23:21 Sabado, 24 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

21-11-2015

O asunto catalán está que arde. Foi capaz de deitar na mesma cama a partidos que antes rivalizaban nas urnas, co gallo de manter uniforme un Estado que a natureza e a cultura fixo diferente

A lei do embigo

Valorar (18)

BAUTISTA ÁLVAREZ



Os que non estamos metidos dentro dos galimatías xurídicos atopámonos cada día máis confusos coas diferentes lecturas que se fan da norma escrita. Eu coidaba que a argumentación falaz era o recurso fácil dos tertulianos que poñen na pantalla moita cara e pouco siso. Comeza polas institucións máis altas do Estado e polo equipo de letrados que as asesoran. Nas interpretacións ambiguas é especialista o actual Presidente do Goberno. Non hai que aterse á escravitude da letra. Debemos saber aplicala con criterios xurídicos, contestoume a min cando os dous compartíamos escano no parlamento de Fonseca, e a cámara autonómica se dispuña a tomar unha medida que carecía de soporte legal que lle dese lexitimidade a unha arbitrariedade política. Exemplo que ilustra unha ideoloxía que deixou plasmada no Diario de sesións quen daquela se exercitaba nas artimañas típicas da reacción. Co seu verbo pastoso pode engaiolar a moitos incautos, pero nunca nos vai cazar na súa arañeira aos que coñecemos as mañas coas que a foi tecendo.

O asunto catalán está que arde. Foi capaz de deitar na mesma cama a partidos que antes rivalizaban nas urnas, co gallo de manter uniforme un Estado que a natureza e a cultura fixo diferente. A lei electoral da que España se dotou deulle a maioría absoluta ao independentismo no Parlamento de Cataluña. Unha maioría que o españolismo quere negar ou pon en dúbida, arrimando os votos nulos e os brancos á súa sardiña. Nin con esas. Nin tampouco interpretando como seus os resultados de Podemos, un partido que coma o can anda arredor do rabo buscando un palleiro ideolóxico no que deitarse. Non se sabe se é que sobe ou é que desce. Pásalle o mesmo ca choiva que Eladio Rodríguez, o poeta ribeirego, cantou nun dos seus poemas. Entra na Moncloa como rebelde separatista e sae dela como submiso español. Aos Verdes fáltanlles aínda algúns agostos para madurar. Non están en sazón para entrar na sobremesa dos que usan a política para combater e non para divertirse. ¿E que diremos de Unió? ¡Pobre Duran I Lleida, que durante moitos anos viviu de parasito de Convergencia! O escano que o nacionalismo catalán lle emprestara está sendo o catafalco da súa morte política e a do seu partido.

Pois esta maioría, lexitimada nas urnas, puxo a andar sen demora o mandato recibido do electorado, sentando as bases do futuro Estado catalán. De inmediato tamén reaccionou o Goberno español. Facultou ao Tribunal Constitucional a sancionar con medidas punitivas aos políticos que por fidelidade aos seus representados incumpran a lei imposta por Madrid. Aquí é onde actúa a diferente vara de medir. Mentres lle resta lexitimidade a candidaturas que superan o 47% do voto popular, concédelle valor absoluto ás da vara alta, que non acadan o 45%, tendo en conta que a lei orgánica do Tribunal Constitucional foi reformada exclusivamente polos votos do PP. Un tribunal que invalidou primeiro un Estatuto xa expurgado no Congreso e que agora conta, en base ás novas atribucións asumidas, coa facultade de suspender de funcións ás autoridades políticas de Cataluña.

Hai algo máis grave aínda. Ignoro o método que se utilizou para votar a resolución recorrida. Polos informes da prensa sei que o PP, o Partido Socialista e Cidadáns, xuntiños os tres en cama redonda, pediron a votación a man alzada para que os soberanistas non se ocultasen no anonimato para eludir deste modo as accións penais derivadas. Estamos ante unha desviación de preocupantes consecuencias. Os nacionalistas somos e seremos rebeldes, insumisos, pero covardes nunca, como demostraron os mártires que deron a vida por defenderen o seu ideario. Os que se declaran adictos a lei ignórana ou mexan por ela cando lles convén. Enchen a boca coa palabra democracia, quizais para ocultar o silencio ou conivencia deste sector ideolóxico durante corenta anos de ditadura. ¿Non é cuspir na lei ameazar co código penal a deputados que gozan de inviolabilidade polos votos e opinións emitidas no exercicio do seu cargo? E entre os solicitantes da votación a man alzada están varios profesionais do dereito, de deixan en lugar máis alto os avogados da Silveira. Tomemos precaucións. Pidamos que estes "demócratas" non entren nos hemiciclos, pois os representantes populares van ter que entrar nos plenos armados de carabinas.

Tocoulle agora a Cataluña ser portada dos telexornais. A ver se algún día He chega a Galiza a hora de ser protagonista. Non polo Prestige nin casos semellantes, senón por erixirse o pobo en actor político, buscando a desconexión do Estado que nos domina. Non hai moito que a atención se centraba en Euskadi, cando un sector do nacionalismo se expresaba a través da loita armada. Para enfrontar os dous problemas, coincidentes nos obxectivos e de raíz idéntica, variou o discurso españolista. Daquela a perversión estaba na violencia e non no ideario defendido. Este cabía integramente, dicíase, no marco democrático. Calaron as pistolas en Euskadi e o pobo falou en Cataluña nas Ramblas e nas urnas. Pacificamente. Sen desenfundar armas distintas á vontade maioritaria dos cidadáns. Tampouco vale. Os argumentos que España utiliza agora contradín os que antes lle servían para reprimir o nacionalismo.

Non se guía polo amor á paz nin polo respecto á lei a política española. Faino para non perder a súa condición de imperio. Cousa curiosa. Ogallá que me equivoque, pero quizais non tardemos moito en vermos a Artur Mas compartindo cela con Otegui. Estívoche ben, diralle o vasco. Eu caín no trullo por combater a lei. Ti por inxenuo e fiarte da súa imparcialidade.

Mesmo que non comparta a teoría que fai prevalecer a legalidade sobre a lexitimidade, vou combater os legalistas no seu propio terreo. Apoiareime para isto nos argumentos aportados por Nemesio Barxa, un profesional do dereito. Apela o autor ao artigo 96 de Constitución, que estabelece que os tratados internacionais subscritos por España forman parte do ordenamento xurídico interno. Pois o noso Estado ratificou o Tratado Internacional de Dereitos Civís e Políticos, que no seu artigo primeiro proclama o dereito de todos os pobos á libre autodeterminación. De todos sen excepción, sen que caiban interpretacións restritivas para limitar a aplicación deste dereito. ¿Quen son entón os violadores da lei? ¿Os que prohiben o referendo ou os que desafían a prohibición? Metamos nesta dialéctica os eruditos constitucionalistas e veremos como se revolven para saír airosos.

Precario de argumentos debe andar o Goberno cando ten que buscar avais no estranxeiro. Primeiro foi Obama e ultimamente o editorial do Financial Times. O xornal dun país de tradición imperialista que organizou safaris en África para a caza de negros, que despois vendeu como escravos, os que non morreron na travesía, nas plantacións de Lousiana. En contra xoga ademais o enclave de Xibraltar, hemorroide que España leva no cu da península. Consciente da febleza destes valedores procurou outros de maior prestixio no gremio da farándula. Para combater a rebelión de Cataluña conta xa co apoio de Antonio Banderas. Non tardará en chegar o dalgún futbolista, agora que os ídolos balompédicos invadiron os templos e desprazaron os santos dos retablos que antes ocupaban. Mágoa que Lola Flores morrese. Seguro que se vivise sería unha bandeira de españolidade, pois xa o franquismo a colocara na vitrina na que figuran as efixies de Manolete e Luís Candelas. ¿Qué sería España sen touros, zapateados e bandoleiros? Seguiría aínda nas covas de Altamira.

Entre os argumentos xurídicos que se aportan ao debate da secesión hai unha razón que hipocritamente se oculta, pero que debemos considérala de peso decisivo para resolver a cuestión. A lei do embigo, por representar a parte da anatomía máis próxima ao centro do aparato dixestivo.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña