07:43 Mércores, 10 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-11-2015

Laio e clamor pola Galiza. Transformemos o primeiro no segundo. O laio só ten voz. O clamor reclama voz, voto e veto. Onte coma hoxe

Laio e clamor pola Galiza

Valorar (36)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO



Ben se bota de ver que o título que leva este artigo é copia directa do que anuncia o libro de Manuel María Laio e cramor pola Bretaña. Este longo poemario foi publicado en 1973, en Lisboa, e leva un limiar ben explicativo de Francisco Rodríguez. Nacera dunha viaxe por terras bretoas do escritor e concilia, en apurada expresión poética, queixa e denuncia, lírica e épica, nacionalismo e internacionalismo verdadeiro, sentimento solidario e conciencia política. É de certo este longo poema a proba de como a boa literatura crea mapas e retratos que nunca aparecerán no dogma dominante (académico, político ou mediático). Da Bretaña se fala neste libro, como da Galiza se fala tamén, en xogo especular. Na Europa que, 42 anos despois, nos cabe coñecer, mantén toda a súa vixencia, así que me aproprio de tan alta mostra poética da nosa literatura contemporánea para, máis unha vez, falar de nós e do noso presente.

Nos últimos meses pudemos ler varios artigos en que se expresaba o desexo dunha candidatura galega unitaria para concorrer como tal ás próximas eleicións xerais. Esa candidatura existe, ten nome proprio, e as forzas políticas que a secundan coinciden todas elas en teren a Galiza como centro da súa dedicación, en desexaren que a nosa nación siga a ter voz autónoma en Madrid e en utilizaren os escanos no Congreso dos Deputados para un retorno positivo na mesma Galiza. Estes presupostos políticos son os que alimentan e configuran ‘Nós. Candidatura Galega’, expresiva dunha unión baseada no principio de que o povo galego existe como tal; na convicción de que a tan mentada “unidade popular” deberá contar con esta existencia e a súa especificidade e, por suposto, na confianza en que nós, galegas e galegos, non somos individuos de Protectorado  -como elocuentemente afirmaba Castelao- precisados de tutorías ou tutelas exteriores que nos guíen polo bon camiño da política conveniente.

¿Cal é a política conveniente para a Galiza? A vella ou a nova? ¿Que nos achegou a vella política subsidiaria sempre de partidos políticos españois, dun ou doutro signo? Dependencia; omisión sistemática da consideración dos problemas galegos; desprezo continuado de a Galiza ter dereito a un futuro como tal,e permiso para que a nosa lingua se reduza a un sotaque local que coloree a oficial do Estado. Este é o gran saldo que a vella política de entrega e de servizo ás forzas políticas españolas nos legou. A grande novidade na política galega, na época contemporánea, constituíuna a restauración do nacionalismo galego, brutalmente interrompido desde e após a guerra civil española, e o exercicio práctico do dereito de autodeterminación, dereito que non se declama como utópica teoría senón que se aplica a todos os ámbitos posíbeis de auto-organización. Cando se fala de unidade, pois, non se fala dun desideratum senón dunha realidade que callou  -no político, no sindical, no asociativo...-  nestas últimas décadas. Deste tren en marcha houbo quen se apeou, e comprometeu o seu traballo político, a súa propaganda e as súas actuacións a prol dun outro proxecto, a alianza con forzas políticas españolas, con sucursal na Galiza e dependencia orgánica do centro de dirección español. Este feito, por riba de calquer confusión, invalida a repetición interesada de que o nacionalismo galego acode a estas eleicións “dividido”. Non falo de intencións, declaracións, desexos ou camuflaxes: falo de feitos, de compromisos e de resultados. Falo, por suposto, de opcións netamente políticas: acreditar en que a mellor fortuna para a Galiza depende dun cambio (?) no Estado español e no seu goberno, mudanza da que derivaría (non se aclara como nen por que) unha modificación no status do noso país, ou ben fortalecer unha alternativa netamente galega, que xa existe e merece seguir existindo, non por idealismo ou patrimonialismo senón por pura necesidade.

Non houbo, nestes meses, debate con palabras verdadeiras e si abundancia de pensamento máxico. As esperanzas nun cambio radical no Estado mal se compadecen coa existencia, en retesía mutua, de catro forzas políticas en lide, nengunha das cais propugna unha diferente ordenación do mesmo ou están dispostas ao recoñecemento efectivo e con todas as consecuencias da  plurinacionalide existente. O bipartidismo clásico ancheou, alargou a súa oferta de dúas a catro, de bi- a tetra-, porque o sistema contempla, a esta altura do filme histórico, a necesidade de auto-purga, de renovos da planta para a facer máis presentábel. Mais, por seguirmos coa metáfora botánica, o que a planta precisa non é pintala de verde, para aparentar que ten vida, senón podala, regala e transplantala, na intelixencia de que os carballos ou os castiñeiros merecen viver por si mesmos, non seren servos dos eucaliptos. Ora, aínda acreditando (nun acto de fe crédula, digno de mellor causa) na magnanimidade para coa Galiza dunha milagrosa forza política española, ¿en nome de que prodixio histórico España ía deixar de se ocupar de España? Isto é, unha España política acugulada de problemas, un povo español en lexítima defensa dos seus intereses, ¿por que misteriosa e revolucionaria razón ía deixar de se preocupar de si para debruzarse xenerosamente sobre o que a nós nos atinxe? Máis unha vez, Castelao pon o dedo na ferida: a España política non dá resolvido os pavorosos problemas que a abafan, mais teima en que nós non podamos solucionar os nosos.

Por riba ou por baixo, pois, de tanto verbalismo, de tanta logomaquia, de tanta confusión interesada, as opcións revélanse con toda a núa e clara sinxeleza: traballar na Galiza para incrementar o celeiro de votos dunhas forzas con centro de decisión en Madrid (traballar para o inglés, como se di coloquialmente) ou incrementar o voto galego, na perspectiva dunha política nacional autónoma, que non pede permiso nen está disposta a apontarse a unha lista de espera para ver de conseguir cita. A aeronave española ten overbooking e non coido que ás galegas e aos galegos nos conveña deambular polo aeroporto á espera dunha praza no avión, nunha viaxe que outros programan e nunha dirección centrípeta.

Así as cousas, cada quen ten dereito, faltaría máis, a se laiar por que unha outra solución (que suporía decontado que forzas políticas españolas ditas de esquerda considerasen a Galiza algo máis do que un locativo, un país, por tanto, con todas as consecuencias) non se teña producido. Por certo, chámame a atención que agora se diga que é a hora da Galiza, que “Galicia importa”... ¿Agora? ¿E logo acaso non “importaba” cando o brutal desmantelamento da industria naval, a ruína inducida da agricultura, a emigración constante, a lingua agredida, a cultura desprezada, a pesca adoito mortificada, a continua submisión á disciplina da Unión Europea, a venda a prezo de saldo das antigas Caixas...? ¿Quen pelexou por que estes asuntos existisen politicamente? ¿Se de Madrid ha de vir a solución taumatúrxica, como é que ninguén de Madrid ou con dependencia de Madrid (deputados-as, para empezar, do PP, do PSOE, de IU) os plantexou antes, digo eu, para ir facendo boca? Esa axenda, ese temario político galego, existiu grazas a que o nacionalismo galego o exteriorizou na súa actuación no Congreso dos Deputados. Xúlguese como se quixer ela, esta actuación, mais non se neguen os feitos.

Dixen arriba que o laio é subxectivo e todo o mundo ten dereito a expresalo como mellor lle parecer. Ao que non hai dereito é a retorcer malevolamente o acontecido nestes últimos meses, para conformar unhas conclusións pre-escritas, nun guión reseso e sectario, que máis unha vez vén confirmar que algúns preferen o titular da noticia prefabricado por moito que atente contra a realidade flagrante. Realidade é que o BNG formulou a súa proposta dunha candidatura galega hai cinco meses. Realidade é que se sumou á Iniciativa pola Unión. Realidade é que, por baixo do palabreado e das manobras de distracción, outros xa tiñan asinados acordos, preacordos e pactos, con nomes incluídos. E realidade lamentábel é que algúns xa tiñan a crónica guionizada, pautada e pre-escrita desde sempre. Só cumpría editala. ¿De quen é a culpa? Do BNG, of course. ¿E dentro do BNG? Da UPG, again. ¡Que finura na análise! ¡Que modernidade na conclusión! Voltan algúns ao maniqueísmo máis tosco, a bons e maus predeterminados, á demonización do insubornábel, ao deosto do que non se rende, do que se ataca non por radical senón simplesmente por nacionalista. Aí lle doe. Se pensan que o nacionalismo nada fixo pola Galiza, ou é sobrante, ou non é parte da solución ou é contraproducente, dígano, e o debate será posíbel. Posíbel e necesario, nos seus termos reais, non na caricatura resesa ou na confusión de desexos con prognósticos.

Laio e clamor pola Galiza. Transformemos o primeiro no segundo. O laio só ten voz. O clamor reclama voz, voto e veto. Onte coma hoxe.

 

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña