18:02 Domingo, 07 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-12-2015

Os problemas e limitacións eran previos e teñen a ver coa ruptura da unidade do nacionalismo galego e coa conxuntura política no Estado español

Demoledor

Valorar (134)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ



Non vou facer grandes análises. Moito menos recorrer a xustificar uns resultados demoledores, inesperados para min na súa contundencia. Simplemente, polo de agora, vou sinalar algunhas evidencias. Porén, antes, quero recoñecer, subliñar e agradecer  o esforzo realizado polas persoas que participaron activamente na campaña de Nós. Candidatura galega. Permítaseme facelo, de maneira especial, con Carlos Callón, Noa Presas, Olalla Rodil e Carme Adán: excelentes,  representando a única opción nacionalista que había. Enténdase, entón, que nada tivo a ver a campaña realizada, en calquera das súas dimensións, cos resultados obtidos.

Os problemas e as limitacións eran previos e teñen a ver coa ruptura da unidade do nacionalismo galego e coa conxuntura política no Estado español. Respecto da primeira cuestión, parece claro que, de térense presentado unidas as distintas formacións que se autoproclaman  nacionalistas, habería opción a obter representación no Congreso, malia for de forma moi axustada. Respecto da segunda, a máis influente e determinante neste momento, cómpre aclarar, máis unha vez, cuestións evidentes que, continuamente, se pretende agochar por parte de quen, en nome de Galiza, se dispuxo a favorecer un deseño de reformulación do sistema de partidos para o réxime recuperar a lexitimidade social en crise. O argumento fundamental, non o esquezamos, é que Galiza, por si, non é capaz de expresar unha vontade política suficiente para facerse valer. Necesitamos apoiarnos en forza allea. É unha forma de encarar a debilidade electoral do nacionalismo na Galiza, a súa fraxilidade ideolóxica na sociedade. Sen dúbida, esta fraxilidade social e electoral existe. Acaba de manifestarse de forma contundente. Claro está que agravada pola colaboración entusiasta de quen emite esas mensaxes e colabora á confusión e á fraxilidade desde dentro, favorecendo a aplicación do deseño españolizador. Non me cabe a menor dúbida que algúns miles de nacionalistas conscientes non tiveron o menor escrúpulo en votar unha candidatura que non o era, simplemente por acreditar en que insería a suficiente dose de galeguismo na enxurrada poliédrica, televisiva e española de Podemos, a máis eficaz para acabar con Raxoi e rexenerar o sistema, segundo a oratoria do seu carismático líder.

A cousa é seria. Non hai máis que mirar para os resultados electorais. Fágome a seguinte pregunta:  que significou  para o nacionalismo catalán, vasco e galego a irrupción de Podemos? A resposta é clara: o seu retroceso significativo, máis ou menos agravado, segundo a súa fortaleza e o a súa estrutura de poder. En Catalunya, no contexto dun proceso independentista, as opcións nacionalistas quedan co 31% do voto, en segunda e cuarta posición. En Euskadi, resiste o PNV, mais en segunda posición, e Bildu pasa de seis deputados a dous, con 100.000 votos menos. No noso país, Galiza, o nacionalismo perde algo máis de 100.000 votos e fica sen representación no Congreso. Podemos, con ou sen os  adobíos pertinentes, é a primeira forza política en Catalunya e Euskadi, e a segunda aquí. Desde logo, o esqueleto vertebrador de Podemos non é o nacionalismo, senón unha aposta pola vertebración de España reducíndoo dentro dunha dialéctica política que necesita, de forma urxente, unha domesticación do caso catalán con base social dentro da propia Catalunya, e a enunciación de discursos dialogantes (canta a súa sinceridade e fiabilidade? cais os seus límites?) desde España.

A gravidade da situación na Galiza non se nos oculta. Porque, ademais, a nova forma de facer política usa dun recurso vello en forma desconsiderada: a confusión, a trapallada. Imos vivir xa unha das súas primeiras consecuencias prácticas coa suposta intención de conformar un grupo parlamentar propio do que, aquí, como máscara, se denomina En Marea. O que hai na realidade é unha coaligazón de partidos, Podemos, IU e Anova. Non outra cousa. Os deputados e deputadas eleitas a eles pertencen. É máis, o Ministerio do Interior, non sei se el tamén trapalleiro, informando nas súas páxinas oficiais sobre as Eleccións Xerais 2015, deixa claro que, na Galiza, a candidatura vai encabezada por PODEMOS, sen nada máis antes que teña valor xurídico ou legal algún.

Por hoxe abonda.  Estamos nunha encrucillada, difícil. Porén, sería un erro grave deixarse guiar só polas dificultades electorais do nacionalismo na Galiza, nunha conxuntura como esta, para xustificar a súa desaparición como alternativa política específica e diferenciada. E dígoo desde unha posición anímica que me fai comprender mellor os sufrimentos e tristezas polos fracasos, non electorais, senón históricos, que tiveron que padecer moitos dos nosos predecesores, a comezar por Rosalía e Castelao. E valorar unha diferenza crucial: malia todo, temos un instrumento dun valor incalculábel para a acción social e política, como nunca tivo o país. Non nos deixemos arrombar por esta difícil e complexa conxuntura!!!


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 seguinte

[28-12-2015 19:42] Nano Besada comentou:

Mentres algúns sigades na posesión da única razón, mentres vos sigades crendo os máis puros, os que máis loitades e queredes a Galiza, despreciando cada vez a máis galegos que pouco a pouco, imos pasando da vosa pureza na procura de facer ALGO dende onde se toman decisións (os parlamentos) .... así vos irá. Seguide nese "camiño único" que pode liberar a Galiza. Só agardo que máis ben pronto que tarde fagades autocrítica, dun carallo dunha vez e deixedes de lle botar a culpa os demais dos vosos continuos erros... polo ben da patria.

[28-12-2015 19:02] Gamela comentou:

Igual era ben que o autor lera unha tese doutoral na que se explican as cousas que ao parecer algúns NON son capaces de ver a pesares de telo diante dos ollos / http://www.eldiario.es/galicia/primera-Transicion-Galicia-ausente-protagonistas_0_466153593.html / Paco aínda non soupo que foi o 15M e segue sen enterarse de nada!

[28-12-2015 17:21] Xosé comentou:

O artigo adoece da necesaria e ineludibre crítica adaptada aos tempos que corren para o nacionalismo. Desvinculando a campaña dos resultados obtidos no ánimo de agradar e validar a quenes están detras, así como desviar o punto de atención cara ao veciño, non leva a ningures.
Ainda menos decir que o resultado foi "inesperado pola súa contundencia" demostra un descoñecemento da realidade político social do momento.

[28-12-2015 14:33] maribel iglesias comentou:

Artigo que volve caír nos mesmos erros de sempre, a culpa é dos demais. Falade de vós,non de Podemos, que é o que falla no BNG?

Suxerencias dunha ignorante coma min para estes novos tempos (que son estruturais non coxunturais). Podemos poderá desaparecer se a xente se desencanta no futuro pero moitas das ideas que defende non teñen volta atrás.

Insisto coas miñas ignorantes suxerencias (e perdón por meterme onde non me chaman):

1- Disolución da UPG. Segue a ser válido o paradigma político do marxismo-leninismo despois da desintegración da URSS?

2- Renovación xeneracional. Segue a ser tan importante a experiencia na era internet onde tanto importa a capaciade de adaptación aos cambios?

3- Elección da dirección do partido en primarias abertas entre os afiliados e simpatizantes. Unha muller estaría ben, sobra testosterona nos partidos políticos.

Un saúdo, sen rancor.

anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña