11:25 Sabado, 29 de Xaneiro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-12-2015

Os problemas e limitacións eran previos e teñen a ver coa ruptura da unidade do nacionalismo galego e coa conxuntura política no Estado español

Demoledor

Valorar (134)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ



Non vou facer grandes análises. Moito menos recorrer a xustificar uns resultados demoledores, inesperados para min na súa contundencia. Simplemente, polo de agora, vou sinalar algunhas evidencias. Porén, antes, quero recoñecer, subliñar e agradecer  o esforzo realizado polas persoas que participaron activamente na campaña de Nós. Candidatura galega. Permítaseme facelo, de maneira especial, con Carlos Callón, Noa Presas, Olalla Rodil e Carme Adán: excelentes,  representando a única opción nacionalista que había. Enténdase, entón, que nada tivo a ver a campaña realizada, en calquera das súas dimensións, cos resultados obtidos.

Os problemas e as limitacións eran previos e teñen a ver coa ruptura da unidade do nacionalismo galego e coa conxuntura política no Estado español. Respecto da primeira cuestión, parece claro que, de térense presentado unidas as distintas formacións que se autoproclaman  nacionalistas, habería opción a obter representación no Congreso, malia for de forma moi axustada. Respecto da segunda, a máis influente e determinante neste momento, cómpre aclarar, máis unha vez, cuestións evidentes que, continuamente, se pretende agochar por parte de quen, en nome de Galiza, se dispuxo a favorecer un deseño de reformulación do sistema de partidos para o réxime recuperar a lexitimidade social en crise. O argumento fundamental, non o esquezamos, é que Galiza, por si, non é capaz de expresar unha vontade política suficiente para facerse valer. Necesitamos apoiarnos en forza allea. É unha forma de encarar a debilidade electoral do nacionalismo na Galiza, a súa fraxilidade ideolóxica na sociedade. Sen dúbida, esta fraxilidade social e electoral existe. Acaba de manifestarse de forma contundente. Claro está que agravada pola colaboración entusiasta de quen emite esas mensaxes e colabora á confusión e á fraxilidade desde dentro, favorecendo a aplicación do deseño españolizador. Non me cabe a menor dúbida que algúns miles de nacionalistas conscientes non tiveron o menor escrúpulo en votar unha candidatura que non o era, simplemente por acreditar en que insería a suficiente dose de galeguismo na enxurrada poliédrica, televisiva e española de Podemos, a máis eficaz para acabar con Raxoi e rexenerar o sistema, segundo a oratoria do seu carismático líder.

A cousa é seria. Non hai máis que mirar para os resultados electorais. Fágome a seguinte pregunta:  que significou  para o nacionalismo catalán, vasco e galego a irrupción de Podemos? A resposta é clara: o seu retroceso significativo, máis ou menos agravado, segundo a súa fortaleza e o a súa estrutura de poder. En Catalunya, no contexto dun proceso independentista, as opcións nacionalistas quedan co 31% do voto, en segunda e cuarta posición. En Euskadi, resiste o PNV, mais en segunda posición, e Bildu pasa de seis deputados a dous, con 100.000 votos menos. No noso país, Galiza, o nacionalismo perde algo máis de 100.000 votos e fica sen representación no Congreso. Podemos, con ou sen os  adobíos pertinentes, é a primeira forza política en Catalunya e Euskadi, e a segunda aquí. Desde logo, o esqueleto vertebrador de Podemos non é o nacionalismo, senón unha aposta pola vertebración de España reducíndoo dentro dunha dialéctica política que necesita, de forma urxente, unha domesticación do caso catalán con base social dentro da propia Catalunya, e a enunciación de discursos dialogantes (canta a súa sinceridade e fiabilidade? cais os seus límites?) desde España.

A gravidade da situación na Galiza non se nos oculta. Porque, ademais, a nova forma de facer política usa dun recurso vello en forma desconsiderada: a confusión, a trapallada. Imos vivir xa unha das súas primeiras consecuencias prácticas coa suposta intención de conformar un grupo parlamentar propio do que, aquí, como máscara, se denomina En Marea. O que hai na realidade é unha coaligazón de partidos, Podemos, IU e Anova. Non outra cousa. Os deputados e deputadas eleitas a eles pertencen. É máis, o Ministerio do Interior, non sei se el tamén trapalleiro, informando nas súas páxinas oficiais sobre as Eleccións Xerais 2015, deixa claro que, na Galiza, a candidatura vai encabezada por PODEMOS, sen nada máis antes que teña valor xurídico ou legal algún.

Por hoxe abonda.  Estamos nunha encrucillada, difícil. Porén, sería un erro grave deixarse guiar só polas dificultades electorais do nacionalismo na Galiza, nunha conxuntura como esta, para xustificar a súa desaparición como alternativa política específica e diferenciada. E dígoo desde unha posición anímica que me fai comprender mellor os sufrimentos e tristezas polos fracasos, non electorais, senón históricos, que tiveron que padecer moitos dos nosos predecesores, a comezar por Rosalía e Castelao. E valorar unha diferenza crucial: malia todo, temos un instrumento dun valor incalculábel para a acción social e política, como nunca tivo o país. Non nos deixemos arrombar por esta difícil e complexa conxuntura!!!


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 seguinte

[02-01-2016 17:27] Gamela comentou:

Bueno Paco dá gloria ver que te dignas responder neste foro que lamento dicir xa non podo gabar coma no meu anterior post (pois falta outro comentario que lamentablemente xa non viu a luz, cousas da técnica supoño). Pero NON é xenreira contra o BNG meu, senon xenreira contra algúns "dirixentes" da UPG que seguides anclados non se sabe onde e que NON permitides avanzar ao "nacionalismo galego" por non se sabe que ESENCIAS que tedes a ben custodiar! Así penso que a túa resposta quedaría meridianamente clara: Non comprendes por que temos tanta xenreira conta tí...? Pois bastaría ler aquel artigo que publicaches aló polo 15M cando medio mundo estaba nas prazas e tí falabas de non sei que espanholismo (?) Segues sen reconocer a propia culpa /tanto tí coma Bautista/ e a xente militante tenvos MEDO e nin dios se atreve a dicirvos o que pensa realmente dende hai ben de anos atrás... Esa é a xenreira que destilan algúns comentarios, non é contra o BNG que certamente traballou arreo durante anos a prol da xente do común deste país que tamén É O NOSO PAÍS !!! (agora só falta ver publicado este comentario) Graciñas.

[31-12-2015 16:15] Francisco Rodríguez Sánchez comentou:

Lendo algúns comentarios teño a sensación de que gostarían de que se me aplicase a censura sumaria, isto é, non poder nin opinar. Porque o que digo son obviedades contrastadas. En todo caso, alá cada quen cos seus rancores e improperios, debo aclarar:1) a lei electoral da II república nada tiña a ver con esta: había, na prática, con limitacións, listas abertas, e Castelao foi votado como tal persoa dentro do cupo para as minorías como galeguista ou na Fronte Popular tamén como tal deputado galeguista; 2) a unidade cos partidos da Fronte Popular fíxose coa condición de todos apoiaren o Estatuto para Galiza: cal é o obxectivo específico para Galiza de En Marea? Non o sabemos. 3) Na información do Ministerio do Interior, figura a designación de dúas maneiras distintas: como Podemos. En marea....como En Marea.Podemos.., único caso das tres coaligazóns de Podemos con forzas ou movementos de ámbito non estatal...Non sei por que, pero así é. 4) Permítome preguntarlles aos que denigran o BNG, que pensan da experiencia AGE? Non enrubescen cos resultado práticos en tan pouco tempo? Non é AGe uunha parte de En Marea? E iso a nova política? Cantos votos tería en Marea, de non ir aliada con Podemos? Cantos dos seus votantes o fixeron por Pablo Iglesias? É Pablo Iglesias nacionalista galego? Todos pode ser criticado, pero hai evidencias que merecen unha consideración, por máis que esas evidencias nos sitúen perante problemas obxectivos que poidan non gustar, e a min non me gostan.....É triste a xenreira que algúns teñen contra o BNG, contra o nacionalismo galego, tanta que prefiren a unidade cos de fóra como for, á unidade dos dentro con obxectivos propios do país. A unidade do nacionalismo galego rompeuse sen dar mesmo oportunidade de debater que sentido pode ter a unidade cos de fóra, alternativa que nunca se enunciou dentro. Por que? Presuman do que queiran os que tanta xenreira teñen contra o BNG. Pero, por favor, que non nos dean leccións de democracia nin de renovación...É demasiado....

[30-12-2015 14:45] Xaime M. comentou:

A ver se me explico. 1º Se chegamos ter 2 deputados, nom deixaria de ser un fracaso. Após 20 anos de presença no parlamento seguem ser o mesmo numero de galegos aproximadamente os que nos votariam, e o mesmo numero aproximadamente tm um ano mais o 25 na Quintana. Fracaso Paco, fracaso. 2º O que se expom aqui soa repetido, ja o escuitamos muitas vezes, se esta vez a empanada espanholista foi de zamburinhas, há quatro anos era de bacalhau. O diagnóstico o mesmo, a extrategia previssível, o resultado ainda mais contundente. 3º Os carronheiros do espanholismo medrarom a vossa beira em muitos dos casos. A mesma leria de "esencialistas", "chauvinistas" etc tínhamo-la que escuitar outros dos da UMG no seu dia. Agora os da comparsa espanholeira cómen-vos os olhos com a mesma matraca. Onte B.Alvarez dizia numha reportagem da tv, -"a gente vota nos originais, nom nas fotocopias". Olha para aí, sementas-tes esquerdismo e agora votam nos originais.

[30-12-2015 02:59] Eduardo comentou:

Sinceiramente... lin por enriba o artigo... gustaríame pararme máis pero sinceiramente, non vou perder o tempo. a idea téñoa clara: a culpa sempre é de fóra. Miradevos ao embigo por unha vez. A culpa é vosa e de ninguén máis. É vosa porque vos centrades en que só vale o voso, a vosa idea, e no canto de unir, separades. E é vosa porque seguides cunha mensaxe aburrida e atrasada no tempo. Dous exemplos:
1) Durante a campaña, a lo menos en Vigo, fostes a única candidatura con megafonía en coche pola rúa. Só unha palabra: anticuado.
2) Este artigo: non hai quen o lea... é denso, non hai nada que chame a atención, monótono, infumable. Igual que a mensaxe do BNG e de Nós... aburrida. Que quero dicir? Isto:
http://miposicionamientoweb.es/como-escribir-un-articulo-para-tu-blog/
Se o líder dun partido fai un discurso que non ten interese, como será o discurso do partido enteiro? Chamará a atención do público, será atraínte? NON.

Un exemplo de como escribir nun blog que ben pode valer para un artigo nun sitio web ou nun periódico. Ou para a mensaxe que queredes dar. E sinceiramente, non escoitades á xente. Pensades que por repetir unha mensaxe esta vai a entrar na cabeza das persoas e vanvos votar en masa. Pois non! Hai que escoitar ás persoas que ás veces son máis listas do que parecen.

Un saúdo.

anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña