11:52 Xoves, 23 de Novembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-09-2015

Non importa a relación que teña unha muller co home que a agride ou a mata. Hai que chamar a cousa polo seu verdadeiro nome para poder denunciala polo que realmente é

O que é a violencia de xénero?

Valorar (46)

ROBERT NEAL BAXTER



Son partidario da mal chamada linguaxe ‘politicamente correcta’, sempre que sexa ben entendida. Digo ‘mal chamada’ porque se trata dun cualificativo pexorativo utilizado polos seus detractores para atacaren subrepticiamente unha ferramenta ideolóxica que aspira a mudar –se non as cousas– o xeito de nos exprimirmos para así reflectirmos mellor a realidade, quer tal como é, quer tal e como sería desexábel que for. Do mesmo xeito que ningún grupo se aplica a si proprio a etiqueta ‘terrorista’, a denominación ‘politicamente correcto’ só serve, na maioría dos casos, para ridiculizar, deturpar e deslexitimar este seu verdadeiro sentido revolucionario.

Por isto tamén digo ‘ben entendida’, pois, contrariamente ao que nos pretenden facer crer, na súa orixe non se trata de perpetuar o pensamento plano do status quo que sustenta o establishment. Máis ben todo o contrario. Unha das súas funcións consiste en cuestionar e erradicar termos inxuriosos e insultantes aplicados a persoas e a grupos que fican fóra do padrón de ‘normalidade’ que impera na sociedade, como, por exemplo, o caso de ‘persoa con síndrome de Down’ no canto de ‘mongolito’. Até aí, todo ben para a esmagadora maioría –aínda que, infelizmente, non toda– a xente. Polo outro lado, tamén dá pé à innovación lingüística para visibilizar e/ou reflectir de xeito máis neutral ou mesmo positivo grupos sociais que se achan fóra ou nas marxes do discurso dominante, como, por exemplo, o uso da linguaxe inclusiva en vez dunha linguaxe falocéntrica, reflexo da sociedade patriarcal, ou o uso de termos como ‘gay’ en vez de ‘maricón’.

Trátase dun acto consciente e comprometido de hixiene idiomática moi saudábel. A homofobía, o racismo, o sexismo son, sen paliativos, actitudes politicamente incorrectas que cabe combater con todos os medios ao noso alcance.

Evidentemente, mudar os usos lingüísticos non vai mudar o mundo por si só, mais si apela, por un lado, a reflectirmos sobre o valor e as implicacións das palabras que utilizamos, como tamén deixar de aldraxar por pasiva ou por activa determinadas persoas en función do lugar que lles reserva a sociedade ‘mainstream’. Por algo será que o nacionalismo se empeñou –e con razón, moi apesar das reaccionarias reticencias dalgunhas cabezas (mal)pensantes– en eliminar do dicionario da RAE as acepcións vexatorias e insultantes do verbete ‘gallego’ como sinónimo de ‘parvo’ e ‘tatexo’. As palabras feren e máis que feren: perpetúan estereótipos que a esquerda transformadora non debe (o non debería) consentir.

Ora ben, cumpre distinguir claramente entre este tipo de ‘politicamente correcto’ (por chamalo dalgunha maneira) e o eufemismo que procura maquillar ou esconder a verdade, como nos casos de ‘golpe preventivo’ en vez de ‘ataque’ ou ‘danos colaterais’ para evitar deixar de manifesto que se trata de masacres indiscriminados de inocentes civís...

Que hai, logo, do termo ‘violencia de xénero’? A intención detrás deste termo non deixa de ser loábel, ao pretender sacar a violencia ‘doméstica’ do ámbito privado e colocala claramente como un problema que debe recoñecer e resolver a sociedade no seu conxunto en vez de deixar cada muller a sofrer en silencio na súa casa. A referencia a ‘xénero’ tamén é atinada, ao non tratarse dunha cuestión de sexo biolóxico, máis ben do construto social que predetermina os papeis diferenciados que se asignan a cada persoa segundo o seu sexo.

Até aí perfeito. O problema radica en que se adoptou a frase sen asumir a mudanza real, sen que mudase nen substancialmente nen nada nadiña o conceito orixinario de ‘violencia doméstica’, como vén demonstrar a cobertura mediática que recebeu o recente caso de asasinato dunha muller en Vigo a principios deste mes. Para alén de merecer, ao parecer, a simples consideración de ‘suceso’ para algúns xornais, algúns medios optaron por recalcaren repetidas veces que a vítima era prostituta, como se por ser prostituta deixase de ser muller e mesmo un ser humano con direitos como calquer outro. E é que a lexislación española non considera as 20 prostitutas asasinadas no Estado español entre 2010-2012 como vítimas da violencia de xénero. A violación ou o asasinato dunha prostituta por un ‘cliente’ xa non é violencia de xénero? Que é, logo?

Varios medios tamén tiveron a ben retratar o proprio asasino, por súa vez, como unha vítima... dun ‘ataque de ciúmes’, como se o facto de crer que unha muller sexa da súa propriedade exclusiva fose unha ‘circunstancia atenuante’ e razón suficiente para degolar e destripar unha muller, descrito prosaicamente noutro caso en termos de ‘crime pasional’. Cabe destacar que, lonxe de ser anecdótico, este falso argumento dos ciúmes como motivo –se non lexítimo, cando menos compreensíbel– constitui un tema recorrente.

Algúns medios tamén estaban moi preocupados por verificaren se o asasino tiña algunha relación de parentesco coa muller que matou, xa que, no caso contrario, ditaminaban que non se trataría dun “novo caso de violencia de xénero” (frase mallada e insípida onde as hai...). Así, a súa morte pasaría a ser doutra clase (inferior, banal...) e deixaría de engrosar as estatísticas das mulleres sen nome que morren a mans do seu (ex)-marido ou parella. Se non fose parente dela, xa non sería violencia de xénero? A violación ou o asasinato dunha muller a mans dun home deixa de ser violencia de xénero polo simples facto de el lle ser descoñecido? Que é, logo?

O quid da cuestión, como ben aponta Olalla Rodil, é que as palabras si que importan e moito, pois mesmo poden chegar a ter implicacións legais. Por isto o BNG propuxo a incorporación do concepto de ‘feminicidio’ na lexislación española para que deixen de desaparecer sen máis a metade do millón de denuncias interpostas entre 2007 e 2015.

Fuxir do eufemismo é consubstancial à linguaxe ‘politicamente correcta’ para poder destapar e combater o inmobilismo reaccionario do discurso dominante da sociedade patriarcal. Non importa o que cada muller faga da súa vida. Non importa o ciumento que sexa un home. Non importa a relación que teña unha muller co home que a agride ou a mata. Hai que chamar a cousa polo seu verdadeiro nome para poder denunciala polo que realmente é:

Basta xa de terrorismo machista!

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal