13:17 Xoves, 11 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

27-09-2015

Que nos digan cal dos países emancipados no pasado século -que non foron poucos- empregou os códigos permitidos polo Estado para acceder ao caixeiro da súa liberdade

Leis impresas en papel hixíenico

Valorar (27)

BAUTISTA ÁLVAREZ



Algunhas noites, cando o sono mo permite e non hai películas de tiros e trompadas, pásoas vendo as tertulias televisadas. Máis ca para pasar o tempo escóitoas para ilustrarme, habida conta da sabenza dos protagonistas. Fóra dalgún contertulio que lle pagan para que actúe de contrapunto (o monólogo cansa e perde credibilidade), a participación está reservada para a manda reaccionaria. Non hai pantalla que se prive delas. Todas rivalizan en ganar os parabéns da xente guapa. Non esquezamos que as sociedades anónimas son as donas do medio e as que financian os programas. Pero antes había dúas que se disputaban a palma. Unha delas -non sei se afortunadamente- xa desapareceu. Pasoulle á outra os seus mastíns, que agora ladran na emisora que se xestou nas sacristías episcopais. Esta cumpre en parte o vello aforismo. Poida que a Deus lle rogue de vez en cando. O que si temos comprobado é que ao mazo lle dá con forza no lombo dos que se apartan da doutrina interpretada polos seus escribas.

Desde fai uns días -e supoño que a teima lle durará por moito tempo se os ventos do 27 de setembro sopran bonancíbeis-tomouna con Cataluña. Semella que a mitra lle ten declarada a guerra á barretina. Despois de Constantino, sempre buscou o imperio o apoio do báculo pastoral. O máis curioso da tertulia é o rótulo que lle serve de reclamo. Vouno traducir ao noso idioma para dotalo de maior donaire: o Axóuxere. Consiste este nunha bolina metálica que os animais miúdos levan pendurada do pescozo para saber onde se atopan. As reses de maior tamaño localízanse co chocallo, que ten co axóuxere unha proximidade semántica e desempeña a mesma función. Esta palabra aquécelle mellor aos tertulianos. Tocar a choca significa, na linguaxe popular, botar a lingua a pacer. E de verdade que a ten longa o diletante máis agresivo, mesmo que os outros compañeiros non parezan peor dotados. Cando a bota fóra non sabemos se é para falar, para lamber ou para pastar. Ao meu entender non precisa chocallos para localizalo. Abonda con escoitalo bear.

Centrémonos nos criterios utilizados para defender a españolidade de Cataluña. Parécenme todos de fogueo. Fan ruído pero carecen de proxectil. Apelar á lei, cando o seu imperio e lexitimidade é o que se cuestiona nas eleccións plebiscitarias, é enlearse no conto da boa pipa. Ou atribuirlle ao ovo a orixe da galiña. Argumentan que a norma constitucional permite a súa modificación utilizando os mecanismos previstos para a súa revisión, e non a vía escollida polos cataláns. ¡E parecían parvos! Dannos a liberdade de saírmos fóra pero gardan a chave de abrir a porta. Que nos digan cal dos países emancipados no pasado século -que non foron poucos- empregou os códigos permitidos polo Estado para acceder ao caixeiro da súa liberdade. Pero vou utilizar un exemplo menos escandaloso para a ideoloxía dos tertulianos. ¿Acaso De Gaulle aplicou as cláusulas de revisión previstas na constitución da IV República para proclamar a V? Apelou ao poder constituínte, concepto xurídico que os indocumentados da televisión ignoran, porque non tomaron o traballo de instruirse para non facer o ridículo na pantalla. O pudor intelectual aconsella non exhibirse no escenario en coiros.

Xavier García Albiol, candidato do PP en Catalunya

Informarme foi o que fixen eu para non saír maltreito deste artigo. Hai que distinguir o poder constituínte do poder constituído. A falacia dos defensores do Estado unitario español consiste en darlle valor ao segundo e ignorar o primeiro. Mentres o poder constituído é produto da norma escrita, o constituínte derívase do dereito natural, tal como opina Mora-Donatto. Este non pode ser definido xuridicamente senón en termos de lexitimidade, se nos atemos ao criterio de Emmanuel Joseph Sieyés, que o considera un poder orixinario e único, que non pode atopar fundamento fóra de si, e que non está sometido a límites formais. En resumo, que cando existe contradición entre os dous poderes, é o constituínte o que prevalece. Isto é o que nos di a xurisprudencia internacional. Conscientes da carencia de argumentos científicos, os constitucionalistas españois déronlle protagonismo ás armas no artigo oitavo da carta fundamental.

Demostrada a primacía do poder constituínte, o dilema seguinte consiste en averiguar cal é o titular do mesmo. Non existen discrepancias en atribuírlle esta potestade ao pobo. Ao pobo sen calificativos. Así figura en todas as constitucións do mundo. Agás nunha, a española, que se curou en saúde evitando que a soberanía puidese interpretarse desde instancias diferentes ao que se considera España. E o pobo está representado na nación. Tampouco aquí existen diverxencias teóricas entre os constitucionalistas. Unicamente na forma de entender o concepto de nación. Ou como unha sociedade constituída en Estado, ou como nación cultural dotada de características comúns. A primeira concepción resulta contraditoria. É o problema do can que pretende morder o rabo. Se o Estado é un produto da norma (algo indiscutíbel), non pode nacer esta de si mesma, senón que ten que ter orixe no dereito natural, no que non está escrito pero que vai impreso nunha comunidade de língua, de cultura e, se nos apuran moito, nunha vontade colectiva de identidade propia. A forza desta vontade é a que España teme, por iso pretende blindarse co mito da lei e o poder disuasorio das espadas. Este último é o que hipócritamente se oculta en todos os debates, pero que subxace nas argumentacións.

Tampouco vale como precedente o sentido do voto catalán no referendo do 78. Un texto, saído do trollo da Ditadura, que non tardou moito en consideralo a opinión popular como obsoleto. Vou desenvolver aquí o símil utilizado por Castelao, que equiparou o divorcio co dereito de autodeterminación. Supoñamos que se lle nega a posibilidade de separarse a un matrimonio que subscribíu un pacto ante o rexistro civil, ou que xurou fidelidade eterna o día da voda ante o altar. Ou que tampouco se puidese desfacer setenta e cinco anos despois o Estado formado en 1918 entre Eslovaquia e Chequia. Non serve de nada argumentar cos anos de historia nin con outras zarangalladas. Todo Estado fundaméntase no pacto, e o pacto rómpese cando unha das partes o denuncia, sen que sexa necesaria a aquiescencia dos protagonistas que o compartillan. A falta doutras identidades constitutivas da nación, abondaría coa vontade do pobo para fundamentar o dereito de emancipación.

Hai outro argumento moi chamativo nos vociferantes en contra da secesión de Cataluña, de Euskadi ou de Galiza. Alertan en contra do que vai perder, e non mentan o que vai ganar, dando a entender que os seus recursos económicos dependen da xenerosidade española.- Se así for, ¿por qué alarmarse? A independencia redundaría en beneficio dos cidadáns españois, pois terían unha boca menos que manter. Cantos menos abábaros haxa na colmea mellor lle irá á economía do enxame. Hipocresía pura dun país que cando saíu do latifundio se industrializou montando fábricas de patacas fritas e tablaos flamencos para entreterse e divertir turistas, sen esquecer os espectáculos taurinos. Moi débil se debe sentir o Goberno actual neste conflito cando tivo que buscar aliados nos banqueiros. ¿Pode crer alguén que a banca, por motivos ideolóxicos, vai abandonar mercados nos que la bolsa sona?

Seguro que cando este artigo se publique coñeceremos xa o ditame das urnas, sen que o resultado faga variar os argumentos que neste escrito utilicei. Tanto se o vento sopra de proa como de popa vaino aproveitar o españolismo para atacar ou defenderse. Se vén de popa, para restarlle valor ao triunfo nacionalista, descontando como negativos os votos que se quedaron na casa, igual que fixo o 9 de novembro pasado. E se vén de proa, para contabilizar a abstención no haber da españolidade de Cataluña. Oufano neste caso pola Vitoria pírrica, vaina utilizar Madrid para seguir apretando os grillóns, por considerar lexitimada a súa política de opresión. Lembremos, non obstante, que o que máis independentistas creou non foi o mel do Estatuto emendado e ratificado nas Cortes, senón o vinagre do que despois anulou o Tribunal Constitucional. Todos os que impuxeron a súa vontade sentíndose amparados pola forza sucumbiron despois vencidos pola arrogancia. De momento o nacionalismo catalán -igual ca o galego- actuou de maneira civilizada e democrática. Abusar do débil ou do manso é propio de fanfarróns, e foi o que levou á tumba a moitos pistoleiros. A independencia de Cuba non empezou nin rematou coa morte de Martí nin de Maceo, senón coa entrada de Castro na Habana en 1959, pois a paz asinada en París en 1898 significou só un cambio de emperador. Que España aprenda dos fracasos da súa historia.

Non é bo para ninguén que o pobo perda a confianza no diálogo e nas urnas e teña que recorrer ao pau. Se o Goberno español vai menosprezar a vontade popular manifestada nos votos, poucos ou moitos, do 27 de setembro, que se esqueza de sacar á rúa manifestacións de condena da violencia. En democracia non existen os empates técnicos. Se o independentismo consegue 68 escanos collidos polos pelos, Cataluña será maioritariamente independentista. Se non os acada, haberá que agardar a que medre a conciencia nacionalista. O decálogo que Deus lle entregou a Moisés no Monte Sinaí, o libertador rompeuno antes de entregarllo ao pobo sumido na idolatría, a teor do que conta o texto bíblico. Tamén na política existen idólatras. Ninguén dispón do orixinal, aínda que as tres relixións do Libro sosteñan que conservan fotocopias. Pero as versións de ulemas e rabinos son diferentes ás do cristianismo. E se foi efémera a vixencia dunha lei gravada en pedra, ¿por qué vai durar eternamente unha Constitución escrita en papel hixiénico?

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña