14:39 Luns, 26 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-02-2016

Centrarémonos en aspectos biográficos, a súa participación como directivo en diversas entidades socio-culturais e o seu labor filantrópico

Un home das irmandades da fala: Gumersindo Pereira Nouche (I)

Valorar (5)

CARLOS PEREIRA MARTÍNEZ



Coa conmemoración do centenario das “Irmandades da Fala” pareceume conveniente retomar a figura de Gumersindo Pereira Nouche, un dos máis importantes empresarios teatrais e cinematográficos da Galicia republicana. Xa nos achegáramos brevemente á súa figura noutras ocasións, pero, debido a moitos, relevantes e novidosos datos que localizamos, cremos que esta nova achega resultará de interese. Nela, centrarémonos en aspectos biográficos, a súa participación como directivo en diversas entidades socio-culturais e o seu labor filantrópico. Nunha próxima entrega, abordaremos o seu labor empresarial, pouco coñecido.

Naceu en Nemenzo de arriba, parroquia de Santa Cristina de Nemenzo (naquel entón, concello de Enfesta e hoxe de Santiago) arredor de 1893. A nai, Carmen Nouche, falecería en Nemenzo o 27-2-1930. (El Momento, 1-3-1930). Irmáns seus foron María, Dolores, Jesús, Esperanza e Enrique –morto en Bos Aires, a onde emigrara, dedicándose ao comercio- (El Orzán, 16-10-1929)-.

Casou con María Luisa Ruíz Carreras, tendo catro fillos: Luis, -que casaría con Albertina Salaverri Adan-; Gumersindo, -casado con María América Vázquez Lodeiro- e que morreu, aos 24 anos, o 19-4-1943; María Esther, -que casaría co médico do Burgo Ángel Pardavila Rodríguez-, e Berta. Faleceu na Coruña, logo dunha breve doenza, o 25-4-1939, aos 46 anos. (El Ideal Gallego, 26-4-1939).

Na Coruña, sempre o vimos residir na rúa San Andrés, 94-3º (na II República, levou o nome de García Hernández). Ademais, posuirá unha casa-quinta no Burgo (Culleredo), na que pasaba tempadas de verán (a que está ao fondo na fotografía que incluímos). Nela falecería, en setembro de 1926, o escritor, curmán de Rosalía de Castro, Alejandro Pérez Lugín.

Emigou a Cuba. En 1922 xa reside na Coruña. Mais non perdeu a relación coa súa parroquia natal. En marzo de 1924, na celebración da Festa da Árbore en Enfesta, o párroco de Nemenzo bendeciu unha bandeira que Gumersindo e Francisco Liñares regalaron á escola do lugar. (El Eco de Santiago, 29-3-1924). Once anos despois, nunha excursión escolar organizada o 15-6-1935 polos mestres de Enfesta, preto de cen nenos e nenas desprazáronse a A Coruña. No Burgo, Gumersindo obsequiaríaos e tamén lles facilitaría un local apropiado, cuberto, para o xantar. (El Pueblo Gallego, 20-6-1935).

Afiliado a “Izquierda Republicana”, foi socio do “Casino Republicano” e do “Centro de Estudios Sociales Germinal”.

Pertenceu á loxa masónica coruñesa “Pensamiento y Acción nº 11” do GOE. Segundo a declaración dun masón, Antonio Domínguez Lamela (que recolle Luis Lamela nun dos seus libros), iniciárase había pouco máis de dous meses. No Centro Documental da Memoria Histórica, sección Masonería, consérvase un expediente persoal de 11 follas, (31-10-1938 a 7-3-1957, SE-MASONERIA_B,C.712,EXP.37), así como dúas fichas de encausado do Tribunal Especial de Represión de la Masonería y el Comunismo, as dúas de 1940-1963: TERMC,FICHERO,74,2413689 e  TERMC,FICHERO,70,2219599.

Na sublevación de xullo do 1936 non chegaría a ser detido. Aparecía nunha relación, con outros masóns, de persoas afectas á Fronte Popular que no han sido detenidos por considerárseles personas de orden dentro de su ideología pero que pudieran tal vez cooperar a la alteración del órden público.

Casa de Gumersindo Pereira Nouche no Burgo (Culleredo)

Participación en Xuntas directivas de diversas entidades

Respecto da “Irmandade da Fala” coruñesa, esta celebra o 2-4-1922 Xunta Xeral ordinaria, elixindo un novo Consello Directivo: conselleiro 1º, Xoán V. Viqueira; conselleiro 2º, Bernardino Varela; secretario, Carlos Monasterio; vicesecretario, Luis Somoza; contador, Benito Ferreiro; tesoureiro, Ramón Moscoso; bibliotecario, Leandro Carré Alvarellos; vocais, 1º Luis Peña Novo, 2º Gumersindo Pereira Nouche, 3º Xoán Estrada, 4º Xulio Fariña Salgado, 5º Manoel Lemus. Administrador de A Nosa Terra, Víctor Casas. (A Nosa Terra, 15-4-1922).

Aparece na 2ª lista de socios protectores da Escola do Ensiño Galego, con 5 pta. (A Nosa Terra, 1-2-1924). Tamén achega 5 pta para colocar una praca no monumento a Guimerá, en nome de Galicia; unha iniciativa que puxera en marcha Antón Vilar Ponte. (A Nosa Terra, 1-3-1925). Con Antón Vilar Ponte coincidirá en varias iniciativas da colonia de ex residentes de Cuba da Coruña, como logo veremos.

Cremos tamén próxima á “Irmandade da Fala” sumarse a unha iniciativa de suscrición popular para regalar en Málaga un bastón ao notable xornalista Carlos Esplá. E crémolo porque quen remesa o diñeiro recadado na Coruña, 18,50 pta., é Víctor Casas, e no listado, ademais de Gumersindo, figuran Alfredo Somoza, Arturo Taracido, Ánxel Casal, Federico Zamora, Manuel Lugrís Freire, Uxío Carré Alvarellos… (La Libertad, 15-2-1925). Seguía na entidade en 1928.

Formará parte tamén da Xunta Directiva do coro coruñés “Cántigas da Terra”, co que tiveron moita relación, e tamén diverxencias, a “Irmandade da Fala” coruñesa. En xullo de 1925 elíxese unha nova dirección, que quedou conformada por Leandro Pita Romero como presidente; José Berguer, vicepresidente; secretario, Antonio Álvarez; vicesecretario, Gerardo Roque; tesoureiro, Ramón Feijóo; contador, Jorge Rodríguez; vocais, Gumersindo Pereira e Antonio C. Caamaño. Tamén se ratificou o nomeamento de Presidente honorario a favor de Eladio Rodríguez González, que xa o fora. (El Pueblo Gallego, 15 e 24-7-1925). Outro dos presidentes foi Antón Vilar Ponte.

O “Centro Ibero Americano” será outra entidade na que participa. O 26-6-1932 celebrou unha asemblea constitutiva, na que se elixiu a primeira xunta directiva. O día 15 de xullo, no Teatro “Rosalía Castro”, reuniuse a comisión xestora da entidade para dar posesión a esa Directiva, conformada por José Méndez Vigo como presidente; vice, Manuel Andrade; tesoureiro, Juan Deus; vice, Luis Illanes; secretario, José Cuba Restrebada; vice, Alfonso Andrade; vocais efectivos, Jesús Fernández Victorio, Aurelio Ruenes, José Vidal, Gumersindo Pereira, Ernesto Ortiz, Santiago Puente, Jesús Carballal, Bernardo González, Aureliano Patiño, Francisco Suárez, Manuel Miranda Luaces, Tomás Barro, Rafael Creo e Ramón Cortiñas; e suplentes, Antonio Novoa, José Pérez López, Luis E. Rey, José Guimaraes, Ernesto Cádiz, Santiago Liste, Alfonso Salazar e José de la Fuente. (La Voz de Galicia, 16-7-1932).

Pertenceu tamén á “Liga Española de los Derechos del Hombre”. Nunha xuntanza no “Casino Republicano” da Coruña elíxese un novo Comité: presidente, César Alvajar Diéguez; vicepresidente, Ramón Maseda Reinante; tesoureiro, Robustiano Rodríguez Antón; contador, Martín Ferreiro; vocais, Joaquín Martín Martínez, Manuel María González, Ramón Suárez Picallo, Jesús Mejuto Vázquez, Gumersindo Pereira Nouche, Antonio Carballo Fernández, Adolfo Añiño e José Arias Díaz. (La Voz de Galicia, A Coruña, 3-1-1926). A moitos deles esperaríalles o exilio,  o fusilamento ou os campos de concentración nazis.  

Actos filantrópicos

Xa dende os anos 20 vémolo facendo contribucións económicas con fins filantrópicos ou cívicos: para o Aguinaldo do Soldado, 5 pesetas (El Ideal Gallego, 12-12-1924); para o arranxo do adro da igrexa do Burgo, en 1926, 20; suscrición para Beneficencia particular, 5 (El Orzán, 8-4-1926); para a “Cocina Económica”, 25 (El Orzán, 9-11-1927); para as Festas de Agosto da Coruña, 50 (El Orzán, 24-9-1929); o 21-2-1930 inaugura o Teatro “Rosalía Castro” cun baile de etiqueta a beneficio do “Patronato de Caridad”, do que era membro. (El Orzán, 5-2-1930); para os Institutos Armados, Empresa Pereira, 100. (El Pueblo Gallego, 27-10-1934).

Na II República forma parte da Xunta Rectora da “Cocina Económica” (La Voz de Galicia, 29-9-1933).

Cedía gratuitamente os seus locais para actos públicos de entidades culturais, sindicatos ou sesións benéficas. A “Germinal”, da que era socio, cederalle o Teatro “Rosalía Castro” para a súa presentación pública logo da reorganización e reapertura na II República, o 8-11-1931. (Solidaridad Obrera, 14-11-1931). Tamén á Agrupación Republicana Femenina deixoulle, polo menos en dúas ocasións, o Teatro para festivais benéficos a beneficio dos orfos de Asturias: un, o 1-2-1935 e outro o 17-11-1935 (La Voz de Galicia, 3-2-1935, 16 e 17-11-1935). Tamén o cedeu para a velada organizada pola C.N.T. para recadar fondos para a Casa Sindical coruñesa.

Ao estalar a sublevación militar de xullo de 1936 había unha colonia de verán de 60 nenas do colexio de “Huérfanos de Hacienda” da Coruña que estaban nas “Josefinas” e que tiveron que ser instaladas noutro lugar. Logo de varias vicisitudes, Gumersindo ofrecería ao delegado de Facenda a súa casa do Burgo para aloxalas. Faría ademais as obras precisas para instalar a colonia de nenas; pero ao final fíxose nunha finca sita tamén en Culleredo, en Almeiras. (Hoja Oficial del Lunes, 10-1-1938).

Tamén cedeu gratuitamente o Teatro “Rosalía Castro”, e correu cos gastos de persoal, para un concerto “del eminente pianista camarada José Cubiles”, segundo agradecemento público de FET da Coruña. Mais cremos que, neste caso, a súa xenerosidade debeuse ás circunstancias do momento e non precisamente a simpatías polos organizadores. (El Pueblo Gallego, 13-6-1937).

Outras actividades filantrópicas ou sociais teñen que ver coa súa condición de membro da colonia de ex residentes en Cuba da Coruña.

Xa dende 1924 vémolo relacionado con persoas que emigraran a Cuba. O 13-3-1924 asiste en Santiago, no “Hotel Europa”, a un xantar que amigos de José María Abella lle ofrecen antes de regresar á Habana.(El Compostelano, 14-3-1924).

A primeira iniciativa que coñecemos de ex residentes en Cuba na Coruña foi apoiar a adquisición da biblioteca do arcebispo Manuel Lago González, -uns 7.000 volumes.-que impulsaba a Universidade composttelá. Nunha xuntanza en “La Venatoria” da Coruña acordaron, ademais dos recursos que eles achegarían, solicitar outros ao “Centro Gallego” da Habana e ás sociedades galegas de instrución alí domiciliadas. Nomeuse unha comisión executiva para visitar e pedir colaboración aos que non asistiran á xuntanza, redactar a mensaxe que se enviaría ás entidades citadas e xestionar o apoio da prensa. Conformada por 14 persoas, estaba presidida por Ricardo Pernas Varela e Gumersindo Pereira era un dos vocais. (Galicia, 3-4-1925).

Outra iniciativa tivo que ver co temporal que asolou a illa de Cuba. O 29-9-1926, celebrouse no consulado de Cuba na Coruña unha xuntanza para ver de axudar aos damnificados. Asistiron Antón Vilar Ponte, en representación de El Diario de la Marina e El Pueblo Gallego, Gumersindo Pereira e unha vintena de persoas máis. Crearon dúas comisións: unha para recadar fondos e outra para organizar festexos e propaganda (da que formaban parte Gumersindo e Vilar Ponte). Nas suscricións, Gumersindo aporta 200 pta e a Empresa Arizaga (da que forma parte), outras 200; Antón Vilar Ponte, 5… (El Orzán, 30-10-1926). O 3 de novembro celebrouse un festival no Teatro “Rosalía Castro”, ondeando no palco presidencial as bandeiras de España, Cuba e Galicia. Recadáronse, limpas, 3.283, 47 pta. (El Orzán, 4 e 5-11-1926).


Unha nova campaña tiña como motivo agasallar a Cuba unha vitrina artística para custodiar os trofeos de guerra que España acordara devolverlle. A instancia de ex residentes, o vicecónsul cubano na Coruña, Eduardo Álvarez Gil, presidiu o 3 de febreiro unha xuntanza na que se acordou abrir unha suscrición. Os nomes dos doadores serían gravados en pranchas de ouro e prata que se fixarían na vitrina. Foi nomeada unha comisión xestora, da que Gumersindo era tesoureiro e Antón Vilar Ponte un dos vocais. Gumersindo aportou 100 pta. Os puntos de suscrición eran o consulado e as oficinas de Gumersindo, na rúa Castelar 23-1º. (El Orzán, 4-2-1928).


Con motivo da partida de Roberto Nóvoa Santos a impartir conferencias sobre temas médicos na Habana, convidado pola “Sociedade Hispano-Cubana de Cultura”, prevista para o 16-4-1928, o día 15 foi buscalo a Santiago unha comisión da que formaba parte Gumersindo Pereira. Regresaron con el pola tarde, para que asistise ao banquete co que o homenaxearon antes de partir, e que estaba decorado coas bandeiras cubana, española e galega. (El Orzán, 15-4-1928).


O 20-11-1928 reuniuse, por iniciativa do banqueiro Jesús Fernández Victorio, un grupo de ex residentes para apoiar a idea xurdida en Madrid de erixir un monumento a Cuba e ao seu presidente Machado. Celebrouse unha xuntanza na que o cónsul, José de la Luz León, dou as grazas e procedeuse á elección provisional dun Comité xestor “Pro monumento”, presidido por Manuel Casás Fernández, sendo os secretarios Alejandro Barreiro, correspondente de El Diario Español da Habana e Antón Vilar Ponte, correspondente do Diario de la Marina, da Habana; Gumersindo Pereira será un dos vocais. Esta iniciativa chegaría a ser coñecida en Madrid e Cádiz (El Orzán, 21-11-1928; La Nación, 26-11-1928; El Noticiero Gaditano, 28-11-1928). Reúnense de novo o 24 de novembro, dando plenos poderes a Fernández Victorio para crear unha comisión similar na Habana, e noméase secretario da Comisión coruñesa a Xosé Lesta Meis, redactor do Heraldo de Galicia da Habana. (El Orzán, 27-11-1928). A última xuntanza da que temos noticia celébrase o 29 de decembro, nomeándose un Comité de honor, constituído por diversas autoridades, e unha comisión de propaganda e recadación, presidida por Félix Estrada Catoyra e da que forma parte Gumersindo, de novo como vocal. (El Orzán, 30-12-1928). Gumersindo contribuirá, polo menos, con 50 pta. (El Orzán, 3-1-1929).

E como consecuencia da contínua chegada á Coruña de repatriados da Habana, sumidos na indixencia, crearíase unha comisión para axudar nos gastos de billetes de autobús ou ferrocarril para que puidesen chegar aos seus fogares. Os donativos enviábanse ao Teatro “Rosalía Castro” a nome do tesoureiro da mesma, Gumersindo Pereira. (El Orzán, 10-10-1931).

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña