19:16 Martes, 12 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-10-2015

Causa estupor observar con que facilidade a dereita e a esquerda españolas intentan descualificar a aspiración nacionalista

Nacionalismo

Valorar (42)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ



Unha das manipulacións máis tóxicas e interesadas da linguaxe, da semántica, que conceptualiza a realidade, atinxe o uso da palabra nacionalismo. Asolaga e infecta a información cotiá até tal extremos que pode acabar por aplicarse a fenómenos non só diferentes senón antitéticos, mesmo en boca de suxeitos que pertencen a sectores confrontados. Cómo pode ser? Hai unha realidade da que se parte, a existencia da nación, das nacións,  e o proceso histórico que dotou unhas con Estado, mentres outras ficaron, momentaneamente, ou até hoxe sen el.

Falando en termos históricos, cabe empregar a palabra nacionalismo para aludir a toda aspiración, consumada ou non, de os pobos ou nacións  contaren con Estado propio, con soberanía,  no sentido burgués e liberal, ou como produto dun proceso de descolonización. Naturalmente, non foi o mesmo a construción dun Estado burocrático, liberal  e capitalista a partir da existencia dunha monarquía, máis ou menos absolutista,  de base nacional única que a partir dunha de base plurinacional. Neste último caso, a dominancia dunha das nacións imprimiu unha desigualdade, unha xerarquización,  que ten consecuencias lingüísticas, culturais, e mesmo económicas, sociais e políticas. A construción da nación, nestes casos, confundiuse coa do Estado, de tal maneira que se este debía ser un,  a nación tamén, cun único pobo, como fonte da soberanía.  Velaquí como comezaron os escoramentos cara a confusión.  Aliás, agora, inmersos na globalización imperial, máis do que nunca nos últimos tempos, asistimos ao afondamento  a mantenta das connotacións negativas do termos nacionalismo, nacionalista, chegando mesmo a contaminar a práctica lingüística de quen pertence, estrito senso, a este campo, o da expresión política das nacións sen Estado.  Con frecuencia  podemos comprobar como moitos nacionalistas de nacións oprimidas contestan os ataques do españolismo, cualificándoos como propios dunha ideoloxía nacionalista española.  Parece como se se asumise que o nacionalismo é unha maldade, unha deformación, e polo tanto que o outro tamén o é.  O peso do poder da maquinaria manipuladora é, como vemos, esmagador, e  non exento de eficacia no seu afán confusionista.

Hai pouco, destacados dirixentes de Estados centrais da UE, Merkel e Holland, alertaron contra os perigos do nacionalismo, nun contexto no que se mesturaban o desacougo dos pequenos Estados europeos fronte a avalancha de inmigrantes,  os ataques  contra eles,  e  o auxe da extrema dereita, co debate sobre a independencia de Catalunya e a intervención da Rusia de Putin en Siria a favor de Al-Asad. Contra que estaban alertando estes dirixentes co seu totum revolutum?   A súa única preocupación era, seguramente, a de incitar a que nos adecuemos a un marco de soberanía dos pobos tan limitada que se faga practicamente inexistente e a unha expansión do mercado que se contemple como imparábel, alén da obediencia cega aos ditados políticos da xerarquía superior europea que eles representan. Moralmente parecían estar condenando a xenofobia, o auxe da extrema dereita, sen aludir directamente para nada ao que supuxeron o nazismo e o fascismo na Europa, en particular nos Estados centrais da UE, en concreto Alemaña, por certo, fillos naturais do capitalismo expansionista e imperial. Seguramente unha parte da opinión pública leu nesta orientación  moral  e política as súas intervencións. Porén, unha boa parte da opinión pública española interpretou que condenaban o independentismo nas nacións sen Estado, moi en particular o de Cataluña.  Como vemos,  a insidia confusionista está conseguida: o nacionalismo é o mesmo que o fascismo e o nazismo. identificación que a esquerda e a dereita liberal española practican cun afán que sobarda calquera límite de rigor e racionalidade.

Cómpre, pois, cavilar e desfacer esta confusión interesada.  Como se pode estabelecer unha relación necesaria e lóxica entre o sentimento, a aspiración e o dereito dun pobo a ser libre, coa  xenofobia, o expansionismo e o espírito de dominancia e agresividade imperiais de certos Estados? En puridade e rigor semántico, a palabra nacionalismo debería usarse para referirse a movementos políticos das nacións sen Estado. Nunha perspectiva histórica, tamén poderíamos falar de nacionalismo na construción de Estados-nacións  baixo dominio estranxeiro, caso de Italia, ou unificacións da nación, caso de Alemaña. Existe un variado espectro semántico para referirnos á agresión contra o diferente, ao dominio  e á opresión sobre outros pobos, á desigualdade e xerarquización nacionais: xenofobia, racismo, fascismo, nazismo, centralismo, imperialismo, e por que non, españolismo.  A españolidade exclúe a igualdade dos pobos ou nacións diferentes dentro do Estado español, das súas linguas e culturas, dos seus dereitos políticos, pois nega que exista nación ou pobo algún a aquel que non for o español, preexistente a todos e única fonte de lexitimidade. E isto nacionalismo? Non, será españolismo,  centralismo, fascismo, imperialismo, segundo os matices con que se manifeste. É natural e lóxico que unha nación, un pobo, como o catalán, o vasco ou o galego, aspiren a desfacerse desta opresión, exercendo a súa soberanía. Semellante aspiración pode e debe cualificarse lexitimamente como nacionalista.

Causa estupor observar con que facilidade a dereita e a esquerda españolas intentan descualificar a aspiración nacionalista. Chegan na súa natural asunción da desigualdade a considerar que as outras linguas non poden ter nas súas nacións os dereitos e deberes de que goza o español ou a pretender arrasar do sistema educativo o dereito ao coñecemento da propia historia, ao que responsabilizan, no caso catalán, do auxe do nacionalismo. Se non fora un problema serio,  a burla e a parodia serían a mellor maneira de evidenciar a magnitude irracional, incluída a falsidade,  dos mitos históricos da nación española, desde Covadonga e  o reino de Asturias,  El Cid, a unidade dos Reis Católicos, até Agustina de Aragón ou a Virxe do Pilar.  Teñen que reducir ou anular aos outros para poderen aparecer cunha tradición secular. Para nós a súa historia significa a anulación da nosa, da que se apropiaron para facela súa ou ocultala, a través da invención do reino de Asturias, e da desaparición do reino de Galiza, unha operación de tal calibre que indica até que punto os mitos da súa historiografía, as súas mentiras, son incompatíbeis coa nosa existencia  como pobo con historia. Por certo, esta apropiación indebida, esta ocultación da nosa historia, contrasta co feito do actual Borbón seguir mantendo entre os títulos que  adornan a súa  liñaxe  o do Reino de Galiza.  A diplomática e a heráldica da familia real española naturalmente conservan, agochado, un título e unha consideración do máis antigo avoengo que se oculta a todos os nosos escolares. Así se fan as cousas neste Estado democrático e de dereito.

Vaiamos a cousas máis prosaicas. Cinguíndonos ao aquí  e ao agora, do caso catalán, por ser o máis conflitivo, e  preguntémonos quen persigue e quen é perseguido? Quen ameaza e intimida con todo o poder das institucións e forzas represivas do Estado e quen é ameazado? Quen quere que as urnas falen e quen quere impedir que o fagan? Quen conta cos poderes oligárquicos e globalizados e quen expresa as aspiracións populares? Quen excita o pobo español ao compromiso  coa negación  e represión de dereitos básicos como son o dereito a decidir e o dereito a ser libres, cando non á intolerancia coas linguas doutros pobos? Onde existe unha mobilización popular potente que cuestiona a monarquía e os fundamentos antidemocráticos do réxime, desde unha posición laica e republicana? E por que non preguntalo, que bandeira simboliza unha historia puramente defensiva e cal a dunha historia imperial e cruenta? Unha resposta honesta a estas preguntas debería obrigar á esquerda española a revisar moitos dos seus tópicos interesados sobre o nacionalismo en xeral, e o catalán, en particular. Comprenderían, entón, mellor por que  a posibilidade dun Estado español vermello só será posíbel após unha España rota, como agudamente concluía o noso Castelao, desvendando o sentido último que agochaba a célebre frase de Calvo Sotelo: "Prefiero una España roja a una España rota". A resistencia e a hostilidade  a aceitar esta verdade por parte da esquerda española é o que  a conduce, na práctica, foren cais foren os matices e diferenzas coa dereita, a coincidir con ela no que se refire á unidade de España. Castelao escribía en carta a Pi i Sunyer, o 16 de xaneiro de 1946, catro anos antes de morrer: "La España de Lerroux, de Prieto o de Albornoz es idéntica a la España de Franco, y tal vez ofrezca más peligros porque no intentarán matarnos -cosa imposible., sino atarnos con cuerdas irrompibles".

Os teóricos do nacionalismo galego, Castelao e Ramón Vilar Ponte, en primeiro lugar, nunca caeron na confusión interesada de irmandar nacionalismo con fascismo e xenofobia. Aplicaron esta designación aos movementos sociais e políticos dos pobos sen Estado que aspiran a ser libres. Como debemos facer neste contexto histórico, xustamente por estar máis agudizado o proceso de globalización imperial.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



[24-10-2015 12:53] Henrique comentou:

A claridade e rigor intelectual do profesor Rodríguez Sanchez, permite utilizar con propriedade o termo nacionalismo. As palabras construen o mundo no que estamos.

[24-10-2015 12:02] Manuel Cabada Castro comentou:

No fondo o tema do nacionalismo non e unha cousa banal, de meros gusto estético, de simple preferencia política ou procedente incluso –tal como algúns pensan- de escuros recunchos ou redutos pasionais. Na vivencia nacionalista están implicados moitos compoñentes que afectan directamente á propia comprensión do humano. Os humanos nacemos (nacemento, nación, nacionalismo, etc. están estreitamente relacionados) e desenvolvémonos en contextos fondamente vinculados á terra, ós costumes, ós usos sociais e culturais, á lingua, etc. que nos constitúen e que veñen sendo coma o aire que respiramos ou como alimento que nos fortalece e nos prolonga a vida. Por iso o nacionalismo é sempre bo porque está enraizado na comprensión e vivencia do propio ser individual e social. Se isto é así, entón non é asumíbel, como ben pon de relevo aquí Francisco Rodríguez, que nacionalistas só poidan ser algúns mentres que se lles veta e obstaculiza iso con tódolos medios imaxinábeis a outros. Pois iso daría por suposto que hai nacionalismos bos e outros que non o son, tese que só pode proceder dunha confusión básica interesada en que o sentirse e considerarse unha nación é só dereito meu (da miña nación) e non dos outros (dos que aspiran ó mesmo). Iso é narcisismo puro e duro e, desde logo, inconsciencia política e un modo de provocación. Manuel Cabada Castro.

[24-10-2015 09:47] Breogán comentou:

QUE CLARO E QUE BEN DITO !
Parabéns !

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña