03:34 Mércores, 06 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-11-2015

Vellos marxistas cociñadores da nova política, da man de activistas do materialismo democrático, preséntannos un novo elixir, acabado de destilar, cientificamente probado.

Non podemos durmir anque é de noite....

Valorar (8)

ALFREDO LÓPEZ FERNÁNDEZ



Esa idea tan sinxela, que nos transmitiu o poeta Manuel María, na Canción pra agardar un novo día, mentres agardaba o deber de chamar polos irmaus, foi seguramente o núcleo filosófico que permitiu ás sociedades humanas chegar a hoxe dun xeito cooperativo.

Acto un: a cova primixenia

Escena: nun ambiente escuro ábrese unha fenda, ao fondo vense vultos e dela saen vagos sons. Nun primeiro plano unha persoa de vixilia diante do lume. De cando en vez bota unha acha ou un garabullo, o lume trisca acompañado de muxicas.

Na cova primixenia, naquel lugar que era o máis parecido ao útero materno, inmersa nunha natureza agresiva dende o punto de vista da humanidade, a persoa que permanecía en vixilia fronte ao lume repetía constantemente a máxima: non podemos durmir anque é de noite...

Por que?

Quizais por berrarlle á toda a xente, por sepultar arrepíos e espantos, por atender aquel irmán ferido pola fera, aqueloutro esganado pola cornamenta do uro, á muller de parto, á nena que salouca, ao eivado, por non deixar morrer o lume da esperanza e do futuro ou por ver se volvía o lobo ou o oso á súa propia cova. Quizais simplemente por non deixar morrer aquel pensamento recente que pasara pola súa mente, pouco antes de caer o sol, por medo a que ao espertar xa non estivera. Era a esperanza da comunidade, unha simple nova verdade.

Acto dous: o sofá nocturno

Escena: nun ambiente de baixa luz a pantalla do televexo escintilea. Unha persoa observa pasivamente o aparato mentres pica para comer, aos poucos, algo inconcreto.

Cae a noite, e en cada pantallazo do televexo apreciamos multitude de referencias ao cientifismo ideolóxico, é dicir, ao exceso de uso da ciencia, sempre inapropiado, ou de afirmacións que son argumentadas cientificamente. Véndesenos omega3, lavalouzas, pílulas sandadoras de todo tipo, TODO, cun argumento comprobado cientificamente e por un señor, ou señora, de bata branca. Aquilo ten que ser crible. Unha nova versión de charlatán de feira destinado a un individuo que non pode contrastar esa información.

Tanto ten se o queixo de Arzúa é o mellor e máis san do mundo, por poñer un exemplo, que se se tratara de vendelo masivamente, e dentro dos parámetros do materialismo consumista e cientifista, o único que comercializarían sería un produto altamente empaquetado e transformado que nada se parecería ao orixinal, mais que viría aderezado por todo tipo de certificados científico-técnicos de calidade, nunca comprobables pol@ receptor@ unívoc@. 

Eis a desvalorización da ciencia, a perda de confianza no método científico e a desvirtuación da seriedade con que a maior parte do mundo técnico realiza o seu labor a causa desta parafernalia de bambolinas que atorden os sentidos. Eis polo que hoxe non podemos durmir, aínda que sobre a ciencia caia a noite.

Acto tres: a cociña individual

Escena: nunha cociña moderna de cores rechamantes, varias persoas vestidas ao uso preparan apuradamente un gran xantar. Os testos baten contra as perolas, os pratos baten contra o mesado e algún garfo cae ruidosamente ao chan.

Vellos marxistas cociñadores da nova política, da man de activistas do materialismo democrático, teoría que nos aprende que só hai individuo definido por corpo e linguaxe, preséntannos un novo elixir, acabado de destilar, cientificamente probado. Está deseñado coa mellor receita antiglobalización e adubado do peor individualismo libertario. Algúns vellos xefes de cociña marxistas, moitos deles latentes ou durmintes no frigorífico académico, son agora vangarda da perfecta receita da que sempre quixeron ser compoñente principal mais que nunca puideron: a nova política. Como ingredientes complementarios aceitan de todo, sen atender á calidade, caducidade ou tempo de fervedura. O fume da pota ascende na atmosfera e tapa a luz do sol, cae a noite.....mais non durmimos.

O materialismo democrático, cheo de cientifismo e outras ferramentas para narcotizar, empapa as pretendidas formas da oferta política e no ceo das esperanzas da arela dunha Galiza de noso, ameazan escuras nubes, unha vez máis. É por iso que fronte a ese individualismo, revisionista e asimilista, aínda temos unha lixeira idea colectiva, unha pequena idea que nos quedou na mente antes de se poñer o sol, e debemos facela durar toda a noite, como dicía outro poeta, desta volta Wallace Stevens, por iso non podemos durmir anque é de noite, para non esquecela: NÓS.

Adiante compañeir@s.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña