09:46 Domingo, 02 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-11-2015

Chámalle democracia e non o é

Sen “liberté, égalité, fraternité”

Valorar (12)

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA



Tremede tiranos, e vós, pérfidos,
oprobio de todos os partidos, Tremede! Os vosos plans parricidas recibirán por fin o seu merecido!

Todos son soldados para combatervos, Se a nosa mocidade heroica cae, Francia producirá outra, lista para loitar contra vós!

A letra que encabeza este artigo é unha tradución máis ou menos acertada do himno de Francia. Son apenas dúas estrofas, que resumen un himno nacional cargado de odio e vinganza desde o primeiro ao último verso; e non é de estrañar, A Marsellesa compúxose en 1792 para alentar ás tropas e ao pobo francés en guerra con Austria.

Hai uns días estas estrofas soaban a todas horas nas televisións de Occidente, con retransmisións en directo incluídas; dicían que A Marsellesa era o símbolo da loita contra o terrorismo, e soaba ao mesmo tempo que o presidente da república francesa, François Hollande, dirixía a súa resposta vingativa cara a Siria, a pesar de que ningún dos que causaron o terror nos distritos X e XI de París proviñan dese país de Oriente, senón todo o contrario, eran cidadáns franceses de toda a vida.

O presidente francés tamén anunciou medidas lexislativas de carácter interno, que de ser comunicadas noutro contexto, sen unha poboación en estado de shock, serían consideradas autoritarias, máis preto do fascismo, que dunha sociedade que en moitas ocasións foi posta como exemplo de progresista.

Así as cousas, o Estado francés prolonga o estado de urxencia durante tres meses, no que se permiten redadas sen control xudicial, retirarase tamén a nacionalidade a todas aquelas persoas acusadas de terrorismo, incrementarase o gasto en defensa, aumentaranse os efectivos policiais e xudiciais, ... e todo para salvagardar -din- os dereitos fundamentais, a pesar de que algunha destas medidas violan a Declaración de Dereitos Humanos aprobada en París -que casualidade- o 10 de decembro de 1948.

O anuncio destas medidas tomadas por Hollande nunha sesión solemne das dúas cámaras lexislativas do país galo baleira completamente de significado a famosa frase da Revolución Francesa “liberté, égalité, fraternité”, que é o lema da actual República, xa que de levarse a cabo este anuncio, os franceses e francesas terán menos liberdade, e non só de dereitos, senón de movementos, xa que a dereita e ultra-dereita francesa fala tamén de limitar os movementos dentro da zona Schengen, isto é, dentro da propia Unión Europea.

En momentos como este cómpre recordar o libro “A Doutrina do Shock”, de Naomi Klein, que tamén se publicou en formato audiovisual. Esta muller canadense escribía en 2007 que unha sociedade sometida a un evento traumático é moldeábel, manipulábel e permisiva con determinadas políticas que doutro xeito non aceptaría. Así por exemplo, se hai quince días François Hollande anunciase que durante a cimeira do clima que se celebra a vindeira fin de semana en París estarían prohibidas as manifestacións, as protestas sociais estarían á orde do día. Porén, logo dos atentados do venres trece de novembro, poucos cuestionan as decisións presidenciais, de feito a extensión do estado de urxencia aprobouse na Asemblea Francesa con 551 votos a favor e só 6 en contra...

Mais moito me temo que as medidas políticas de carácter interno anunciadas polo presidente francés veñen para quedarse, veñen para facerlle compañía á Lei Mordaza do goberno do Estado español, que criminaliza a protesta social para conter as masas, o que sen dúbida é o preludio de malos tempos para a democracia e a liberdade, e seguramente para economía de todas e todos. En todo caso, xa se verá!

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña