22:51 Sabado, 06 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

10-11-2015

¿Tempos de cambio en todo? O tempo o dirá, aínda que parece que algo se move tanto nos ambientes máis conservadores da política como da Igrexa

Que vivan os noivos

Valorar (6)

ADOLFO DE ABEL VILELA



¿Tempos de cambio en todo? O tempo o dirá, aínda que parece que algo se move tanto nos ambientes máis conservadores da política como da Igrexa. Dous exemplos en dous titulares de xornais. O 19 de setembro líase o seguinte en El País:

"Rajoy y la cúpula del PP festejan el matrimonio homosexual de Maroto"

O outro titular é do 4 de outubro en La Voz de Galicia:

"Un prelado conmociona al Vaticano al hacer pública su homosexualidad".

Pero isto, aínda sendo moi significativo, por vir de quen vén en ambos os casos, de pouco proveito sería senón comentásemos o seu contido.

Un xesto honrado e de enorme transcendencia

Valoro enormemente a decisión do sacerdote polaco Krzystof Olaf Charamsa ao presentarse arroupado polo seu noivo de orixe catalán, como homosexual practicante ante os ollos do mundo:

"Quero que a Igrexa e a miña comunidade saiban quen son: un sacerdote homosexual, cun compañeiro, feliz e orgulloso da miña propia identidade".

Fronte á ocultación dunha realidade a saída á luz da verdade, esa verdade que fai a o home libre. Poeta, filósofo e teólogo de formación, Charamsa non é un cura calquera, nin pola súa orixe, Polonia un país ultra católico, nin por estar no Vaticano, nin pola súa formación. Sabe o que di, cando o dixo e o por que, e, o máis importante, coa súa actitude defende a dignidade da persoa que ten que estar por encima dos intereses de calquera grupo ou crenza. Oficial da Congregación para a Doutrina da Fe, profesor de Teoloxía en varias universidades gregorianas e secretario adxunto da Comisión Teolóxica Internacional, deu un paso cuxa importancia e efectos haberá que valorar no futuro.

O papa Francisco falou da existencia dun loby gay no Vaticano, o cal significou recoñecer unha realidade ata ese momento oculta, pero este grupo só debe exercer para os texemanexes internos do poder vaticano, non para poñerse ao lado dos seus e a contribuír a sacalos da discriminación e do ostracismo eclesiástico. De novo a hipocrisía. Por iso o paso dado por Charamsa un día antes da apertura do Sínodo dos bispos, merece o recoñecemento do seu valente xesto aínda a sabendas de que se ía a prexudicar. Escolleu o momento que lle pareceu máis oportuno para dicirlle ao Sínodo que "o amor homosexual é un amor que necesita da familia. Calquera persoa, tamén os gays, lesbianas ou transexuais, leva no corazón o desexo de amor e familiaridade".

Ademais da súa saída do armario, o sacerdote publicou un decálogo na revista polaca Wyborczej titulado  "Un novo manifesto de liberación", no que esixía que a Igrexa pedise perdón por "o abandono, o silencio, a persecución e os crimes contra os homosexuais", que revisase "os textos bíblicos sobre a homosexualidade" e abolira a prohibición que aprobou Benedicto XVI en 2005 que impide a ordenación de sacerdotes gays. Tamén reclamaba unha revisión do catecismo e a cancelación dos documentos da Igrexa que "estigmatizan" ás persoas homosexuais, "en particular os da Congregación para a Doutrina da Fe, herdeira da Santa Inquisición". Logo de ser relevado do seu cargo polo Vaticano, denunciou que este ministerio vaticano, "é o corazón da homofobia da Igrexa católica, unha homofobia exasperada e paranoica".

A incoherencia como mal exemplo


O sacerdote polaco dedicou o seu xesto a "tantísimos sacerdotes gays que non teñen forzas para saír do armario". Aínda que pouco se pode esperar dunha Xerarquía que practica a dobre moral, formada no mito, que se mantén ignorante do que di a Ciencia. Malia ser o clero maioritariamente homosexual, de portas para fóra a Igrexa é homófaba e segue considerando a homosexualidade como unha anomalía, dando por bo todo o que din as Sagradas Escrituras, non só sobre este tema senón tamén en moitos outros, uns textos que como se sabe foron escritos por homes fai miles de anos, que evidentemente non poden reflectir a actitude, o pensamento nin o coñecemento do home de hoxe.

Non se pode seguir mantendo o mito baseado na falacia da chamada "Lei Natural" entendida dunha forma moi particular e restrictiva por ser ese soporte contrario ao que evidencia a Ciencia. Precisamente unha das características básicas da Natureza é a súa diversidade, todo o que hai na natureza é natural, e dentro dela, e xa que logo da orde natural das cousas, desa "Lei Natural" á que se aferran, está a diversidade sexual, que ninguén elixe, senón que lle vén dada ou imposta: homosexual, heterosexual, bisexual, transexual e asexual, á súa vez con todas as variantes que existen dentro de cada un destes grupos.

De todas elas a Igrexa, contrariando á Natureza, só acepta a heterosexualidade, o demais son para ela desviacións. O paradoxal é que a Igrexa institución recorre á "Lei Natural" para condenar a homosexualidade, entre outras razóns, porque impide a procreación. Só é lícito o acto sexual para este fin, dentro do matrimonio católico, negándolle a Xesucristo como home ser concibido naturalmente, por medio do coito, como todos os homes, por certo que para evitalo utilizan o mito de Afrodita, tamén nada sen intervención de varón. Nada novo en canto á apropiación e adaptación da mitoloxía clásica polo cristianismo.

Chamados á castidade permanente

Segundo Charamsa a solución que lles propón a Igrexa aos gays crentes, é a abstinencia total da vida amorosa, o que considera inhumano. Mentres os heterosexuais están autorizados a botar, de cando en vez, unha cana ao aire, pero só para procrear. Pero xa dixo Albert Einstein que a Ciencia non ten nada que ver coa Relixión. A Ciencia baséase en feitos probados e a Relixión en todo o contrario, en crer o que non vimos, naquilo que nos din que debemos crer, un dilema que non é fácil de resolver por parte daquelas persoas que teñen unha formación e que lles gustaría crer, porque a maior parte dos seus principios e dogmas non resisten os pasos do método científico, e cando unha persoa lle conta a un clérigo estas incoherencias, adoita obter como resposta que é unha cuestión de fe. Outra cousa ben distinta é o que pensan e o que fan a nivel persoal. E aí é onde aparecen as contradiccións.

A hipocrisía, e xa que logo a credibilidade do que sobre esta cuestión poida dicir a xerarquía está seriamente tocada despois de que saísen á luz os escándalos de abusos homosexuais de clérigos de todos os niveis, o último o procesamento do ex nuncio na República Dominicana Josef Wesolowski, polaco, resolto por unha morte oportuna, que sempre se coidou de ocultar mirando para outro lado, demostrando que o que se dicía tiña pouco que ver co que se facía. Un abandeirado deste procedemento foi Juan Pablo II, tamén polaco, encubridor de clérigos pederastas e abusadores, ao que lles faltou tempo no Vaticano para facelo santo. ¡Vaia exemplo! A relixión católica non volverá ter a puxanza doutros tempos mentres non se reinterpreten os chamados Textos Sagrados á luz do coñecemento, a formación e o pensamento do home de hoxe. Porque do mesmo xeito que ao longo dos tempos sempre se xustificaron as decisións, boas ou malas, duns homes revestidos de autoridade sobre os fieis, apelando á vontade de Deus ou á decisión do Espírito Santo, non hai motivo para non facer agora unha reforma profunda que se xustifique cos mesmos criterios.

A hipocrisía do PP


A outra faciana da mesma moeda foi a voda ao grande do dirixente do PP Javier Maroto, ex alcalde de Vitoria e actual vicesecretario sectorial do partido, con José Manuel Rodríguez Carballo, co que leva convivindo 19 anos. A plana maior desta formación política e do Goberno, con Mariano Rajoy á cabeza, o mesmo que no seu día dixo que recorría a lei do matrimonio homosexual de Zapatero porque "desnaturalizaba o matrimonio", e case trescentos invitados supoñemos que maioritariamente da mesma corda, asistiron aos esponsais. Está ben facer normal o que a nivel de rúa xa é normal, pero de novo aparece a hipocrisía, a táctica de poñer unha vela a Deus e outra ao diaño, de velo todo, non en función do interese da xente, senón rédito electoral, dos votos que pode gañar ou perder.

Cando goberna o PSOE faille o traballo lexislativo desagradable ao PP coas leis do divorcio, do aborto, do matrimonio entre persoas do mesmo sexo, o PP oponse a elas, preside todas as manifestacións, recórreas cando se aproban no Tribunal Constitucional, pero despois son os primeiros en utilizar as súas vantaxes. Había máis divorciados no Goberno de Aznar que no de Zapatero e o primeiro cargo electo do PP que casou con outro home foi o concelleiro de Ourense, José Araújo, bendicida a unión coa presenza de Alberto Núñez Feijoo.

Nesta ocasión o PP festexou a unión para enviar a mensaxe de que o recurso presentado no 2005 ante o Constitucional era cousa do pasado, nada ten que ver con eles, como a corrupción. Nun exercicio seguramente de boa fe, pero tamén de cinismo, Maroto fixo ante os xornalistas unha manifestación en favor do matrimonio homosexual e dixo:

"En mi partido, en el Goberno se suman al derecho al matrimonio para todos. Esto es un matrimonio porque la sociedad y los partidos evolucionan".

Alegrámonos moito do cambio de parecer, así que como se di en todas as vodas celebradas como diría Rajoy "como Dios manda", que ¡vivan os noivos!, e de paso os padriños e os acompañantes, incluíndo tamén, con maior motivo, á parella do ex cura do Vaticano.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña