11:37 Martes, 24 de Outubro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-12-2015

Vive la France! Vive la République, une et indivisible! Sécurité, Autorité, Fatuité!

Liberté, Égalité, Fraternité!

Valorar (48)

ROBERT NEAL BAXTER



Furor tricolor! Alcemos de novo o estandarte da liberdade para que ondee orgulloso en cada lar do mundo inteiro! Desfilemos xuntos, obreiros e patróns, sen transixir –un pobo, unha nación, unha única patria en unísono– detrás da figura de proa da Marianne. Bretóns rebeldes e recalcitrantes, trocade por fin os vosos gorros vermellos polo barrete frixio da sempiterna Revolución Francesa!

Oh gloriosa Revolución de 1789, non pasan os anos por ti! 17.000 persoas decapitadas pola causa na guillotina, 30.000 persoas fusiladas e 200.000 mortos máis na Guerra da Vendea, unha horda de sublevados boubexos, incluída a cotrosa jacquerie na Bretaña. Empaparon as nosas rúas cun sangue impuro. Canto nos custou levantar esta República, un arauto/farol en todo o mundo, e nunca xamais consentiremos que nolo veñan arrebatar!

Levamos séculos traballando para cimentar a sacrosanta unidade da patria indivisíbel e indisolúbel, xunguindo cos valores da amada República unha multitude de pobos ariscos, desde as escuras aldeas da Bretaña francesa e os agrestes curutos do País Vasco francés até as florestas virxes da Guiana Francesa, os cálidos atois da Polinesia Francesa ou os maxestosos templos da Indochina Francesa. Rudos pobos que non sabían máis que barbullar as súas zafias falas, agora alumeados polo fulgor da lingua de Molière que baña os cinco continentes! Unidos, irmáns iguais nun só pobo, fillos da terra que viu nascer A declaración dos direitos do home e do cidadán. Agradecidas as femeas tamén, pois foi a República quen lles outorgou o direito de voto en 1944. Travail, famille, patrie!

Berce da civilización e da ilustración, espallando estes valores universais por todo o planeta. E desde a infinita bondade, quixemos partillalos mesmo cos selvaxes mouros que non souberon apreciar o privilexio de pertenceren à nai patria, entricheirados no resistencialismo identitario, negándose a axoellarse ante o esplendor da oriflama. Comprendémoste, querida España, no teu incansábel afán de protexer a unidade da patria ante o desafío secesionista. E tal era a teimuda ingratitude destes independentistas que acabaron por se empurraren xunto con centos de compatriotas nos brazos da morte ao ousaren oporse aos argumentos da razón da tutela benéfica. Mais a República é xenerosa e sabe perdoar, como unha nai que perdoa os seus fillos desobedientes: 40 anos despois, o Concello colocou unha discreta placa no Quai du Marché-Neuf sobre o Sena no corazón da Cidade da Luz, cintilante estrela que alumea as provincias francesas e o mundo civilizado.

Basta de insípidas costas verdecentes! Entoemos con voz viril, coa man no peito e bágoas nos ollos para que resoe en coro en canto partido de futebol houber a letra da Marsellesa. Este canto que inspira o mundo, até o proprio Khmer Rouge cando compuxo o himno da Kampuchea, co seu sangue encarnado que enchoupa as cidades e as planicies da patria! O día da Gloria chegou! Louvemos fachendosos os valores da República, baluarte da cultura democrática frente à barbarie: clamemos alto e forte que o mundo ouce e que os bárbaros tremen coa forza dos nosos avións de caza, cargados de liberdade, cultura occidental, democracia e paz.

Gritemos hoxe e para sempre Liberté, Égalité, Fraternité!

Liberté!

Liberdade para as forzas de seguridade que velan polo ben común de rexistrar calquera morada considerada sospeitosa. Pois a liberade tamén é seguridade, sempre ancorada na máis absoluta legalidade. Lexislemos, pois! Ningunha liberdade para o inimigo! O pobo sacrificarase sen pestanexar para salvagardar a súa seguridade e a liberdade que a República garante para todos os seus súbditos, mais sempre vixiando a ameaza que representa o inimigo no seo do pobo. E así o entenderán tamén Mohamed e Aïcha, como bos cidadáns franceses que son, nascidos na patria mai, durante os controlos de identidade completamente aleatorios.

Égalité!


Todos iguais ante a laicidade republicana, tamén nos comedores escolares. Que non se toca a consagrada gastronomía gala, venerada en todo o mundo. Unto por todos, todos por unto! Todos iguais, cóbado a cóbado cos nosos amigos, por encima das diferenzas ideolóxicas face ao inimigo común. Igualdade e ecuanimidade tamén nas nosas relacións internacionais: bombardeamos Siria ao igual que violamos na República Centro-Africana e invadimos Mali ao igual que avivamos a guerra civil en Libia. Sementamos paz e civilización en todas as partes do planeta por igual.

Fraternité!

A Franza é a patria da fraternidade: todos irmáns, patróns e obreiros xuntos na mesma empresa. E sempre tendemos unha man aos nosos amigos internacionais en momentos de dificuldade. Así, acollemos cos brazos abertos por igual o Aiatolá Khomeini e Jean-Claude Duvalier (‘Bébé Doc’). Nunca dubidamos en brindarmos a nosa axuda incondicional para instaurar a democracia. Así, Bokassa viviu en suntuoso exilio nun emblemático château tras ser derrocado por paracaidistas franceses e para recolocar Dacko como presidente do país nun golpe de estado totalmente altruísta. Así é tamén que a República leva dando aloxamento e alimentación a Georges Ibrahim Abdallah, militante do grupo terrorista Frente Popular para a Liberación da Palestina desde 1984, aínda que xa estaba susceptíbel de ser liberado en 1999.

Vive la France! Vive la République, une et indivisible! Sécurité, Autorité, Fatuité!

Coda

Que ninguén se ofenda. Escandalízame e entristéceme a morte de inocentes a mans duns iluminados relixiosos en París como me levan conmovendo e enfurecendo desde hai anos as mortes indiscriminadas e masivas de inocentes na Palestina, na Siria, no Iraque, na Quenia... Mais resúltame igualmente noxenta a tentativa de recuperación oportunista desta traxedia por parte do nacional-chauvinismo burgués francés ao servizo do imperialismo internacional. A súa guerra, @s nos@s mort@s!

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


[07-12-2015 16:40] Fancisco de Limiar comentou:

Parabéns, un pouco de reflexión en tanta manipulación. Vivan os pobos!!, as nacións sen pobos non son.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal