15:09 Domingo, 15 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-10-2015

E se non abala?

A voltas coa pedra d´Abalar

Valorar (6)

MANUEL VILAR ÁLVAREZ



Desde o inverno de 1978, en que unha vaga de mar desprazou a pedra d´Abalar da súa posición orixinal, esta xa non volveu abalar “como antes”, o seu son xa non é monótono e pesado, agora é máis rápido e lixeiro. Quizais estea de acorde cos tempos. Desde aquela outros temporais, cando menos uns cinco, volveron afectar a pedra e volveron desprazala aínda máis. Nun destes temporais a pedra fendeu e un anaco acabou apartado varios metros e encaixado na fenda doutras rochas que conforman este espazo alí onde, como diría frei Sarmineto, “bate el mar bravo sin arrimo ni abrigo alguno”.

Se navegamos pola rede ou entre papeis atoparemos infinitas referencias a pedra d´Abalar e ao lugar no que se asenta ao pé do santuario da Virxe da Barca e, sempre, a mesma cantarela: que no lugar se realizaban cultos pagáns polos antigos poboadores da zona, que é un santuario neolítico, polo que o santuario actual foi levantado pola igrexa católica para cristianizar ese espazo sagrado. E seguimos lendo: o cristianismo non foi quen de destruír o culto pagán, de xeito que o culto ás pedras está aínda moi presente na zona; que a pedra d´Abalar é un megálito, que os celtas utilizábana para xulgar, como lugar de culto á fertilidade,  etc. Isto, incluso en  páxinas que deberiamos considerar como serias, pois nelas colgan os logos da Universidade de Santiago e da de Vigo, xunto ao da Xunta.

Non vou negar o culto ás pedras na nosa tradición, mais que entendemos por culto? Con motivo do último ano Xacobeo publicouse un libro, de éxito, sobre os “secretos” que se agochan no camiño a Fisterra e a Muxía e que os peregrinos deberían coñecer para non se perder. Léndoo tirei a impresión que os galegos de antes pasábanse a vida rezando a toda canta pedra había polo monte, que non tiñan outra cousa que facer, vamos, pois toda pedra que sobresaíse algo na paisaxe era un altar sagrado. Se temos tan presente que a paisaxe é sagrada por que a ferimos continuamente?

Se entendemos por “culto”, como define algún dicionario,  as cerimonias por medios das cales se manifesta externamente tributo de respecto ao poder sobrenatural dunha divindade, entón nego o culto a moitas pedras. Pero se por “culto” entendemos a toma deses elementos da natureza como necesarios puntos de referencia para axudar a construír unha paisaxe referencial na que se “cultive” a existencia social, entón esas pedras son algo máis que pedras, son marcadores operativos dun coñecemento local xerado ao longo dun tempo social, entón si hai culto ás pedras, porque axudan a crear sentido de lugar. Si que hai culto ás pedras, pois estas actúan como o marco físico dun modelo social que se foi construíndo e “cultivando” historicamente até formar paisaxe. O espazo é unha realidade composta po algo máis que obxectos xeográficos, entre eles as pedras que destacan pola súa forma, tamén por obxectos sociais. Pódese dicir que a paisaxe é unha construción social.

Neste contexto, a monumentalidade das pedras graníticas axudou a crear por parte da xente un imaxinario que ía, se queremos, ao transcendente e ao máxico. Pero houbo pedras que, aínda sendo monumentais, non tiveron, digamos, éxito e outras si, como houbo santuarios que tiveron éxito e outros que non. Na mesma ría temos un santuario de éxito, o da Virxe da Barca, e mesmo en fronte, na outra banda da ría, outro santuario de ámbito local e que, con toda probabilidade, é do mesmo tempo, pero con moito menos éxito.

As pedras de Muxía tiveron éxito e forman parte do noso imaxinario cando menos desde finais da idade Media en que viaxeiros, peregrinos e, máis tarde, historiadores e etnógrafos, falaron delas desde diversos puntos de vista. Polo tanto, este conxunto orixinou moita literatura, e segue creándoa, e levou a moitos autores a dicir que a orixe deste culto mariano está nas pedras. É dicir, que aquí habería un culto anterior á cristianización e que a invención do culto á Virxe da Barca sería o xeito de cristianizar este lugar.  Mais este é un pasado baseado en feitos ficticios e non facilmente demostrables. Moitos deses textos intentan buscar o mecanismo que fai posible que a pedra abale. Para uns é un misterio, para outros como Murguía a pedra foi traballada na súa parte inferior para que se movese mellor. Pero será no XIX cando a Pedra de Abalar chame máis a atención dos historiadores, tales como Manuel Murguía, Benito Vicetto, Barros Sivelo, Villamil y Castro, etc, que a identifican cos cultos celtas e na que a pedra podería ser un lugar de cultos druídicos, un lugar probatorio da fidelidade conxugal, para xulgar crimes, probas adiviñatorias ou onde se farían cantos e bailes. Xa no século XX autores como Vicente Risco, Fermín Bouza-Brey ou Taboada Chivite ocupáronse deste tema, polo que podemos dicir que está na nosa tradición histórica e etnográfica, forma parte do noso imaxinario.

As lecturas dos feitos e os significados cambian co tempo, como tamén cambia a paisaxe e a súa percepción. Un  exemplo, hoxe todos identificamos a pedra  d´Abalar co que sería a quilla da barca na que chegou a Virxe para animar e consolar ao abatido apóstolo Santiago, e a chamada pedra dos Cadrís coa vela. Pero Juan de Villafañe, que nos contou os grandes milagres que esta imaxe fixera xa antes de 1762 (data na que publica o libro), identifica a pedra d´Abalar coa vela e a dos Cadrís coa quilla. E, xa antes, en 1655, o peregrino austríaco Christoph Gunzinger dixera que a Virxe apareceu debaixo dunha pedra curva,  que sería a barca na que chegou a imaxe e permanece nese lugar volteada. Dinos que no mesmo lugar hai unha pedra plana que debía ser a vela.

Todos os que remontan o santuario ao Neolítico ou á idade do Ferro (ao tempo dos celtas) non explican por que a imaxe é do século XV, non nos din nada de que pasou entre ese período de tempo desde que comezou a cristianización do lugar até que chegou a imaxe. Claro, unha resposta rápida pode ser que a imaxe actual, porque esta non ardeu no lume que devorou o santuario no Nadal de 2013, non é a primitiva. Pode ser. Pero por que as primeiras referencias documentais son tan tardías? Non será que todo isto é unha creación fomentada polos monxes do mosteiro de San Xián de Moraime para chamar a atención sobre o seu territorio e recolocalo no mapa da Galiza de entón? Non serían eles os inventores do culto á Virxe da Barca e os que lle dan significado a todo o conxunto de pedras que hai nesta magnífica paraxe, situando nela o santuario? Non serían eles, tamén, os que levaron o camiño de Santiago até este extremo deste vello país?

Penso que o mosteiro de Moraime é o gran organizador deste territorio no comezo da baixa idade Media e que nesa organización entra tamén o territorio do simbólico e do imaxinario colectivo. Ademais, hai unha clara metáfora cristiá no uso da barca como símbolo de salvación. Uns “Gozos” din claramente que a barca é seguro de tranquilidade. O mar é o mundo no que naufraga o pecador entre tanto escollo funesto, por iso a Virxe é o porto seguro, o norte da esperanza á que todo bo cristián ten que subirse se quer chegar ao porto do máis alá.

Dito todo isto quero insistir noutro tema. A pedra d´Abalar é unha construción cultural  aproveitando un elemento da natureza  moi singular. O uso que lle damos nos últimos tempos ten máis intensidade. Antes a pedra abalaba case que exclusivamente nos días da romaría. Hoxe, todos os días pode haber xente saltando sobre ela coa intención de movela. Hai unha intensificación do seu uso e un uso menos respectuoso que incide na súa degradación. O que era un lugar de culto converteuse en algo de consumo, de consumo rápido e de cantidade fronte a calidade.

Neste contexto reclamo unha maior atención e protección a este lugar, xunto a máis información e difusión dos seus valores. O santuario está neste espazo pola súa singularidade. Singularidade que lle vén dada pola paisaxe rochosa, pola situación ao pé do mar no extremo dunha punta, chamada de Xaviña ou das Cruces, pero tamén da Barca, topónimo que xa borrou aos outros. Este espazo singular pola situación extrema foi tamén a despensa de Muxía, un lugar con minúsculas hortas onde a xente de Muxía creou unha paisaxe especial de pequenísimas hortas con paredes para protexer os escasos e cativos cultivos do vento e do salitre. Pero este espazo non se protexe. Primeiro converteuse o vello camiño de acceso, o camiño da Pel, nunha especie de promenade ou paseo estilo Benidorm. Pero para isto houbo que tirar as vellas paredes e por pedras lisas no chan, non vaia ser que se tropece. Logo trouxeron o Prestige para desprestixiarnos e inauguraron dúas pedras que feriron a paisaxe e que se erguen cal torres xemelgas. Estas son feridas nunha paisaxe sacra. E, todo para borrar as pegadas dunha memoria, a memoria da supervivenza nunha xeografía difícil que, como nas illas Arán, valeron para crear solo cultivable onde só había rocha. Como no caso irlandés, tamén podemos dicir que “esta paisaxe cultural é a nosa mellor e máis produtiva creación; é tanto un artefacto en base a fundamentos de xeoloxía e clima, como unha narrativa, capa sobre capa, da nosa historia e natureza entrelazadas” (Atlas of the Irish Rural Landscape). Máis perto de nós, outro poeta diría que as pedras son máis fermosas as pedras cando dan forma a unha parede.

Se borrar o vello camiño da Pel non foi pouco,  pero como cantaba o Zeca, “só se lembra dos caminhos velhos quem tem saudades da terra”,  ancheouse a estrada para poder chegar ben co coche até as portas do santuario e algunhas hortas acabaron converténdose en aparcadoiros. As vellas lousas do adro acabaron na parede dalgunha casa e foron substituídas por outras de pulido máis “fino”. Todo para pór “bonito” o lugar e borrar a historia que nos trouxo até aquí. Mais o lugar xa é bonito de por si, grazas á natureza e á historia. Pero é esta a que non se respecta, por iso, xa dixera o poeta, que un día até a xeografía pode non ter piedade con quen ten desistido de crer na historia.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.

[13-10-2015 19:21] BREOGAN comentou:

Ponta da XAVIÑA; seica non será a ponta da ,LAXAFÍNEA, ou pedra do confín ?

LAXAFÍNEA >LAXAVIÑA> LA-XAVIÑA e daí a XAVIÑA de hoxe.

Unha evoluçom semellante a TRIFINEO > TREVIÑO

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña