00:39 Luns, 24 de Febreiro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-01-2016

Cando máis falta facía un dique institucional para tanta agresión laboral e social, para tamaña desgaleguización, padecemos a Xunta máis servil

1916-2016

Valorar (65)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO



Titulei a miña entrega inmediata anterior (nas vésperas das eleicións) “Rachemos o guión”. Referíame á necesidade de lle facermos frente a un decreto non escrito que prescrebía o desaparecemento do nacionalismo galego do Congreso dos Deputados. Por moitas vías. Non vou reiterar os argumentos que naquel artigo utilicei nen me vou “culpabilizar” por os meus desexos non se veren correspondidos en absoluto na realidade eleitoral que deitou o 20 de Decembro pasado. O guión pre-escrito a que me refería prosperou en toda a súa eficacia, e os anémicos resultados obtidos polo nacionalismo galego representado por ‘Nós. Candidatura Galega’ déixannos un panorama moi preocupante. Como nen a nostalxia nen a mortificación son boas acompañantes na análise política, permítome poñer por escrito algúns pensamentos, na intelixencia de que é imprescindíbel endereitar o rumo do barco, como ben desenvolvía  -en metáfora ben enfiada e ben plástica-  Francisco Calo Lourido, en artigo recente destas mesmas páxinas:

1-Levamos “suspendido” varios exames consecutivos, en convocatorias sucesivas. Na realidade, desde o comezo do século, mais, agora, con índices inquietantes, que falan dunha moi limitada fidelización do voto nacionalista, dunha feble conciencia nacional e do vulnerábeis que somos a calquer canto de serea procedente de España. Non puidemos, non soubemos e non quixemos parar -as tres cousas asemade-, parar a analisar síntomas e indicios externos e internos que falaban dunha debilidade manifesta, non só numérica (nos resultados eleitorais) senón tamén social.

2-Os efeitos arrasadores da globalización para unha nación como a Galiza viñeron coincidir no tempo con máis dous elementos mortais: as constricións continuadas da chamada crise (superpostas, en todo caso, á crise á galega que viñamos arrastando desde moito máis atrás) e sete anos consecutivos do goberno autonómico máis españolizado e españolizador que coubo nunca imaxinar. Cando máis falta facía un dique institucional para tanta agresión laboral e social, para tamaña desgaleguización, padecemos a Xunta máis servil, entreguista e inútil da historia, ben pouco edificante, de por parte, en toda a súa traxectoria.

3-Seguimos a padecer os efeitos, colectivamente letais, dun autoodio que ten múltiplas faces e que se manifesta hoxe en fórmulas moito máis sofisticadas das tradicionalmente coñecidas e identificadas. Teño dito nestes días que, se se chega a apresentar Donald Trump a estas eleicións, había colleitar votos en abundancia (o grave non é o fenómeno coñecido  -nas primeiras eleicións europeas, a candidatura dun elemento como José María Ruiz Mateos superou lixeiramente os votos que obtivera o BNG-, senón que siga a acontecer en pleno século XXI). A desesperanza na propria condición  -o que custa ser galega-o e exercer de tal; a nula asociación da Galiza a un futuro asegurado-  leva a confiar, por enésima vez, en salvadores de fóra, que teñen a ben contar cos nativos galegos para engrosaren a súa bulsa de votos.

4-Se ben se enxuiciase a política española, as súas mudanzas e as súas aparencias, as súas necesidades e as súas conveniencias e comenencias, captaríase até que ponto a recomposición a catro do mapa partidario español  responde a unha precisión do proprio sistema, en modo autopurga, para mellor garantir a súa sobrevivencia. Dun xogo do xadrez, a dous, pasamos a un xogo do parchís, a catro, mais o xogo é o mesmo: unitarismo do Estado; anuencia para a Unión Europea; negación do dereito de autodeterminación; monarquía; moralización do capitalismo, para limar ou disimular as súas arestas máis agresivas; consolidación do reino das aparencias, da imaxe, do consumo constante de xestos e de declaracións convertíbeis á medida do momento e do consumidor; imperio da demagoxia: despotismo cupular disfarzado de vontade da cidadanía.

5-Todo isto é o que triunfou no 20 de Decembro. Nesta baralla, cada quen representa un pau diferente (ouros, copas, espadas, bastos), mais o mazo de cartas é o mesmo e o xogo é o mesmo. O grave para a Galiza é que somos terra de promisión para as divisorias españolas e para os espellismos españois. O nacionalismo catalán e o nacionalismo vasco  -con ampla experiencia gubernamental e base social consolidada-  sobrelévanse con displicencia. O galego cumpría eliminalo, como noutrora cumpriu cortarlle a cabeza, impedir que medrase, desacreditalo adoito, encarceralo ou atacalo decote como o causante, nada menos, do desbaraxuste económico e social.

6-Tal operación só é posíbel se se proxecta e executa nunha sociedade feble, receptiva para acoller tal mensaxe, desafiuzada de si propria, desafecta para todo o que supoña tomar as decisións por si mesma e, en todo caso, afeita a ser mandada e esperanzada en que quen mande sexa benevolente e paternal. Se este subsolo sociolóxico se ve alimentado e servido por unha organización política ad hoc, que xulga un triunfo para a Galiza contribuír para o mellor éxito dunha alternativa-partido español, o afianzamento da españolización da política galega está servido.

7-¿Mudanza cualitativa? Coido que non. Si, neopiñeirismo, como xa o teño cualificado noutras ocasións e noutros artigos. 25 anos despois do falecemento de Ramón Piñeiro, cómpre recoñecer a eficacia e a transcendencia da súa política. Reina, abofellas, en espírito, con toda a comitiva dos seus descendentes políticos facendo certas as súas previsións e as súas ordes. Lembremos. Tratábase (anos ’50 e seguintes) de desmantelar o mancado nacionalismo galego sobrevivente da preguerra; desactivar calquer intento de recomposición do mesmo, animado desde a Arxentina por Castelao e o Consello da Galiza; orientar o labor dos novos ao ámbito cultural desposuído de todo revival militante asociado ao nacionalismo galego; cultivar o europeísmo e concentrar toda a política en lexitimar as forzas políticas españolas (de dereita, de centro, de esquerda), concedéndose o papel de as “galeguizar”, nunha sorte de menú predeterminado onde os nativos poríamos a materia prima (recursos; votos; talentos…) dun prato cociñado e comido por outros. ¿Resultado, no seu día? Reforzo do PSOE e utilización póstuma do personaxe como grande referente intelectual do PP. A “galeguización”, ula? ¿Ou sería “galeguizar” contribuír co voto á ilegal privación da condición de deputados dos tres do BN-PG / PSG en 1982?

8-Conspicuos anti-piñeiristas  (de boca para afora, polo menos) de décadas pasadas, xa ben entrados na terceira idade, voltaron ao rego. Acaban sendo aqueles bons discípulos do mestre do que temporal ou aparentemente renegaran: a desestima-destrución do nacionalismo galego até onde máis se poda, e o reforzo de alternativas políticas españolas; onte, o PSOE; hoxe, Podemos, con IU convenientemente absorbida. Como non hai mellor (ou pior) cuña que a da propria madeira, non podía faltar o elemento nativo lexitimador, soi disant nacionalista, rompedor no seu día do BNG que callara nos anos ’90 e servidor agora dos novos ídolos españois. Na coñecida carreira de desvirtuación semántica, de confusión e de prepotencia a que se apontan, pouco importa que se vulnere flagrantemente o mínimo principio dunha confisionalidade nacionalista: a confianza na auto-organización e a concorrencia político-eleitoral desde a propria nación sen condicionantes e subordinacións a unha estrutura política exterior e superior.

9-Esta nova e exitosa forma política naceu, implantouse na Galiza e colonizou territorio social e eleitoral galego xustamente para desprazar o nacionalismo, ocupar o seu lugar, españolizar de vez a política galega e garantir que sexamos por sempre propriedade da España política e ao seu servizo. Nunha tal intención e finalidade, non é que o BNG non lles faga falta nengunha; é que o que perseguen é a súa liquidación, sangría mediante, isto é, contando con que os seus efectivos  (os do BNG) flasheen, coa pasmadura necesaria, cos maravillosos resultados eleitorais, entren en angustia-apuro-obnubilación, e se dispoñan a vendérense por un prato de lentellas, a cambio do abrazo do oso.

10-Nada disto empece a proclamación da nosa responsabilidade militante e da necesidade imperiosa de corrixir, rectificar, innovar, modificar… moitas das nosas prácticas organizativas, pedagóxicas, sociais, culturais. Se a isto lle quixermos chamar refundación, fágase, mais o problema non é terminolóxico. Oxalá o fose. Non cabe, porén, adanismo, nen inmobilismo. Ora ben, na intelixencia de que non hai nada máis práctico do que unha boa teoría, esta, a “teoría” haberémola ter clara, como a idearon e difundiron, en tempos ben facareños, hai cen anos, os fundadores das Irmandades da Fala e, con elas, do nacionalismo galego contemporáneo. Cen anos despois, hoxe, 2016, todo mudou e todo, paradoxalmente, continúa igual (e a tal contradición procurarei explicala nun outro artigo). A “teoría” pasa por definirmos se queremos ser río independente ou perpetuo afluente (tributario) dun outro principal. A “teoría” pasa por aspirarmos a ser “central” operativa ou permanente sucursal; portavoces de nós proprios ou bonecos dun amo ventrílocuo. Se a “teoría” estiver clara, a práctica política e eleitoral consecuente non oferecerá dúbida nengunha, por dificultosa e dificultada que se nos apresente nesta conxuntura.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



1 2 seguinte

[22-01-2016 02:05] Gamela comentou:

Estas liñas van para Pilara a ver se algún día baixa da burra para tirar do carro! Logo de escoitala hoxe no programa VíaV seica sería moi aconsellable que MUDARA de cantiga, esa xa a coñecemos TODAS! // http://www.galiciaconfidencial.comoticia/27500-upg-disolucion // Para saber máis...

[20-01-2016 20:21] Alarico comentou:

Está bem o conto!... No novo regime nascido a finais do século passado, quem governou o estado espanhol? O PP e PSOE. Quem governou na maior parte destes 40 anos a Junta de Galiza?, o PP.
Hoje Galiza é um deserto humano – a sua povoaçom nom tem capacidade de se reproduzir -, é um deserto financeiro – as entidades bancarias próprias e as caixas fôrom saqueadas e entregadas ao capitalismo oligárquico madrilenho - , é um deserto económico – agás das pequenas empresas, as grandes produzem aqui, e cotizam em Madrid - Quem fizo esta desfeita?, quem tinha o leme nas suas mao? O PPSOE, que som as forças políticas mais votadas polos galegos e galegas, e se aparecem novas sediadas em Madrid, de novo som estas as mais votadas em contra das que tenhem como alicerce e piar o País. Em fim, desde há século existe um desenho político em nos converter os galegos em um povo de ílotas e estám-no conseguindo.

[19-01-2016 20:42] A conxura dos estultos comentou:

Semella que para defendeer a UPG e o seu legado, non abonda co empirismo. Hai que ter un doutorado en cencias sociais, outro en economia, un master en politica, aparte de amplos coñecementos en historia. Para difamalo, e preferir opciions mais "fflexibles" e modelnas...abonda con 3 minutos en La Sexta, de Roures e George Soros...en fin. Acertado e oportuno artigo,

[18-01-2016 16:32] Enrique Castro Carmuega comentou:

O excesivo e ríxido cobtrol da UPG
dentro do BNG, leva moitos anos
facendo un mal servizo ó naciona-
lismo galego. Moitos militantes
independentes, coma min, non
compartimos esa doutrina tan
cerrada e buscamos outras alter-
nativas mais flexibles e acolledo-
ras.

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña