17:12 Luns, 03 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-12-2015

Estevo móstranos un desdobramento de personalidade tan brutal como crible

DECRÚA de Estevo Creus: almas esféricas

Valorar (5)

LINO GARCÍA SALGADO



Cando un comeza a ler os poemas que circulan libremente por DECRÚA queda un pouco sorprendido pola facilidade onírica que encerran, pola facilidade que lle imprimen as súas palabras, sílabas, e sobre todo pola redondez totalmente palpable durante todas as súas páxinas. Xa teño falado deste concepto noutras ocasións, con outros libros, pero non me canso de repetilo: a intromisión dos poemas no lector ou lectora ten que ser total, poliédrico e cando collemos un libro por calquera das súa páxinas ao azar e somos capaces de asumilo noso…temos, xa que logo, unha grande obra.

Estevo móstranos un desdobramento de personalidade tan brutal como crible, como unha película fora do guión establecido, desposuída desa humanidade que lle confería carácter ou protección ao tempo que lle quita apertura, cintura, frescura. É ese desdobramento, posiblemente o máis protagonista, o que lle outorga a vida profunda. Recorre en moitas veces ao simbolismo animal e, moi especialmente aos peixes, por ser habitantes de auga,a mesma que procuramos nós como figura retórica na procura de liberdade, sendo en si mesmo unha enorme contradición ao seren uns dos animais máis escravos do seu medio natural. Aí reside de xeito, ao meu entender, totalmente provocado este ruxe ruxe altamente promiscuo e sutil dos dobres sentidos.

Ao mesmo tempo, a distancia entre estes mundos desdobrados cobra cada vez máis liderado e asume esa voz de narrador de forma temporal para cravarnos a ese mundo “diferente”, “estrábico” coas inercias estratexicamente formuladas permitíndolle un pulo inesperado e un aire perverso á morna existencia incapaz de alzar a voz. Esta dicotomía négase co paso dos versos e tentando ser, quizais, destruída nunha volta máis do relatorio por medo a non ser protagonista, por veces con linguaxe directa e outras esgrimindo argumentos que aniñan preto da levidade.

Semellante a unha obra de teatro vai deambulando este libro, cos seus escenarios artificiais e colmando pouco a pouco os actos todos, os aplausos, os panos invisibles, as personaxes propias e impropias, a pel estremecida. É aí cando revive esta comedia-drama para encarnizarse nun verdadeiro asalto ao corazón: “eu vin como morría na area”, e as pezas todas volven a encaixar na realidade recuperándose da viaxe intermitente ao descoñecido e móstranse coa claridade do cotiá: coches, farois, zapatos, medos.

A tolerancia, en si, predominando no medo a perder ou pelexar cada día da existencia ou cada esquina que se redondea como pedra no aire é outra das esencias que perfuman estas follas vivas: o sol/ha correr/polos andamios.

Desta arquitectura temporal só resta elixir o camiño correcto, e só hai dous, morrer ou fuxir, fuxir de novo nas vestimentas dese outro alter ego polo que non corre sangue.

Estevo Creus firmou un libro redondo capaz de ser visto e admirado dende as costuras do estraño, capaz de ser lido dende calquera páxina, capaz de amencer sobre o noso peito, dentro.

DECRÚA de Estevo Creus, foi editado por Espiral Maior de Poesía

Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e TempoAs valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña