19:02 Martes, 30 de Novembro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

15-01-2016

Desculpando o tópico, estes son tempos de inflexión e de reflexión

Apuntamentos para a feitura da nova casa

Valorar (27)

MIGUEL RODRÍGUEZ CARNOTA



Os resultados adversos, por demoledores que sexan, non han ser quen de demoler a quen está afeito por practica histórica a resistir e, refacéndose das desfeitas sucesivas, seguir camiñando. Seremos quen de reconstruír a casa común, ou a parte dela que ficou maltreita polo último raio. O seu deseño é tarefa colectiva. Desculpando o tópico, estes son tempos de inflexión e de reflexión.  E estes son os meus apuntamentos, moi urxentes, para o debate que hoxe toca.

1-Respecto máximo
para as persoas que votaron por opcións diferentes á nosa, e sobre todo para aquelas que o fixeron polas opcións máis próximas á nosa. Despois da frustración vén a curiosidade. É preciso entender este colectivo na súa contraditoria variedade e desentrañar sen paixón as razóns que o levaron a virarnos as costas. A razón é ben sinxela: á parte do consabido principio ético do respecto ás opinións alleas, as persoas que apoiaron estas alternativas son as primeiras que debemos tratar de convencer para que nun futuro apoien as nosas propostas. En termos pedagóxicos, son a nosa zona de desenvolvemento próximo.

2-Os medios? Nada novo. Pódese e débese aducir a decisiva influencia dos medios sobre o comportamento dese corpo electoral que hoxe nos foi desfavorábel. Mais esta influencia nin é nova nin ten data de caducidade. Sempre existiu e sempre existirá, e se cadra con máis capacidade de penetración cada vez. Lembremos que a inxente labor de contrarrestar o discurso dos que ordenan, diseccionan, categorizan, empaquetan e aduban o coñecemento da realidade para facelo máis comestíbel non é só a necesidade actual da nación: é a epopea da humanidade enteira.  

3-Liberar toda a enerxía transformadora que existe no país, que é abondosa, sorprendente e dunha calidade excepcional. Esta é a primeira condición para vigorizar un discurso nacionalista necesitado de remuda e poñelo con forza renovada a competir co discurso do poder. Mal que lles pese, estamos vivos e coleando. Como botón de mostra temos a recente campaña electoral de Nós, que foi capaz de exhibir a potencia dun país inquedo, independente, dinámico, insubmiso, sensíbel e cheo de futuro. Foi un refacho de ar fresco protagonizado por militantes novos e non tan novos. O seu suceso será, probabelmente, cuestión de tempo, de perseveranza e de convicción.  

4-Sometemento nunca. Podendo haber visións diverxentes sobre o que queremos para mañá, espero o acordo xeneralizado sobre o que non queremos. Remítome, como exemplo negativo e recente, ao papel subordinado da parlamentaria nacionalista Alexandra Fernández na rolda de prensa na que se anunciou a imposibilidade da formación do grupo parlamentar galego. Neste acto, a voz cantante de Pablo Iglesias arrogouse a representatividade de En Marea e respondeu as preguntas dos xornalistas dirixidas á representante galega. A primeira na fronte: o papel da parlamentaria, eclipsada como muller e como galega, foi un ataque simbólico en toda regra na liña de flotación do discurso nacionalista tal e como o coñecemos hoxe. Agardo que non sexa esta a tónica dos representantes nacionalistas no Congreso. Confío e desexo que a nova parlamentaria saiba como emendar este comezo. 

5-Situar a independencia de Galiza no horizonte e facerse acredores dela diante do pobo. Non é só convencer á xente da necesidade teórica do autogoberno. É, sobre todo, demostrar co noso exemplo que somos capaces de levalo a cabo. Creemos microclimas de independencia alá onde poidamos, demostrando que ao nivel que nos toque que somos capaces de abrir espazos novos, fomentar acordos, sacar adiante proxectos e gobernar sociedades. Urxe saír dunha vez por todas deste maldito escenario de divisións, subdivisións, atomizacións e leas eternas. Privilexiemos a cultura do acordo e sigamos demostrando vontade e capacidade para o pacto até o último momento. Un recoñecemento desde o máis fondo aos negociadores de IpU no ingrato proceso pasado: erguervos os últimos da mesa non vos fixo máis parvos, fíxovos máis grandes.  

6-E para rematar, navegar á bolina. Para ser máis exactos, continuar a facelo mellorando a técnica de navegación. Dise en termos náuticos embolinar ou velexar de contra-vento (cast: navegar de ceñida) ao marabilloso e cuase máxico feito de levar o barco de vela cara adiante con toda a forza do vento en contra. Para iso hai que trazar un rumbo forzosamente zigzagueante que apunte só aproximadamente cara o lugar onde nos diriximos. Para nós, navegar á bolina é unha necesidade, sabendo que o vento sempre nos vai soprar de cara. Na nosa xa longa historia houbo momentos en que o fixemos realmente ben. Outras non, e desviámonos ostensibelmente do rumbo. Non nos culpemos demasiado: a tarefa nunca foi doada. Lembremos que o próximo porto non é máis nin menos que botar o PP da Xunta e comezar a respirar. Cara aí debemos dirixirnos hoxe. Calculemos a forza e a dirección do vento e tracemos o ángulo necesario. Emprendamos travesía e saibámonos perdoar se algunha vez erramos. Pero sigamos todos, xuntos e diversos.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


[15-01-2016 14:45] Antonio Lema comentou:

Coincido totalmente con este traballo, ainda que poida ver o pasado recente de xeito distinto. E desexo que, na navegación que lle espera ao nacionalismo, saibamos navegar á bolina. E sen necesidade de remos!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña