05:20 Luns, 06 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

16-03-2016

Dá a impresión de que á xustiza española e aos seus gobernantes pódenlle mais as ansias de vinganza que os razoamentos xurídicos

Ongi etorri Arnaldo, Rafa Díez askatu!*

Valorar (9)

RAÚL RÍO DÍAZ



O secretario de Organización do PSN, José Luís Izco, afirmou publicamente que Arnaldo Otegi entrou na cadea “como decisión dun Goberno Socialista”, o que non é nin mais nin menos que recoñecer que, tanto el como os seus compañeiros xulgados no proceso Bateragune, foron condenados pola súa actividade política e polo tanto son presos políticos, por moito que neguen a súa existencia os dirixentes dos dous partidos maioritarios do Estado Español, que rivalizan entre si no despropósito. Dinnos que estamos nun Estado de Dereito, pero si nos atemos as verbas do dirixente navarro, o dereito das persoas é tan vulnerable que non fai falla cometer ningún delito para ir a cadea porque debe valer coa decisión do Goberno para que despois os xuíces diten orde de prisión, dándolle categoría legal aos seus caprichos.

Dá a impresión de que á xustiza española e aos seus gobernantes pódenlle mais as ansias de vinganza que os razoamentos xurídicos, pois este será o único país do mundo no que se acusa de pertencer a unha organización armada a unhas persoas que se xuntan entre elas coa intención de propiciar a iniciación dun proceso de paz que rematara coa violencia. Arnaldo Otegi pasou 2.330 días na cadea por ese grave delito de buscar a paz e por esa mesma infracción segue aínda na cadea Rafa Díez, porque como dixo no seu recibimento en Anoeta: Non estamos nun Estado civilizado.

Negan a existencia de presos políticos e despois utilizan ese adxectivo para referirse aos terroristas venezolanos e reclaman a súa liberdade cando foron condenados por chamar a insurrección violenta contra o lexítimo Goberno democrático, utilizando para elo todo tipo de armas de fogo coas que causaron decenas de mortos entre a poboación civil e os militares; por alentar golpes de estado e demandar unha intervención estranxeira, actos que están considerados delitos moi graves en todos os países do mundo. Son os seus cofrades, o presunto “Señor X” do Gal e o membro do Trío das Azores, os que piden a súa liberdade, eles, que en vez de estar na cadea exercen de conselleiros das multinacionais para que nos suban a luz, mentres as vítimas do “galoso” están consumidas pola cal e as dos outros tres, afogando no Mediterráneo por intentar chegar á Europa dos mercaderes para escapar do terror que sementaron nos seus países de orixe.

Aquí os casos de persecución política, redadas e macroxuízos seguen a darse coa mesma asiduidade que antes da decisión de ETA de deixar as armas, o que nos leva a pensar que non era a paz o escenario que mais desexaban e recorren a violencia institucional porque lles da moitos votos e réditos políticos aló por baixo do Ebro e, quen sabe, si para provocar unha volta atrás que, por sorte, non se vai producir. De aí que este tamén sexa o único país do mundo onde unha organización deixa as armas voluntariamente e a outra parte négase a verificalo.

Menos mal que o caso Bateragune retratou ao Estado Español ante a comunidade internacional, facendo que se moviliaran e solidarizaran contra esta vinganza persoeiros de prestixio universal como Desmond Tutu, Angela Davis e Adolfo Pérez Esquivel; estadistas como Pepe Mújica, Kgalema Motlanthe, Fernando Lugo ou José Manuel Zelaya; loitadores que lideraron procesos parecidos pola liberación nacional dos seus pobos, como Gerry Adams e Leyla Zana, entre outros moitos.

Antes dicían e aseguraban que sen violencia todo era posible, pero cando Otegui, Rafa Díez e os seus compañeiros se xuntaron para traer a paz, irromperon na reunión e leváronos a cadea porque se deron conta de que esa paz era contraria aos seus intereses e a falta de violencia deixábaos sen argumentos para defender a “sagrada unidade de España”. Esta actitude faime lembrar aquela frase de Calvo Sotelo: "Prefiero una España roja a una España rota", e non quero pensar que prefiran unha España con violencia a unha rota pero en paz, aínda que un dos mais afervoados antiterroristas e defensor das vítimas do terrorismo, como é o filósofo Fernando Savater, dicía que “non estaba anoxado coa violencia senón que case o agradecía” e que se “divertíra moito co terrorismo”.

Quixeron prohibir os actos de benvida argumentando que podían incorrer nun delito de exaltación ao terrorismo ou menosprezo as vítimas, pero xa quixeran eles ter a moral e a ética que Arnaldo deixou reflexada con toda nitidez ao asegurar que saíu de alí moito mais humano; porque estando dentro déronlle a nova da morte de súa nai, de súa sogra e de algún amigo, pero que iso non o levou a sentir rencor contra quen os meteu na cadea, pois vivindo no rencor seguiría sendo prisioneiro, como dicía Mandela, senón que o levou a unha reflexión moito mais humana e tivo a suficiente valentía de dicir que entendía o sufrimento das vítimas da violencia de ETA, aos que tamén un día chamaron para dicirlles que un ser querido falecera. El pensa que non hai vítimas dun lado ou doutro, senón que todas as vítimas son de todos, non como Iñigo Urkullu, ao que lle fallou o seu “suelo ético” ao acordarse só das dun bando e, aínda así, lembrar só unha determinada para intentar danar politicamente ao contrario, como fixo na súa visita a Firestone. Parece ser que lle sentou moi mal que saíra da cadea e os impresionantes recibimentos fixéronlle ver unha nova situación que pode poñer en perigo o seu posto en Ajuria Enea.

Por desgraza seguirán reprimindo as actividades políticas e seguirán insistindo na persecución das ideas como están a facer con Hasier Arraiz, quen será xulgado o 7 de maio no Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco por “integración en banda armada”, pero que non é tampouco o único caso nin todos se dan en Euskal Herria, pois tamén serán xulgados Irene Rigau, Joana Ortega e Joan Oms por “contribuír a facer posible” unha mobilización popular; a Asemblea Nacional Catalana está sendo investigada por “sedición” polo xuíz da Audencia Nacional, Ismael Moreno, o mesmo que encadeou aos dous titeriteiros madrileños por parodiar nunha obra de teatro o que acontece na vida real deste país, pero que a clase dominante non quere que vexamos; no Bernabeu requisaron as bufandas da peña Nós pola “simboloxía” e na Galiza, ademais das montaxes de Resistencia Galega e Causa Galiza, foi retido e expulsado do estadio un seareiro do Celta por levar unha bufanda da peña Celtarras, que segundo o policía de quenda “está prohibida”, porque levala seica é “exaltación do terrorismo”, esa escusa que utilizan para reprimir a todo aquel que non pensa coma eles. Esta é a verdadeira fotografía, triste e real, da Marca España.

  *.- Benvido Arnaldo, Rafa Díez liberdade!  


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña