18:41 Martes, 30 de Novembro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-01-2016

Ver quen está co país e cos seus dereitos desde a postura que considere, pero sen cambadelas, claramente e sen enganos

Ser

Valorar (26)

LOIS DIÉGUEZ



Non hai día que non teña algún problema se quero manter a miña expresión propia. Xa non vou contar os problemas lingüísticos que se me amorean ao utilizar a internet. E se falo da omnisciente Movistar cando ligo directamente, o "no lo entiendo, hábleme en español" é inmediato. E eu, "pásenme a unha persoa que fale galego, por favor", e nada. O outro día, no hospital da Coruña (CHUAC), cando me presentan a folla para asinar posíbeis fallos en intervencións médicas pídolle que me dean o texto en galego. "Non temos". Insisto.   A enfermeira pásalle o problema ao médico. Este di que espere, que vai buscar alguén que a traduza. Case unha hora esperando, repetindo cola. Cando me recibe mírame con cara de asasino. Deben ir xa catro reclamacións desde hai tres anos sen obter contestación.

E no máis doméstico: son nada menos que presidente da Comunidade de Veciños do edificio onde vivo. Por primeira vez na historia pedín que as actas se redactasen tamén en galego. Os avisos á comunidade, obviamente, fíxenos neste idioma. Entre os veciños hai un vasco e un castelán. Levan anos vivindo aquí. Mais quen protestou foi un galego. Aqueles aceptárono con normalidade. No súper, un mozo ao que lle pedín un ramiño de pirixel, con cara fusca, dixo inmediatamente, "Que es eso?". "Pirixel", contestei armándome  de paciencia. E marchou. Simplemente. Despois, angustiado, fun a unha oficina de Abanca. Na xanela estaba unha señora xa madura con outra máis vella, a nai. O diálogo daquela co oficinista desenvolvíase en castelán. E cando a filla lle explicaba á nai o que dicía o traballador, traducíallo ao galego. Todo normal, jeje.

Hai anos, cando entraba en calquera comercio e preguntaba algo ao rapaz ou rapaza que atendía, ao ouvirme, contestaban con naturalidade en galego. Mesmo en El Corte Inglés, foto fixa da elegancia máis exquisita para os da miña xeración. Hoxe, despois dos ataques directos de Feixó ao noso idioma, iso xa non acontece.

Por non me poñer nervioso nestes casos (diarios, insisto) neses desagradábeis momentos, imaxino cousas como nas bandas deseñadas que lia de neno, os globiños que levan á nube onde se expresa o pensamento da personaxe, que nos casos de sufrimento era unha pistola para dispararse el mesmo,  (espero que non me acusen de terrorista). Ou meto no globiño o santo Xob, ou a santa Mariña cando a botaban no forno despois de cortarlle non sei cantas partes do seu santo corpo... e a pesar diso, non ardía;  ou a María do Carmo García Negro pedindo un doce Milfollas na pastelaría Madarro de Lugo ante a expresión alucinada da dependenta... Nunha Óptica da Coruña, o outro día, ao ver que falaba en galego, a dependenta preguntoume se era portugués.

Ser, si, a pesar desta guerra continuada que teño cada día para non renunciar ao que os meus pais e os seus devanceiros me deixaron en herdo. Moitas veces penso que teño a solución de pasar de todo e adaptarme á política dos que mandan e foron impoñendo a anomalía como norma neste noso país máis asediado que nunca. Por que teimar nun imposíbel? Por que seguir sendo o raro dos que me rodean? Non será mellor adaptarse para vivir tranquilo, sen as angurias diarias que me van torturando?

Confeso que o intentei unha vez, e puxen o outro idioma nos meus labios cando nel me falaban, pero  saíame como lle sae a Feixó cando o usa, que cada vez é máis, con ese acento estraño, falso e nasalizado, curiosamente estricándose ao mesmo tempo como un galo. Ah, se con valentía se ouvira e mirara nun espello fuxiríalle ese servilismo con todo o madrileño.

Non, non era capaz, porque me sentía alleo e máis torpe na expresión, menos íntimo, certamente dependente. E temía que de facer disto costume, acabaría por sentilo como normal. Aquí está o problema. Problema, tamén, colectivo. Problema histórico. E problema que non queda aí só, senón que está relacionado coa propia consciencia de ver os outros problemas da vida nosa: traballo, emigración, discriminación, colonización, cultura, futuro incerto... Imposíbel se fai afastalo deles.

Por iso coido que calquera persoa, partido ou grupo que considera que o ser, o nós, non é prioritario, no fondo, está, como mínimo, esgazando esa idea de progresismo, ou esquerda real, e máis se ampliamos a expresión propia aos demais problemas reais que como colectivo, como nación, temos. E tampouco entendo aos que tiran polo medio (nacionalistas que na práctica tamén foxen deste conflito diario) e se unen aos outros, buscando padriños que os integren no éxito circunstancial. Problemas reais que coutan o avance social, como a autodeterminación. Para todos eses (repito, na práctica real) agora hai que mirar as cousas da barriga. E punto.  Pero, curiosamente, cando se trata de España, todos eles, os vellos e os novos, os clásicos e os modernos, poñen como defensa principal la únidad de España o los principios soberanos asegurados pola Constitución española. Ou a economía libre de mercado como fórmula económica. En que quedamos?

Así que a experiencia de cada día, neste país sometido, reafírmame na idea de ser, ser eu, ser nós claramente, sen enganos nen camuflaxes, sobre todo agora, cando veñen mal dadas e hai que roer de novo a realidade crúa. Ver quen está co país e cos seus dereitos desde a postura que considere, pero sen cambadelas, claramente e sen enganos. E a partir daí, construílo mellor, orientarnos mellor, collendo os erros, fracasos e éxitos polos cornos para darlles a viraxe necesaria. E como colofón, tamén isto: que na urxente e necesaria tarefa estean todos e todas, tamén os da UPG, —non padezo de sectarismo—, aínda que non lle guste a Beiras.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


1 2 seguinte

[12-01-2016 21:39] Ladi comentou:

Eu sempre penso en facer coma o teu amigo e contestar en alemán se non me queren falar en galego, pero ó final nunca teño valor. Por sorte vivo nunha desas illas onde podemos continuar a falar galego sen sobresaltos, incluso os máis pequenos falan en galego.

[10-01-2016 21:37] Xulia comentou:

Sìntome moi identificada coa situaciòn que describe Lois Dieguez no seu artigo. A min tamèn me acontecen eses conflitos. Non todo o pais è igual, hai pequenas illas nas que o idioma se mantèn, mais a perda de espacio està contrastada con datos oficiais. Concordo coas argumentaciòns a respecto da situaciòn actual.

[10-01-2016 13:12] Adrián San Roquiño comentou:

Pois eu pouco vou ao Corte Inglés, e as veces q fun faláronme en galego. As rapazas das caixas, novas e da redonda, falaban entre elas en galego. Nas tendas da miña vila, ademais de no Gadis e no Froiz (non só no Eroski de Ferrol), fálanme e falan en galego. Tamén en Novedades Carmiña. E a loteira á que lle compro. E os gardas municipais. E o taxista cando subo á residencia polo Sintrom.
Non falan galego os rapaces máis novos. Nin que llo fales. Nin tampouco aos seus fillos a candidata de Nós-Candidatura Galega por Pontevedra. Pecadores somos, meu rei.

[08-01-2016 00:34] Penalba comentou:

Confirmo a túa incomodidade, é exactamente a miña. Unha tristeza absoluta. Grazas por describila.

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña