Os mesmos selos editoriais que rexeitaron en vida do autor algúns dos seus mellores libros, son agora os primeiros en encargar traballos sobre a súa figura. Mais é o que hai.

O grandísimo poeta que é Manuel María nada lle debe ás principais editoriais do país. Toda a súa obra chegou ao público grazas ao esforzo de pequenas editoriais como Edicións Celta ou   Edicións Xistral; ao apoio dos exiliados galegos en América, en Bos Aires ou en Montevideo; ao compromiso co país dos nosos emigrantes en Xenebra; a algúns selos editoriais de Porto e de Lisboa; á iniciativa e á xenerosidade dos amigos de aquí e de acolá, e, naturalmente, aos cantautores que musicaron moitos dos seus poemas. Só hai que botar unha ollada á súa bibliografía para comprobarmos que isto é así. E cómpre dicilo. Dos case 50 libros de poesía que publicou Manuel María en vida, só un apareceu en Galaxia (Mar Maior, en 1963, na Colección Salnés, e grazas a Celso Emilio e a Paco del Riego). Galaxia rexeitou unha e outra vez a obra poética que ano a ano Manuel María ía facendo. E a outra editorial galega máis importante, Edicións Xerais de Galicia, unicamente publicou un poemario deste autor (Escolma de poetas de Outeiro de Rei), e cónstanos que Xerais tivo nas súas mans talvez o mellor libro de poesía de Manuel María da súa última etapa creativa (A luz resucitada). Isto hai que sabelo, porque non foi cegueira poética, senón desprezo total por unha das voces máis profundas da poesía galega contemporánea. Realmente Manuel María non tivo detrás da súa obra unha editorial importante até que apareceu Miguel Anxo Fernán Vello con Espìral Maior. Que tamén é de xustiza dicilo.

E que dicir da crítica? A súa poesía sufriu o silencio da crítica galega durante varias décadas. E non estamos a falar da súa poesía de combate, da súa poesía máis militante, daquela que posúe un contido rotundamente nacionalista. Non estamos a nos referir a Cantos rodados para alleados e colonizados ou aos Poemas para construír unha patria, senón ao seu último canto, o máis intimista e o de maior altura lírica, que é, ademais, inseparábel da corrente de renovación que experimentou a poesía galega desde medidados dos anos setenta. Vaian as lectoras e os lectores á bibliografía que publicou Camilo Gómez Torres sobre Manuel María e observen aí cantos artigos mereceron libros como Poemas ao Outono, Poemas da labarada estremecida, A luz resucitada ou Compendio de orballos e incertezas. Tres destes libros (os dous primeiros títulos e o último) só tiveron unha recensión crítica, e o outro (A luz resucitada) tres, dúas delas, por certo, en publicacións lisboetas, e a outra en Euskadi, esta última grazas á man amiga de Pepiño Estévez, e despois de que Felipe Senén, un dos seus lectores máis fieis e máis intelixentes, o intentase inutilmente nas páxinas dun periódico galego. Así foi como recibiu e celebrou a crítica galega a mellor obra lírica de Manuel María: co máis absoluto silencio. Iso explica tamén que quedaran sen editar até despois da súa morte libros tan espléndidos como Cecais hai unha luz ou Os lonxes do solpor. Este silencio mantívose incluso ao longo dos anos noventa. Entre as trinta cartas que atravesaron o país desde Monforte de Lemos a Ortigueira, hai dúas nas que o poeta nos comenta a receptividade do libro A Primavera de Venus, e faino desde o sentimento da decepción: “Tanto A Primavera de Venus como a Antoloxía (de Espiral Maior) están pasando desapercibidas”, dinos o poeta nunha carta datada o 29 de xullo de 1993. E noutra carta, escrita o 1 de setembro dese mesmo ano, agradécenos un artigo noso sobre A Primavera de Venus nas páxinas de “La Voz de Ortigueira”, e engade: “É o primeiro que se publica. E supoño que será o único. Por eso o meu agradecemento é especial”. Hoxe este libro é, a xuízo dalgún crítico, o último dos seus mellores poemarios.

Debo dicir aquí que tampouco desde o universo do nacionalismo galego se soubo valorar naquel momento esta súa última poesía. Estabamos demasiado ocupados en combates políticos e o único Manuel María que reivindicabamos un día e outro era o poeta comprometido coa defensa da lingua e da patria. A case ninguén entre nós lle interesaban os versos de Manuel María sobre o nacemento dunha folla, a amendoeira en flor, a rosa, o cervo, a Venus de Botticelli ou o presentimento da súa propia morte. Esa despreocupación pola súa obra máis intimista e máis lírica reflíctese incluso no contido do Congreso que se organiza na Universidade da Coruña ao pouco do seu pasamento, un congreso no que quedaron sen abordar nada menos que os poemarios que aparecen no segundo volume da súa Obra poética completa. Case nada!

Digámolo con claridade: a obra poética máis luminosa de Manuel María non tivo a acollida que en xustiza merecía, nin entre as persoas que a miúdo falaban con desprezo da súa poesía nin entre aquelas e aqueles que tanto o queriamos e admirabamos. Nin uns nin outros soubemos abrir os ollos ao humanismo e á beleza que hai en cada un dos poemas de cada un dos seus últimos libros, desde Poemas ao Outono a Poemas para dicirlle a dúas lagoas. Mais a boa poesía acaba sempre por ocupar o lugar que lle corresponde. É a súa vitoria fronte á cegueira poética e fronte ao desprezo e ao silencio. E aí está Manuel María, asombrándonos a nós e ás xeracións que han de vir coa verdade e a beleza dos seus versos. Desde Muiñeiro de brétemas, o seu primeiro poemario, publicado en 1950 naquela colección pirata de Pontevedra que creara Sabino Torres. Desde Advento, ese grandísimo libro da súa primeira época, ou desde Mar Maior, unha obra fundamental no seu corpus creativo, na que atopamos xa o que vai ser o seu canto definitivo, no que nunca faltará o eco do seu amadísimo Francis Jammes, a defensa da patria e a presenza resplandecente de Saleta.



-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.




[29-03-2016 14:18] Francisco Rodríguez Sánchez comentou:

Non sei se choromica ou non neste artigo. Sei que se din verdades. É mágoa que nunca gosten a algúns. A outra posibilidade é dicir que aquí non pasou nada e segue sen pasar. Como denominalo? Conformidade, admiración, tudo está ben...e vai mellor.....Estupendo....Era mellor que a lectora descualificase o artigo con outra análise e outros dados alternativos, non así....Ah! e a ver cando se dá a cara asinando o que se escribe, pura hixiene....

[25-03-2016 09:34] Marta Dacosta comentou:

Pois este é un artigo magnífico dun grande coñecedor da obra de Manuel María. Da obra e do poeta.

[22-03-2016 12:17] lectora comentou:

De verdade: nunca cansan vostedes de choromicar?

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña