23:20 Domingo, 23 de Febreiro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

31-12-2015

Os resultados electorais é certo que foron moi malos pero tampouco creo que se acabara o mundo o 20 de decembro

Bos propósitos diante dun novo ano

Valorar (43)

DUARTE CORREA PIÑEIRO



Pasa sempre ao chegar estas datas, poñémonos a pensar que sería bo mudar nas nosas vidas para sentirnos mellor. Hai quen decide anotarse a un ximnasio para poñerse en forma e botar fóra os quilos de máis, outr@s empezan esa colección tan interesante de fascículos, miniaturas ou libros que anuncian na televisión, hai quen decide mudar de auga de colonia despois de recibir ducias de ofertas de novas fragrancias que  permitirán que sexa un superhome ou unha muller moito máis atractiva, e non esquezamos a quen muda o teléfono móbil de última xeración que non ten aínda un ano polo de ultimísima xeración aínda que o uso que lle dá non é moito máis que enviar vídeos totalmente prescindíbeis e chamar a casa cando sae do traballo ou de tomar o café para avisar de que en dez minutos chega.

Estes exemplos postos por escrito poden parecer estrambóticos pero tod@s coñecemos persoas que o fixeron repetidas veces ou nós mesm@s temos feito algo así nalgunha ocasión.

Hai xa tempo que se popularizou o de que somos consumidores e consumidoras sen cuestionarnos colectivamente se ese adxectivo calificativo é compatíbel con sermos seres pensantes ou non; o certo é que en moitos aspectos da nosa vida xa non somos a humanidade, pasamos a ser a sociedade de consumo.

Esa necesidade artificial de mudar a cada pouco para estar á última non nos afecta só no ámbito privado e persoal, tamén afecta no colectivo e cando falo de colectivo refírome neste momento ao nacionalismo galego.

Hai once días que se celebraron as eleccións xerais, a opción electoral Nós-Candidatura Galega da que formaba parte o BNG tivo uns resultados moi malos e o nacionalismo galego despois de vinte anos deixa de estar presente no Congreso dos Deputados por si mesmo. Non vou entrar en debates que non levan a ningures nin adoito dar carnés de nada, hai dúas persoas nacionalistas que son deputadas pero é indiscutíbel que formaban parte dunha candidatura de obediencia estatal que obtivo os seus resultados debido fundamentalmente ao efecto do voto útil a Podemos.

Diante dos malos resultados o BNG decidiu iniciar un proceso de debate e reflexión sobre a realidade actual da organización, a súa presenza social e a súa actuación en todos os ámbitos, proceso que busca mellorar todo o que sexa mellorábel para que despois dun retroceso electoral tan importante poida recuperar terreo aumentando a súa influencia social e recuperando presenza institucional para seguir andando o camiño cara o obxectivo de acadar a soberanía nacional, consciente de que só contar co poder de decisión sobre os nosos recursos permitirá construír unha sociedade galega de xustiza social.

Os resultados electorais é certo que foron moi malos pero tampouco creo que se acabara o mundo o 20 de decembro nin que o BNG ou o nacionalismo galego estean nun beco sen saída pendente a fronte nacionalista só de que lle dean a extrema unción

Supoño que a actitude que manteño está influenciada polo feito de que na miña xa ampla experiencia política nunca estiven no ámbito institucional e sempre considerei que as análises serias non se poden facer de xeito parcial, hai que analizar todos os elementos externos e internos que inflúen sen fuxir da autocrítica pero sen caer tampouco na autoflaxelación.                 Non nego a importancia que teñen hoxe en día as convocatorias electorais ao estar cada vez máis asumida socialmente a idea da democracia como democracia representativa participando co voto cada certo tempo e como moito cun gústame ou cun breve comentario nas redes socias fronte á democracia participativa que unha minoría defendemos e tentamos practicar. Pero ao igual que non nego a importancia das eleccións tampouco creo que se deban sacralizar, os resultados positivos nunha elección non valen para nada se non hai detrás un traballo social e unha organización forte, e uns resultados negativos sendo sempre un golpe importante poden superarse se hai detrás un traballo social e unha organización que permitan recuperar posicións. Entramos nun novo ano e diante de nós temos varios camiños:

A.- O máis doado, que nos permitirá recibir palmadiñas nas costas e formar parte do club dos máis innovadores e modernos, é mercar o novo produto para estar á última.

B.- O máis difícil, reafirmándonos no convencemento de que Galiza precisa de organizacións propias sen dependencias alleas de ningún tipo, estivo, está e estará sempre cheo de obstáculos.

De escoller o camiño A pasarémolo ben un tempo, pois a todo o mundo nos gusta estar na crista da onda; pero non esquezamos que a sociedade de consumo ten unhas regras, sendo unha delas que os produtos de usar e tirar son básicos para que funcione a noria e para iso a obscelescencia programada é moi eficaz. Neste camiño A chegará un momento en que o móbil de ultimísima xeración pase de moda, o pilates deixará de ser o moderno e eu seguirei cos quilos de máis, os fascículos ou obxectos de colección aburriranme e deixareinos sen completar, a auga de colonia descubrirei  que non era tan eficaz á hora de ligar e incluso a tertulia política de televisión a catro bandas que á hora da verdade son dúas non tardará en ser substituída por outro modelo máis eficaz e rendíbel para os intereses económicos e políticos de quen posúe a titularidade da canle televisiva.

De escoller o camiño B o único garantido é a inmediata etiquetaxe como conservador@s e fundamentalistas  acartonad@s que non se adaptan aos novos tempos. Deberemos esforzarnos moito, pois colocar un bo produto no mercado precisa de boa materia prima, dun constante traballo de elaboración, innovando cando sexa necesario pero sen obviar a base fundamental do produto; precisaremos ademais dun intelixente labor de comunicación e promoción que actuando en técnica de guerrilla gañe o apoio da poboación autóctona, chámese sectores da clase traballadora máis conscientes, sectores produtivos agredidos, colectivos afectados polo desmantelamento dos servizos públicos, mundo da cultura,..... Ese camiño B é moi duro, e leva tempo facelo, daremos  pasos adiante e  deberemos desandalos máis dunha vez  pero  a experiencia dinos que é o camiño certo.

Benvido 2016.    

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


[01-01-2016 19:36] Alexandre comentou:

Despois de varios anos e mais de 6000km de por medio,.....a culpa, segue sendo do Cha-Cha-Cha.

[31-12-2015 20:56] Xosé Carlos Solla Lago, Vigo. comentou:

Agradezo a túa aportación nestes tempos de enorme confusión e oportunismo político. Meus parabéns, Duarte. A loita continúa!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña