02:46 Domingo, 01 de Novembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-12-2015

¡Quen lles diría aos que rescataron o nacionalismo do ostracismo no 64 que este acabaría extraviándose na encrucillada, tomando o ramal equivocado!

Como combater as horas baixas

Valorar (112)

BAUTISTA ÁLVAREZ



Non sei se se escribía con k ou con q, pero lembro o reclamo que hai medio século enchía os valos publicitarios: "Combata as horas baixas con Monki". Ninguén sabía o produto que nome tan sonoro pregoaba, nin se existise algunha mercadoría coñecida con esta denominación. ¿Sería tila, café, algún medicamento ou un bebedizo capaz de sumirnos no limbo de Morfeo? Quizais correspondese a algún elixir apto para poñer a ton os ánimos nos momentos depresivos. Ignoro tamén se algunha empresa chegou a comprar para os seus produtos unha marca xa publicitada. Desde que nos anos vinte a propaganda sacou da arca o pano que antes se vendía dentro dela, a publicidade relegou a un segundo lugar a calidade do xénero. Máis coñecido é o filme titulado Confidencias a medianoite, protagonizado por dous actores mimados polo celuloide: Rock Hudson e Doris Day. Forma parte da trama o anuncio dunha mercadoría inexistente, o que vén demostrar que un nome consagrado supre a menor incidencia dun contido descoñecido, por moito que este sexa de boa calidade.

Tanta importancia ten a marca para o mercado que o capital prefire promocionar os seus produtos a través de ídolos xa popularizados na pantalla. Figuras do deporte ou da canción. Lembremos as famosas pernas de Di Stefano vestidas con medias Panty. A cantidade de diñeiro que os famosos cobran polo seu patrocinio é inferior á que custaría promocionar un artigo partindo do anonimato. E sobre todo tempo. Pois o que é habitual na actividade económica tamén serve para o marketing político. Aserto este non desmentido polo relativo éxito electoral de certos partidos considerados emerxentes. Non partiron da nada, senón dos espazos xa conquistados desde moito antes nos mass media polas súas figuras representativas. Non esquezamos tampouco a orixe dos resultados positivos. Máis que a motivos ideolóxicos débese ao cansazo e fastío producidos polas alternativas tradicionais.

As marcas políticas con implantación en Galiza despois da transición redúcense a tres. PP, PSOE e BNG. Cada unha destas siglas identifícase popularmente cunha palabra clave. Populares para o PP, socialistas para o PSOE e Bloque para o BNG. A través das distintas variantes do nome a organización nacionalista sempre se identificou no pobo como Bloque. O criterio de consagración do nome foi o que prevaleceu na asemblea fundacional do BNG, en contra do parecer dos que pretendían lexitimamente definilo como Fronte. Sería arriscado empezar cun nome recén estreado, sen madurar aínda, para concorrer a unhas eleccións xerais xa convocadas. Tan introducido estaba o nome na sociedade que inclusive acadou resonancia fóra do noso territorio. Viaxando eu hai trinta anos nun autobús que carrexaba emigrantes entre Galiza e Suíza, pasado León incorporouse un novo pasaxeiro. Pasaba dos corenta, pero parecía lonxe dos cincuenta. Como a maioría dos viaxeiros procedían do noso país ou de Portugal, o recén incorporado agasallounos coa seguinte afirmación: "En Galiza, os que mellor defenden os intereses do pobo son os do Bloque". Sentinme gratificado, máis que pola avaliación positiva da organización na que militaba, por saber que fora capaz de ultrapasar fronteiras.

Algún atractivo debe de ter a palabra cando foi un modelo no que se inspiraron organizacións políticas nadas con posterioridade. Tanto no País Valenciano coma no veciño e irmán noso de Portugal. Na nación do sur leva competindo anos con relativa fortuna electoral. Os camaradas de Luís Fazenda e Carlos Louçá acadaron xa representación propia no Parlamento de Estrasburgo, sen que fose preciso auxiliarse de alianzas conxunturais para introducirse en Europa. Sabido é que os éxitos non dependen das formas senón dos contidos. Pero algunhas veces estes fracasaron por non presentalos adecuadamente adubados, ou por confiar a súa transmisión a un mensaxeiro descoñecido. Non se debe abandonar un nome cando non se conta con tempo nin haberes para a consagración doutro alternartivo.

Tomade estas opinións miñas como produto dunha mentalidade cravuñada na zafra de épocas pasadas. As vangardas actuais procuran o triunfo por vieiros menos trillados. Aos que aínda andamos pola vella sorpréndenos que o nacionalismo entre no céspede co segundo uniforme, o que lle corresponde ao equipo visitante. É como saír á rúa en coiros nunha mañá de xeada, cando o lazo cobre cunha capa de vidro a auga das pozas. Peor aínda. Saltar de cabeza á piscina despois de baleirala. Non falo por impresións senón por oídas. Vista a propaganda que acaba de estamparse nas paredes, preguntoume un amigo, con fidelidade de voto, se desta non se presentaba o Bloque. Custoume convencelo. A mentalidade dun labrego dificilmente interpreta os exquisitos saltos de cabriola dos funambulistas. O malo é que o nacionalismo non conta con militancia abonda para explicarlle ao electorado as innovacións producidas no cambio de equipamento. A non ser que se convirta o mitin nunha pasarela na que van desfilar os candidatos vestidos co novo traxe, e renuncien a debullar a mensaxe dos contidos.

Aquí e agora entramos noutro terreo. Nos meus escritos levo repetindo arreo os principios que informan o nacionalismo, que desde a asemblea de Lugo foron transmitidos das vellas ás novas xeracións. Inclusive aportei fórmulas de proclamas que puidesen substituír aos inocuos reclamos electorais, que se non fose polos asinantes poderían servir para calquera partido que pretenda ser alternativa do poder. ¿Onde están os sinais que nos identifican politicamente? Postos a falar dos recortes, da desigualdade, do feminismo, da saúde pública, pódese escoller entre as moitas promesas que nas campañas se espallan a rapañotas. Os que para os outros son parados de Raxoi (con x) ou de Feixóo (tamén con x), para Nós (fagamos honor ao nome) son os parados do sistema económico que na Constitución figura como economía de mercado. Hai algo moitísimo máis grave. Chamarlle rexión europea a unha nación que ademais de leite producíu unha lingua e unha cultura. Non invento. Transcribo artigos. O que nun militante de base podería ser un leve descoido, nun aspirante a representar o nacionalismo nas institucións e algo descualificador e intolerábel. Se cadra porque o nacionalismo de agora puxo do revés a camisa que antes vestía polo dereito.

Vou entrar no miolo da cuestión. O dereito de autodeterminación nacional que proclama o nacionalismo ten que ser a estrela arredor da que xira un complexo sistema planetario. O combate da xenofobia, da homofobia, do sexismo. Ademais da defensa dos dereitos que ao ser humano lle corresponden, prescindindo da súa orixe, aqueles que nos afectan máis directamente, e que inclusive son coincidentes con alternativas alleas ao nacionalismo. Pero ningún dos aspectos parciais pode opacar a luz do astro que nos debe alumar. Para conseguirmos que o pobo manifeste a súa forza debemos arrincarlle primeiro o complexo do colonizado, que lle impide expresarse tal como é. Mentres, seguirá arrimando o lombo ao carro dos poderosos, o que a cotío lle pasa ás rodas enriba das ás impedíndolle voar. Levámolo vendo elección tras elección. Os modelos nos que nos debemos inspirar témolos próximos. Tomemos para triunfar e liberarnos os lemas que Gadis utiliza para vender. Non debemos deixar para as campañas a pedagoxía necesaria para formar a nosa base social. A que se vai construíndo día a día, formando primeiro pedagogos expertos en explicar unha disciplina que os xefes do coro político se esforzan en manter oculta. Cando ao noso pobo lle metamos na mente o orgullo de ser galego teremos metade do camiño andado. Así é cando a sociedade poderá entender a falta de postos de traballo, as causas da emigración.

Dáme algo de medo meterme en temas que dun tempo para acá se converteron en tabús. Dáme igual. Estou escaldado da auga fervendo que me botaron enriba algúns dos meus lectores. Dos que me acusaron de misoxinia por ridiculizar a España encarnándoa en figura de muller. Os que, cunha visión dogmática do feminismo, interpretan a maldade como atributo exclusivo masculino, por moito que a gramática non sexa tan escrupulosa coas diferenzas de xénero. Vou arriscarme a cruzar os límites impostos pola prudencia. Ben sei que non entra nas intencións dos deseñadores da campaña nacionalista tapar con algún dos seus satélites o protagonismo reservado para a estrela. Mesmo así, o impacto dalgún spot pode eclipsar a mensaxe principal coa secundaria. Falo das imaxes recollidas por algún xornal, e que o pudor dun político cuñado nos vellos moldes me impedíu ler o texto que as acompañaba. Quizais sexa por alerxia miña. ¿Non vos estraña que entre todos os vídeos fose este o único que mereceu a atención do medio? ¿Sería acaso pola calidade artística? ¿É así como pensamos liberar a patria, comezando por outras particulares e lexítimas liberacións? Non é este o lugar para resolver o problema.

Os amores de cada quen e as súas preferencias e particularidades deben reservarse para a intimidade da alcoba. Non parece oportuno exhibilos na ágora, que agora se coñece como praza pública. E moito menos amosalos como trofeo e mérito preferente para conquistar adhesións políticas. Ao elector interésalle máis saber o que vai comer e non con quen se vai deitar. Ousadas innovacións publicitarias, moi propias dos que non hai moito se meteron de bruces nas augas do Manzanares para salvar do naufraxio a un malandrín. Está ben ser pioneiros no combate e na defensa de todas as liberacións. Ningunha delas debe ter prioridade sobre a liberación nacional do noso país. E sospeito moito que non sexa así. Hai quen se pon na vangarda das liberacións que está de moda, e pasan por alto as que consideran resesas. Condúceme a esta conclusión o feito de que os meticulosos coa duplicación anticientífica de xéneros non teñan inconveniente en ultraxaren de maneira reiterada o idioma, e sigan pronunciando con fonemas españois os nomes de Feixóo e de Raxoi.

¡Quen lles diría aos que rescataron o nacionalismo do ostracismo no 64 que este acabaría extraviándose na encrucillada, tomando o ramal equivocado! Daquela soñaban algúns con baixar da serra de Manzaneda con estadullos e fouces irmandiñas, e, chegando a Compostela, queimar a bandeira española e enarborar a nosa no seu lugar. Por aquel entón estaban aínda frescas as fazañas de Cuba, Arxelia e a que o Vietcong iniciara no Vietnam. ¿E que se atoparon ao chegar á meta? Un pobo mergullado na orxía, adorando un xato de chumbo, que construiran para suplantar os mandamentos herdados dos devanceiros. ¿Terá que baixar un novo Moisés desde o Pico Sacro para romper coas táboas do nacionalismo o becerro fabricado polos idólatras da modernidade? Modernidade. A palabra tabú do neoliberalismo tan deostado.

Antes de rematar estes apuntamentos, que non pretenden acadar maior categoría, quero facer unha anotación derradeira. Escribinos na segunda semana de decembro, cando comecei o meu retiro en Beariz de Montes. Non quero que se publiquen antes das eleccións do día 20. Consciente de que as miñas opinións non gozan de moito predicamento, non quero de todos os xeitos que sexan tomadas como cabeza de turco no caso de que os resultados sexan adversos. Se son positivos, entendendo por tales os que locen cara fóra, vereime obrigado a someter as miñas interpretacións a unha profunda reciclaxe. En caso contrario, haberá que retirar o temón das mans de grumetes e poñelo nas de expertos pilotos para que devolvan o navío ao porto de saída.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


1 2 3 4 5 6 7 seguinte

[04-01-2016 21:40] Moinante comentou:

Nom será que muita gentinha só deseja a representaçom parlamentar -necessária, mas nom suficiente- porque nom quere mudar nada de jeito radical? No que atinge aos galegos: o poder financeiro reside na Troika (Wall Street e demais instituiçons), o poder económico em Bruxelas, o militar na OTAN. Madrid como cidade-estado, é a residência dos comissionistas destes poderes através do BOE. Se nom temos isto claro como imos construir um processo de emancipaçom para Nós, os galegos?

[03-01-2016 17:47] Xosé comentou:

Eiquí costábame traballo que os achegados seguiran votando polo BNG. Despois de ler isto pido papas. A liberdade sexual é unha deturpación do nacionalismo, a cerna do movemento é guiarse polo exemplo canónigo do relato bíblico cos seus cuxos de ouro e Moísese salvadores indicando o bo camiño. Que vaian rezar a outro lado e lle digan ó Tato que apague a luz.

[03-01-2016 15:28] Luar Oír comentou:

Amigo do “Movimento galego ao onanismo”; Xa me gustaría a min saber que é o que aportaches ti e outros coma ti, (ademais dos vosos insultos) para mellorar a situación e que críticas construtivas fixestes, pero dáme a min que o único que aportades é insultar a quen traballa con mellor ao peor sorte pero con toda a súa boa vontade. Nesta organización hai canles dabondo para facer as críticas que sexan necesarias, pero si este é o teu xeito de facelas penso que si non podemos contar contigo para esta nobre tarefa non pasa nada e... incluso podemos celebralo.

[02-01-2016 19:45] Movimento galego ao onanismo comentou:

Sempre a defessar o BNG, SEMPRE!
quando pactamos com o PSOE
quando pactamos com PNB e CIU
quando dilapidamos o capital político do apoio de 300000 pessoas
quando corremos como lebres para pilhar cahco na diputação
quando nos adicamos a destruír ao resto da gente tildando os seus pojetos como "radicais" por mera inveja
quando chamamos a esses cotantes que se forom parvos e alineados, e pensamos que o "povo é parvo"
quando rascas com a unlha e sae todo este rio de homofóbia, traição e rancor

Agora si que vos digo, até nunca!
Farei pais, mas não com gentuça como vos...

Não contedes comigo para mais nada

1 2 3 4 5 6 7 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña