23:29 Luns, 11 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-01-2016

Animo a que se cavile sobre a quen engordan e para que valen as alternativas que, presentadas como híbridos salvadores, non contribúen máis que a minguar a presenza política do pobo galego

A política como fraude

Valorar (76)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ



Seguramente é un signo dos tempos, mais  non  deberíamos adaptarnos a aceitalo con natural anuencia. Son lexítimas todas as opcións políticas. Porén, non é lexítimo, por moito que sexa frecuente, pretender confundir sobre o alcance e obxectivos que se teñen. Ven esta reflexión a conto á vista da facilidade con que algúns pretenden xogar en campos diferentes que son, en esencia, incompatíbeis. No caso de Galiza, por exemplo, pretender aparecer como opción nacionalista e á vez servir a deseños da política española. A verdade é que me resulta difícil de entender como un nacionalista, máis nas condicións nas que está o pobo galego, despreza a unidade entre os nacionalista, mentres se apresta, gozoso, a unha unidade subordinada con forzas políticas de ámbito estatal. Este é un problema, e ben grave. Moito máis cando se pretende confundir a sociedade sobre o alcance e os obxectivos desa unidade,  dando a sensación de estar na festa e na romaría. Desde a perspectiva galega, descoñezo que obxectivo específico para Galiza xustifica a unidade con IU e con Podemos. Só teño claro que se trata dunha aposta por confluír coa esquerda española sobre as bases que a xustifican.

A pretensión confusionista tivo un das súas manifestacións na venda propagandística de En Marea, alianza de Podemos-EU e Anova, da pretensión de lograr un grupo parlamentar propio no Congreso dos Deputados após das eleccións do 20 de Nadal. Non fará falta dicir que esta pretensión xurdiu só como unha maneira de convencer de que se trataba dunha alternativa autónoma, independente e diferenciada dos partidos estatais que a compuñan, unha alternativa galega xenuína, que asumía un obxectivo nacionalista. Certamente  concordo coa tese de que só a unha minoría dos votantes da marca galega asociada a Podemos lles resultaba importante semellante obxectivo. Porén, era a minoría máis proclive a votar nacionalista, á que era fundamental engaiolar para optimizar as potencialidades na Galiza. Nada que obxectar se fose un obxectivo sincero, real, non propagandístico, simplemente electoralista, unha maneira de confundir a través dunha promesa fraudulenta. Sei que se pode actuar así porque, alén de ser unha preocupación minoritaria entre os seus votantes, se conta con que a despreocupación pola política esvaeza a  lembranza das promesas feitas en campaña ou simplemente se dea convencido de teren sido vítimas das argalladas caciquís da dereita ou do bipartidismo. Non vou entrar en ningún argumento fundamentado no Regulamento do Congreso por moi claro que puidese resultar ao respeito, pois, entre outras cousas, é verdade que, por interese político, pode chegarse a retorcer até o paroxismo. Vaiamos ás evidencias políticas seguindo obxectivamente o comportamento dos mareantes e tirando as oportunas conclusións:


1.-Após as eleccións, nunca os eleitos por Galiza actuaron por si mesmos en defensa deste obxectivo,  senón que delegaron nos dirixentes de Podemos (Iglesias, Errejón, Carolina Bescansa) ou foron estes os seus intermediarios  na interlocución con outros partidos: a tutela escintilou en todo momento. Non é este a forma de comportarse lóxica en quen ten autonomía, independencia e sente como necesario, lexítimo e irrenunciábel o obxectivo de contar con grupo parlamentar propio.

2.-Podemos actuou sempre coa convición clara de  que  ao final ía haber un só grupo parlamentar de 69 deputados/as, integrado polos 42 sacados coa súa marca en exclusiva e os 27 dos grupos a ela asociados en Catalunya, Valencia e Galiza. Semellante convición estaba asentada nas condicións do Regulamento, na identificación ideolóxico-política da maioría dos seus compoñentes e na forma de estabelecer os pactos e acordos tanto no plano económico, como no xurídico e no político. O hibridismo é unha envoltura que non dilúe unha xerarquía evidente entre os seus elementos constitutivos. A rolda de prensa do 12 de xaneiro en Madrid de Pablo Iglesias cos seus asociados foi elocuente. Non se quixo responder a cantos eran os deputados/as de Podemos nin tampouco responderon os asociados a se recoñecían a Iglesias como o seu líder parlamentar. Por que? Era ben fácil, se era certo que o obxectivo de teren grupo parlamentario propio era verdadeiramente sentido, buscado e realmente pactado entre eles, como inescusábel.

3.-Chegada a hora da verdade, chegou tamén a proba do algodón, e por se fose pouco con contraste entre marcas. Con que facilidade En Marea se integrou sen chistar no Grupo Parlamentar de Podemos baixo a xefatura de Iglesias, Errejón e Bescansa!!! Puideron ir ao Grupo Mixto como tal En Marea, con independencia, intervención propia e presenza como tais en todas as Comisións. Así o fixeron os catro de Compromís, como nacionalistas. Soubemos entón que fixeran un pacto, asinado perante notario, con esta condición, de non obteren grupo propio. Intuían que era moi probábel, e tomaron as precaución debidas.

4.-Filipe VI, xefe do Estado español, recibiu a todos os grupos políticos en audiencia, como paso previo, ao encargo de formar goberno. Foi esclarecedor ver como a portavoz de En Marea, declarou á saída xustamente o que era a consigna da dirección de Podemos: a conformación dun goberno co PSOE. Nin unha palabra sobre Galiza, o que non deixa de ser rechamante nunha representante dun grupo de deputados/ deputadas que argumentaban ter un plus diferencial galego.

Afirmei, no meu artigo anterior, inmediatamente após dos resultados do 20 de Nadal, da falta de rigor, do embuste e da confusión que acompañaron a promesa dun grupo parlamentar propio por En Marea. Como queira que foi unha cuestión decisiva para crear maior engado e atractivo para públicos conscientes da necesidade do nacionalismo, animo á reflexión sobre o futuro. E, sobre todo, animo a que se cavile sobre a quen engordan e para que valen as alternativas que, presentadas como híbridos salvadores, non contribúen máis que a minguar a presenza política do pobo galego.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



1 2 3 seguinte

[10-02-2016 01:59] Xusto comentou:

Para Francisco Rodriguez Sanchez.

Con respecto a que non fala de "nacionalistas sen escrúpulos" cito textualmente o seu artigo 'Demoledor' publicado neste medio o día 24 de Decembro do 2015:

"Non me cabe a menor dúbida que algúns miles de nacionalistas conscientes non tiveron o menor escrúpulo en votar unha candidatura que non o era."

Cadaquén pode tirar as súas propias conclusións.

De saír pola tanxente coido que é vostede especialista. Somos moitos os que seguimos esperando autocrítica despois de anos de fracaso en fracaso ademais de culpar ó entorno mediático hostil, á universidade Complutense e ós nacionalistas sen escrúpulos nos que me incluo. Deso inda non lle vin escribir ren.

Tampouco vexo en que parte concreta do meu comentario lle coloco os cornos ó logotipo da UPG, debe ser que ten vostede tan aprendida a reacción ás críticas que o reflexo pavloviano lle xoga malas pasadas.

Un saúdo.

[27-01-2016 09:37] Francisco Rodríguez Sánchez comentou:

Para quitar a Feixóo non se necesita ir unidos a ninguén. Lógrase votando a prol da opción que teña máis votos, para formar parte dun goberno alternativo, condicionando o seu programa, tampouco se és necesario....No 36 había un obxectivo político galego, lograr o Estatuto. Agora non existe nada similar que xustifique esa unidade electoral con partidos de ámbito estatal. Por certo, non conlevaba formar parte do mesmo grupo no Congreso, eran listas abertas na práctica....Son dúas situacións históricas moi diferentes. A unidade do nacionalismo si é un obxectivo galego e a aposta clara e concreta por un programa pactado tamén, ...Agora isto é do menos para os do éxito, o de máis é tomar a Xunta, despois xa se verá,,,,e nada de BNG, o nacionalismo é unha carga....Alá quen queira colaborar con esa estratexia....Pero ademais de retirar o PP, no que a coincidencia é total, como tamén quere o PSOE, e non por iso nos unimos a el, que queremos facer?...Acaba aquí a política necesaria para Galiza?

[26-01-2016 15:13] Xosé comentou:

Esperar a que os puros tenhan poder abondo pra trocar a normativa pola que se rexe a elaboración de PXOM's pódenos levar a imitar ó irmán de Tranquilo, que morreu daquel xeito. Insisto en que no 33 o PG foi en solitario ás eleccións conseguindo non ter representación e o exilio de Castelao, ademais da división do partido. No 36 foi dentro da Fronte Popular e sacaron a diante o Estatuto, motivo polo que, na lexislación actual, non lle quedou máis remedio que concederlle o mesmo estatus a Galiza que Euskadi ou Catalunha, non o de Asturies ou València, perigo ó que nos enfrontamos e non imos evitar por moito que berremos os catro de sempre.

[26-01-2016 11:26] Fadrique Gómez Vázquez comentou:

Xa nas pasadas Eleccións Xerais saístes a xogar o partido derrotados de antemán, perdendo incluso a vosa seña de identidade para ir en coalición con catro mortos de fame. Menos mal que conservastes a estrela, espero que 2016 veña con mellor estrela.
Tedes que empezar afacervos a perder os partidos da casa. De pouco serve gañar un partido na casa se despois perdedes catro fóra por goleada. Esas vitorias na casa converteron esta GRAN CASA COMÚN DO NACIONALISMO nun alpendre que se esta derrubando a pasos axigantados.
Xa tedes ai as Eleccións Autonómicas se antes non volve haber as Xerais, outra nova ocasión para que coa vosa suma poidades multiplicar, e por favor, non dividades para non ter que restar.
Se non podedes co inimigo tedes que unirvos a el. Desta Gran Casa Común do Nacionalismo saíron a maior parte da xente que hoxe están neses partidos emerxentes e que hoxe son: Concelleiros, Alcaldes, Deputados Provinciais, Autonómicos e mesmo Deputados non Parlamento español. Desde eses postos é desde onde se pode empezar a cambiar este país.
Pídovos que evolucionedes, que deixedes os interéses partidistas e que vos centredes no que quere a cidadanía, ilusionemos a eses votantes e facilitemos a unión da esquerda nacionalista, sen poñer trabas, nin vetar a ninguén, todos somos necesarios e ninguén é imprescindible.
O actual sistema político fracasou quedou obsoleto, por iso o auxe destes novos partidos que veñen para quedar, que ninguén pense o contrario, axudade a cambiar primeiro España, xa que logo sera máis fácil reivindicar o noso, se non vos subides agora a este tren, quedaredes para sempre na estación como estatuas de sal véndoos pasar.

1 2 3 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña