03:32 Domingo, 26 de Xaneiro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-02-2016

Manual de xornalismo moderno

Capítulo 3: A denominada "violencia de xénero"

Valorar (43)

ROBERT NEAL BAXTER



1. Introdución


Esta derradeira unidade didáctica ten por tema central un asunto que se puxo à moda nos últimos tempos, facendo o xogo aos ditados do politicamente correcto e para contentar determinados lobbies políticos marxinais que se van impondo a súa voz. O fenómeno en cuestión reférese ao facto de elevar simples sucesos relacionados coa morte de determinadas mulleres ao mesmo rango que a noticia propriamente dita sob a retorcida denominación ‘violencia de xénero’, que confunde o sexo coa gramática.

En vistas à transcendencia que veñen cobrar estes feitos nos medios de todo tipo, convén esclarecer o modo en que se deben abordar esta clase de sucesos para evitar caer na distorsión mediática, como se a morte dunha muller importase máis que a dun home, seguindo a lóxica esmagadora do feminismo radical.

2. O comedimento

Co fin de evitar desatar unha alarma social tan innecesaria como desproporcionada e para non desviar a atención de cuestións de maior importancia, recoméndase recorrer na medida do posíbel a fórmulas estándares que, en poucas palabras ben escollidas, serven para situar o asunto na súa xusta proporción.

A modo de exemplo, a seguinte frase adáptase perfeitamente a todas as situacións e a todos os tipos de medios de comunicación: ‘A muller morta a golpes en (sitio) é a vítima (número) da violencia de xénero desde (data)’.

O uso reiterativo e ritualizado de variacións desta mesma fórmula facilitará que, para os lectores ou telespectadores, o suceso pase ao segundo plano que lle corresponde. Se for preciso, por razóns de espazo e co propósito de deixar máis sitio para as noticias e o desporto, pódese acortar o titular do seguinte xeito: ‘Achado o corpo dunha muller en (sitio)’.

3. A linguaxe

Como norma básica do bo xornalista, cumpre ser sempre extremadamente prudente e coidadoso no uso que facemos da lingua. Así, como recolle o exemplo anterior, resulta imprescindíbel o uso do adxectivo neutral ‘morta’ para descreber a situación do xeito máis obxectivo posíbel, sendo mesmo moi recomendábel o termo ‘falecida’ para evitar ferir as sensibilidades de determinados lectores. Tamén existe a posibilidade de  substituír o termo ‘muller’ por ‘vítima’ como sinónimo estilístico para evitar a repetición do mesmo, como demostra o mencionado exemplo. En todo o caso, débese fuxir do catastrofismo que transmite o termo ‘asasinada’, proprio do sensacionalismo xornalístico. Nunca se debe perder de vista que a misión primordial do xornalismo consiste en informar, non escandalizar.

A numeración da vítima é moi importante, pois torna o acontecido nunha estatística cuantificábel, o que constitúe un dos alicerces da obxectividade que caracteriza o xornalismo moderno. Plásmase así nun dado científico aquilo que corre o risco de caer na sobredramatización irresponsábel, de modo que a información se transmite da maneira máis neutral e sen alarmismos.

Por outra banda, para evitar calumniar inxustamente unha persoa que, no noso sistema xudicial, debe seguir a ser considerada inocente até que se demostre o contrario, hai que empregar sempre a expresión ‘o presunto autor dos feitos’ para referirse à persoa acusada da comisión do delito. No xornalismo, respectar a intimidade das persoas é unha regra de ouro, absténdose sempre de lanzar acusacións que poderían resultar falsas e mancharían a boa reputación dunha persoa inocente.

Nesta mesma liña e en aras a manter o tan prezado equilibrio informativo, recoméndase denunciar puntualmente casos de violencia sufrida por homes a mans das súas compañeiras, sen esquecer as falsas denuncias que destrúen para sempre a vida de moitos homes. Se non hai espazo nas noticias, sempre se poden incorporar estes temas de vital interese social nos programas de debate.

4. Violencia de xénero

Seguindo na mesma liña de respeito escrupuloso para os procesos xudiciais até que se confirme o contrario, é altamente recomendábel indicar que se está a indagar se se trata dun caso de violencia de xénero ou non, isto é, se se pode estabelecer unha relación de parentesco directo entre a vítima e o presunto autor material. O xornalista non se debe deixar levar polas aparencias: morren moitas mulleres non por seren mulleres, do mesmo xeito que morren moitos homes non polo facto de seren homes.

5. Datos adicionais

Para reforzar os efectos positivos xa indicados no relativo à numeración, pódense acrescentar outros dados concretos prestados do ámbito da estatística, nomeadamente o período cronolóxico, por exemplo ‘neste trimestre’, ‘desde principios do ano’, ‘desde o mes pasado’... Do mesmo xeito, tamén se pode engadir o lugar dos feitos para saciar o afán de curiosidade dos leitores sen aumentar innecesariamente a carga emotiva. Por exemplo: ‘A vixésima-quinta morte por violencia de xénero de 2016 converte este mes de xaneiro no pior da década’ ou ‘A muller falecida en Ponteumia é a número 13 da Comunidade desde principios de 2015’.

Nótese no ámbito lingüístico xa referido como o uso de ‘morte’ en vez de ‘muller morta’ permite centrar a atención nos feitos relatados en vez de nas persoas afectadas.

Finalmente, para permitir aos leitores formar a súa propria opinión, pódese completar a información mediante a incorporación doutros dados especialmente relevantes, como son, por exemplo, o facto de a muller en cuestión manter unha relación ou ter fillos cun outro home –potencial motivo de ciúmes– ou se existe unha diferenza de idade importante entre a vítima e o seu (ex-)compañeiro sentimental e suposto agresor. Outros detalles relevantes susceptíbeis de seren incorporados à nova son a nacionalidade da vítima, sempre que sexa estranxeira e, no seu caso, se exerce a prostitución. Por razóns de economía, estes dous elementos poden ser agrupados, por exemplo, da seguinte forma: ‘A prostituta de nacionalidade colombiana.’

6. Nota para os medios audiovisuais

No caso das noticias radiofónicas ou televisivas, é moi recomendábel entrevistar veciños ou persoas da familia de ambas as partes implicadas, indicando se existiu ou non algunha denuncia previa por malos tratos, xa que a súa ausencia sería indicativo dun feito isolado, previsibelmente en resposta a algunha provocación concreta.

Por último, convén pechar sempre co seguinte mantra antes de pasar à sección de desportos: ‘Lembra que existe un teléfono de atención às vítimas de malos tratos: é o 061. A chamada é de balde e non deixa pegada na factura’.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


[02-03-2016 12:31] Robert Neal Baxter comentou:

Antes as críticas recibidas, véxome case na obriga se non de me xustificar, polo menos de esclarecer o propósito deste artigo.
Obviamente, para por diante, o artigo non vai en serio.
Ante todo, quixera deixar constancia do meu abraio ante determinadas persoas con que partillo militancia e que tiveren ocasións abondas para me ouviren falar en asembleas locais, comarcais e nacionais para saberen cal é a liña que sempre mantiven sobre a cuestión de xénero, que sempre foi coerente e contundente. Parece mentira que determinadas persoas non me coñezan algo mellor despois dos máis de vinte anos que levo vivendo e militando na Galiza e nos 6 anos que levo escribindo no Terra e Tempo Dixital. Algunhas das persoas que criticaron o artigo tiveron que retractarse despois, unha vez comprobado que sempre defendín o feminismo en todos os ámbitos, incluído o académico que é onde desenvolvo o meu traballo. Tamén quero dar as grazas a todas as persoas que se me coñecen e tiveron a ben manifestar o seu apoio.
Creo que moi posibelmente as leituras erróneas poden ser o froito das leituras demasiado rápidas e superficiais que os medios nos teñen acustumad@s. Digo que posibelmente, pois, non pretendo xulgar ninguén sen antes saber.
O artigo en si xurdiu dunha conversa que mantiven cunha compañeira feminista despois dunha das concentracións de repulsa a que acudo sempre que se asasina unha muller. Seguramente algunhas das persoas que criticaron o artigo tamén me viron alí...
O propósito do artigo claramente non é facer rir: non se trata, pois, de humor negro. Provocou raiba: pois disto se tara, que ante a violencia, as agresións, as violacións, os asasinatos, a xente sinta raiba. Trátase de denunciar os mecanismos que utilizan os medios de ‘comunicación’ ao trataren a cuestión da violencia machista contra as mulleres e o feminicidio e para entender mellor como funcionan. Para isto entendín que era mellor recorrer à sátira para chamar a atención, pis acho que se trata dun tema sobre o cal merece chamar a atención. Dito sexa de paso que xa escribín outros artigos mais ‘planos’ sobre esta cuestión con anterioridade. Para quen gosta das cifras, direi o seguinte: nun mes un artigo meu pode ter entre 1,000 e 2,000 leituras (algúns máis, algúns menos). No entanto, desde que se publicou no mes de setembro 2015, o artigo titulado ‘O que é a violencia de xénero?’ (http://www.terraetempo.gal/artigo.php?artigo=3986&seccion=13) recibiu un total de 792 leituras... Ora ben, este artigo que tanto se criticou por algunhas persoas foi lido nos dous días desde que se publicou 1092 veces. Suscitou polémica para que a xente se indignase e falase do tema e ademais foi lido. Creo que se cumpriu o obxectivo que me marquei.
Tamén hai quen cargou contra o artigo dicendo ‘No tiene ningún rigor.Es vergonzoso!’, ao cal respondín o seguinte: Sinto ter que cho dicer así, mais estás moi equivocada por dúas razóns 1) dependendo do que se entende por 'rigor', poderíase argumentar que determinados xéneros (por exemplo a poesía, quer tamén pode servir de protesta, resistencia, denuncia...) non teñen que ter 'rigor' 2) por outra parte, xustamente unha das cousas que pretende denunciar este artigo é o uso que amiúdo se fai dun 'rigor' -malentendido ao meu ver- que consiste en transformar as persoas, as vítimas, en definitiva , as mulleres, en números, cifras e estatísticas, 3) este como todos os meus artigos (que seguramente tiveches a ben consultar antes de me xulgares) están moi documentados, normalmente con hiperligazóns, Neste caso optei por non incluílos por dúas razóns: a) non romper a sátira; b) non dar publicidade a determinados sitios misóxinos.
Se nalgunha cousa tes razón é que si que é moi vergoñento: non o artigo en si, mais o que denuncia. Supoño que moita xente que aquí criticou artigo tamén escribiron à prensa para protestaren tamén cada vez que se recorre a estes estratexias pseudoxornalísticas ao falar da violencia machista en contra da mulleres...
Agardo que se difunda e se lea máis, que a xente reflicta máis xa non sobre o tema, mais tamén sobre como foi banalizado os medios de comunicación até o ponto de que xa non escandaliza a maioría da xente cando sae a nova dunha muller asasinada.

[01-03-2016 21:53] Golpe comentou:

"morren moitas mulleres non por seren mulleres, do mesmo xeito que morren moitos homes non polo facto de seren homes."
Hai moito idiota que pide unha hostia a berros, mais non lla damos por non pornos á súa altura

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña