13:06 Xoves, 06 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-03-2016

Se o nacionalismo respostar a unha necesidade obxectiva do pobo, este ha de afortalalo

Mais o lume que alampea

Valorar (11)

XOÁN COLAZO PAZÓ



Son evidentes as dificuldades actuais polas que atravesa o nacionalismo galego. Convén lembrar, así e todo, que tampouco ningún tempo pasado foi moito mellor. O nacionalismo, ao longo do seu século de historia como movemento político organizado, nunca tivo unha incidencia social maioritaria, senón que foi acadando espazos e construíndo o seu proxecto na sociedade sempre a contracorrente e enfrontando –en condicións de desavantaxe- unha férrea oposición por quen defende o status quo, isto é, a anulación de Galiza como entidade de seu. As catro décadas de ditadura son ben claras neste aspecto, pero tampouco outras épocas favoreceron en nada o proxecto de emancipación nacional galego. E aínda así, contra algunhas sensacións que se poidan ter ou se transmitan seguido, o nacionalismo conquistou vitorias no ámbito das ideas e das realizacións concretas e ten conseguido facerse un oco no seo da sociedade galega, onde traballa para alargar as fendas do sistema. De certo isto é aínda moi pouco para o longo camiño que hai que percorrer.

Un dos aspectos fundamentais onde fica case todo por facer é o de elevar o nivel de consciencia da xente, lograr que se decaten de que pertencen a un pobo diferenciado, e que diso se poidan extraer actuacións prácticas que mellorarían a súa situación. Dito doutro xeito, facer comprender que só a través de rachar coa subordinación de Galiza a España e a UE (como condición necesaria) se poden pór as bases para resolver os graves problemas que padecemos, sexan estes demográficos, culturais, económicos ou do tipo que foren. Porque a realidade, por moito que se queira negar ou ocultar é que Galiza é unha nación, que ten unha problemática propia e que só dende ela se poden buscar alternativas e solucións viábeis. E esta realidade obxectiva remata por imporse por moito que dende dextra e sinistra se queira adulterar. Por iso o nacionalismo galego, que resposta a eses feitos e non é invención ou froito de xeración espontánea ningunha, nin de capricho ou moda pasaxeira, permanece actuante para poder cumprir cos seus obxectivos.

En calquera caso o nacionalismo está tan imbricado coa sociedade na que xurde e se desenvolve que ao propio tempo se ve afectado pola conxuntura que atravesa o país. A todos os niveis Galiza sofre un arrase brutal polo neoliberalismo e a globalización, como nación diferenciada, como pobo que procura un lugar digno no mundo e tamén como individuos que simplemente queren desenvolver a súa vida. Non é esaxerado polo tanto asumir que o nacionalismo está tamén en crise e atravesa un punto crítico. A lóxica preocupación –e mesmo necesaria para afastar calquera tentación autocompracente ou inmobilista- debe servir para reflexionar e actuar con realismo, ánimo e folgos, fuxindo de calquera tipo de parálise. Niso se está agora mesmo, no inicio dun proceso de debate, actualización e adaptación, para ter as mellores ferramentas que fagan medrar a conciencia nacional nos vindeiros anos.

De nós depende dar coas claves para poder sintonizar con amplas capas sociais de galegas e galegos que só se o nacionalismo galego trunfar poderán ver cumpridos os seus degaros. Entre elas as xeracións máis novas son as máis interesadas no único proxecto que lles pode ter expectativas de futuro. Debemos ser quen de superar as eivas propias para logo enfrontar o inimigos externos e conquerir a liberación da nosa terra. O nacionalismo galego é preciso para este país, e daquela só desaparecerá cando perda o seu sentido de existir, cando a nación galega sexa ceibe.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña