00:38 Domingo, 25 de Xuño de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

27-01-2016

Temos que seguir fieis ao noso legado realmente rompedor nos actos, mais tamén nos nosos xestos

Nen todo que reluz é ouro

Valorar (54)

ROBERT NEAL BAXTER



Son tempos da imaxe, das aparencias. Por sorte, xa hai tempo que non se acredita na fisiognomía para determinar a personalidade e as proclividades dun individuo en función dos trazos do seu rostro. À diferenza da roupa, a fisionomía nen se escolle nen se pode mudar con tanta facilidade. E, felizmente, no campo da vestimenta, a sociedade tamén foi dando pasos cara à razón, desprendéndose pouco a pouco de caducas e absurdas crenzas e preconceitos. Así, hoxe é verdade que son cada vez menos as persoas que botan as mans à cabeza ao veren un rapaz cun brinco na orella ou no nariz e moitas son as mulleres que xa non tragan a trola publicitaria de que deixan de selo por non depilarse. Así, tamén, salvo algunhas desprezábeis excepcións por parte dos máis rancios e repugnantes cavernícolas, hoxe por hoxe todo o mundo cun mínimo de sentidiño concordaría en que non por levar minisaia e saltos unha muller merece ser tratada de fulana, nen moito menos que a roupa que queira levar valla como escusa para acosala ou violala.

Até aí todo ben. Mais demos un paso máis avante. Resulta ser comodamente ‘progre’ ou ‘guai’ declarar que non importa como alguén vista, que dá igual que un mozo leve cabeleira ou que unha moza leve a cabeza raspada... Como si ben reza o refrán: non se debe xulgar un libro pola capa. E en ocasións pode ser verdade que non. Porén, por loábel que sexa tal sentimento de indiferenza ante a escolla estética de cada un/ha, en parte coido que se trata às veces dun caso de autoengano, ao confundir os desexos coa realidade. Comprobemos, pois, o que acontece cando se dá a volta à cuestión. Despois de mirares as persoas que non coñeces de nada que aparecen nestas dúas imaxes (1 e 2), responde a estas perguntas: En que partido votan? De onde son? Que lingua falan? Con cal deles tomarías unha Estrela?

Ao vestírmonos dun determinado xeito ou doutro, ao maquillármonos ou non, ao levarmos tatuaxes e piercings, facémolo obviamente e ante todo para nos agradarmos a nós propri@s. No entanto, ao mesmo tempo, pecaríamos de ilus@s se pretendermos non ser conscientes da imaxe que proxectamos ao exterior, ao estarmos tod@s criad@s e condicionad@s por determinadas expectativas sociais. Por moito que gostásemos de que non fose o caso, temos que nos render à evidencia: o aspecto físico, incluída a roupa (as ‘pintas’), segue a importar, e moito. A imaxe inflúe, queiramos ou non, en como percibimos e prexulgamos a xente, pois responde a códigos que manexamos intuitiva e inconscientemente. Así funcionan os estereótipos que tod@s recoñecemos. Evidentemente, podemos asumir ou rexeitar estes e outros padróns culturais, mais sería unha inxenuidade pretender estarmos alle@s a eles e que non nos afecten.

Quen decida non asumir estes papeis pode optar por manifestar a súa desconformidade con eles. Imos ao concreto. Persoalmente, eu non gosto das rastas (realmente chamadas dreadlocks), principalmente por se tratar, ao meu ver, dun caso de apropriación cultural. Ora ben, como no caso das tatuaxes, quen non goste delas, que non as leve. No entanto, quen leva rastas sabe moi ben que imaxe –tanto positiva canto negativa– pode implicar para determinados sectores da sociedade. Isto non significa necesariamente que teña a intención de provocar, mais, aínda así, non pode pretender non decatarse da súa potencial carga simbólica: as rastas non son, xustamente, “un peiteado como calquer outro”.

E cais son, xustamente, estas valorizacións –por non dicer preconceitos– que se tenden a asociar coas rastas? Por un lado, a direita conservadora non dubida en trousar sandeces ao velas entrar no sacrosanto hemiciclo, encanto, polo outro, para moita xente representan a ruptura co uniforme politiqueiro do traxe escuro con gravata, insuflando unha bocalada de ar fresco no Parlamento español, símbolo da tan anhelada mudanza política.

Mais non nos confundamos. Con efeito, non se debe xulgar un libro pola capa: nen deberíamos descualificar alguén de entrada só porque prefire levar unha americana e o cabelo curto, como nen deberíamos aplaudir alguén só por levar rastas. Lembremos o que se di de macacas e vestidas de seda, sen falar de lobos en pel de cordeiro... Pois, por moi transgresora que poida parecer a imaxe que proxecta Alberto Rodríguez, isto non impide que defenda a refinaría petroquímica de Santa Cruz de Tenerife como modelo a seguir mantendo para xerar emprego, riqueza e benestar, apesar de que foi denunciada pola Fiscalía Provincial por contaminante e por provocar problemas de saúde da populación. (A que me soa isto?) Onde vai a aposta radical nas enerxías limpas e renovábeis “para substituír os combustíbeis fóseis contaminantes”?

Que non nos deixemos levar polo superficial, pola imaxe: pódese ter un look moi hippy e ser de direitas e mesmo hipster e neonazi. Certamente o BNG ten que traballar moito a cuestión da imaxe para trasladar mellor a súa mensaxe ao noso pobo, mais as formas sempre deben reflectir o fundo e nunca substituílo, evitando caermos na armadilla da trivialización da política que hoxe padecemos, vaciada de conteúdos ideolóxicos e actos coherentes, na procura de votos como se dun concurso de beleza ou de popularidade se tratase. Así, pois, temos que seguir fieis ao noso legado realmente rompedor nos actos, mais tamén nos nosos xestos.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Presentación do III Volume das Obras escollidas de Bautista Álvarez en Pontevedra


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal