00:34 Martes, 15 de Outubro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-09-2015

O día 17 de agosto é, con efecto, un día para non esquecermos eses homes e esas mulleres que en épocas convulsas tiveron a coraxe de alzaren a súa voz para reivindicaren os dereitos nacionais do pobo galego

Na celebración do Día da Galiza Mártir na Coruña

Valorar (11)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI



A Asociación Cultural Alexandre Bóveda, cada día 17 de agosto, lembra a memoria do egrexio nacionalista que dá nome á entidade e, por extensión, fai lembranza igualmente de todas aquelas persoas que pagaron coa vida ou coa represión o amor pola súa patria. O día 17 de agosto é, con efecto, un día para non esquecermos eses homes e esas mulleres que en épocas convulsas tiveron a coraxe de alzaren a súa voz para reivindicaren os dereitos nacionais do pobo galego desde esferas tan diferentes (embora tan estreitamente próximas) como a lingua, a literatura, a organización política, a cultura ou os sectores estratéxicos para o desenvolvemento social e económico da nosa terra, un territorio onde o mundo adopta diferencial mais non caprichosamente o nome de Galiza. Falamos hai unhas semanas, centralmente, de Alexandre Bóveda, mais tamén de Pedro Galán Calvete, de Ánxel Casal, de Xoana Capdevielle ou dos operarios paseados nos bairros coruñeses de Cances, da Silva ou da Infesta, como ben nos lembraba o noso veciño do bairro da Fontenova, Antón Patiño, no seu libro Memoria de ferro (2008), e aínda doutros moitos asasinados no resto das cidades, vilas e aldeas do país. Falamos hai un mes de todas aquelas xentes torturadas, represaliadas, silenciadas ou desposuídas violentamente da súa dignidade, unicamente por manifestaren o seu compromiso cos valores da igualdade, da liberdade e da súa benquerenza co país. Elas e eles enforman sen dúbida o noso “valeroso clan”.

  Nese encontro anual referímonos tamén a aquelas mulleres que tiveron o infortunio de saberen que os seus compañeiros e fillos e pais e irmáns e amigos e avós e veciños e curmáns foran asasinados nos valos dos cuarteis e nas gabias máis escuras dos campos, nas congostras en que nunca penetrou a luz do sol, ficando así soas perante a vida. Outrosí, falamos daqueloutras que foron sometidas ás máis horríbeis barbaries contra o seu xénero, quer de modo puntal, quer duradoiro, por aqueles que, coa cruz nunha man e a espada machista chea de sangue noutra, reclamaban xustiza, segundo se narra, por exemplo, na obra de Xosé Fernández Ferreiro Agosto do 36 (1991) para a vexada protagonista Sara. Sempre nos acompañan nesa data de lembranza e de homenaxe, pois, os nosos mártires, as nosas mártires, aínda hoxe moitos deles desaparecidos en foxas comúns ou atirados, como sacos sen valor, ao mar, ás lagoas, aos cantís, aos ríos máis caudalosos. Estivo connosco nese día, como todos os 17 de agosto, igualmente, o espírito de Moncho Reboiras, patriota galego asasinado tamén un día de agosto, o 12, morto por eses mesmos seres, que, con fatos diferentes, con rostros diferentes, até con identidades distintas, fusilaron Alexandre Bóveda na Caeira no ano 1936.

  Por todo iso, cada 17 de agosto a AC Alexandre Bóveda honra a memoria daquelas persoas en varios do actos que se organizan ao longo e largo do país: diante do monumento dedicado a Bóveda na zona dos Catro Camiños da Coruña, so a organización da propia entidade; nos actos da Caeira, en Poio, en calidade de integrante á fundación de idéntico nome; no Concello de Oleiros, coa coordinación do BNG desa localidade; etc. A asociación a que dá nome o ilustre nacionalista naceu no ano 1976 e ten nos estatutos, cal unha das súas finalidades máis transcendentes, a promoción da lingua e da cultura galegas, mais tamén a promoción da figura e do pensamento de Bóveda; constitúe unha honra presidirmos unha entidade que persegue tales metas e que conta con arredor de duascentas cincuenta persoas asociadas que partillan idénticas ou similares vontades. Bóveda representa indubitabelmente un dos persoeiros que o pobo galego non debería sentir como case un descoñecido, como unha persoa allea que aparece, ocasionalmente, nalgún libro de texto ou nalgunha efeméride de xornal. Asasinado polo chumbo da intolerancia só por defender a súa patria desde a razón e desde a palabra, desde a democracia e desde o compromiso, silenciado de maneira consciente polos poderes públicos mesmo na actualidade, ocultado o seu contributo profesional para o desenvolvemento económico da Galiza, faise preciso que o seu pensamento e a súa personalidade deixen de engrosar as sombrías gavetas da amnesia colectiva para así faceren parte da nómina daqueles homes e mulleres que levan construído a contemporaneidade do país nun arrítmico mais imparábel camiñar que parte xa de Sarmiento e de Feixoo.

  Máis un ano, quixemos reivindicar a figura de Alexandre Bóveda e a de todas aquelas persoas que coadxuvaron na rexeneración da Galiza e que perderon a vida por esa nobre encomenda. Foron mártires, con efecto, mais o seu martirio non foi en van e o seu  esforzo non foi de balde: á súa sombra, coa súa inspiración, naceron colectivos e organizacións de diversa índole que recolleron a luz do seu pensamento e a forza da súa verdade e que o proxectan na sociedade galega para aprimoraren o país. Pensamos en asociacións culturais, fundacións, organizacións sindicais, forzas políticas etc., que levantan a bandeira da dignidade no nome de Bóveda, Galán Calvete, Casal, Reboiras e no nome de todas as mulleres e homes asasinados ou represaliados polos fascistas a partir do ano 1936.

  Os actuais gobernos español e galego teñen provocado que os tempos presentes constitúan unha época de retrocesos en materia social, cultural e política, calibradamente pensados polos poderes económicos que obedecen a diversos nomes: a Troika, o Eurogrupo, o FMI,  a Eurozona... Amparándose nunha selvaxe crise socioeconómica que reflicte o insuceso do sistema liberal e as súas consecuencias máis daniñas para as maiorías sociais, eses gobernos tencionan varrer de vez todo aquilo que nos diferencia como integrantes do pobo galego. Así, no referente ao trato coas organizacións de cultura de base, e ao mesmo tempo que nos últimos anos se levan concedendo subvencións a asociacións culturais e veciñais de máis que dubidosa existencia e traxectoria, foron invalidados acordos e convenios consensuados hai ben tempo para desta maneira tentar que agrupacións como a nosa, como a AC Alenxadre Bóveda, deixen de facer labor sociocultural, embora sen o conseguiren: aí é onde lles proe, aí é onde lles máis doe. Temos a esperanza de que esta situación de recoxía intelectual e ética sexa capaz de mudar nos próximos tempos e que o asociacionismo de cultura de base, tan importante para a dinamización sociocultural do país, poida recuperar o que merece polo seu traballo desde hai xa varias décadas.

  Máis arriba referiámonos aos mártires representados na figura de Alexandre Bóveda desde o ano 1936, desde a sublevación asasina contra a legalidade democrática refrendada nas urnas. Mais tamén, presentemente, hai outros martirios que o pobo galego sofre e que tampouco poden ficar no esquecemento social. Un deles é o da súa lingua, martirizada con leis e decretos lesivos proxectados polos mesmos gobernos que teñen a obriga de a defenderen e de a promocionaren; como moito ben di a profesora María Pilar García Negro, “a lingua galega non está morta, está mortificada”, está martirizada, e queremos, como pobo galego, como AC Alexandre Bóveda, que deixe de o estar de vez; queremos a nosa lingua ben gastadiña polo uso, en todos os recunchos dos corazóns, en todas as esquinas, en todos os sitios de que foi varrida. Non pode haber país sen lingua e isto sábeno perfecamente aquelas persoas que a atacan, pois conbaténdoa feren a cerna máis íntima da nosa nación.

  Da confluencia entre lingua e paisaxe, da fusión secular nuns casos e (bi)milenaria noutros entre a xeografía e o idioma, abrocha a toponimia, a cal, por súa vez, leva sofrendo tamén un especial martirio, tanto na Coruña canto no resto do territorio. Aínda hoxe lemos e escoitamos nesta localidade barbarismos cal *Avenida de Arteijo, *Calle / Rúa Caballeros, *Calle / Rúa Ruanova, *Camiño da Jouxa, *La Moura, *La Silva, *Peñamoa, *Plaza de Orense, etc., en que se patentea obscenamente a hibridación co español; e aínda hoxe tamén achamos no rueiro coruñés outros microtopónimos que honran os amos da barbarie fascista, como Alférez Provisional, Cabo Santiago Gómez, General Mola etc. Neste sentido, convén aquí lembrarmos que a AC Alexandre Bóveda ten unha rica traxectoria na reivindicación e recuperación dos nosos nomes de lugar tradicionais, como dá boa conta diso a publicación da obra colectiva Aspectos da toponimia menor coruñesa (2014), en que, para alén dun servidor, participan autoras e autores cal Estefanía Mosquera Castro, María Pilar García Negro, Miguel Mato Fondo, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Xurxo Couto e Xurxo Souto.

  Outro dos martirios actuais na Galiza é o que sofren as mulleres que non poden decidir o que faceren co seu corpo para así conciliaren en liberdade a súa sexualidade coa vontade ou non de seren nais, vetándoselles o dereito á interrupción da gravidez cando quixeren e infantilizádoas propositadamente para non poderen exercer o tal dereito. A Igrexa máis deshumanizada, os sectores ideolóxicos máis terribelmente reaccionarios e a vontade de ter persoas escravas e servas nadas desas mulleres sen ter de as ir procurar ao estranxeiro acompaña esa horríbel estratexia demográfica. As mesmas mulleres sofren un outro martirio, moito vinculado ao anterior, cal é o da violencia machista, que cada ano deixa sen vida moitas persoas ás mans de homes de mentira, co corazón laminado de carraxe e de odio, como os fascistas do ano 1936; eses homes falsos, os que empregan a violencia contra as súas compañeiras, representan un degrao na evolución humana non dos máis notábeis e parece aínda non teren atinxido a verdadeira condición de seres humanos. A este respecto, unha parte do sentir tradicional leva xa condenado os tales terríbeis actos a través da coñecida sentenza “Quen bate na muller nin é home nin é nada”, a cal reproba con clareza a violencia machista. Que hipocrisía demostran as forzas políticas españolas cando arrubecen uns segundos para os medios de comunicación porque unha especie animal ou vexetal só conta cuns poucos exemplares (o cal, evidentemente, tamén representa un drama), mais cando, ao mesmo tempo, viran incapaces de impediren accións contra a dignidade das mulleres! Que hipocrisía mostran eses partidos políticos da España ao falaren de igualdade, de transparencia e de compromiso coa liberación da muller cando sistematicamente non adoptan medidas contra a súa propia militanza por declaracións ofensivas para a integridade psíquica e física das mulleres!

  Máis un martirio actual é o que leva desangrado o país en forma de emigración cualificada, isto é, millares de mozas e mozos cun alto nivel de formación académica que se ven na obriga de iren procurar un medio de vida a outros países porque neste, entanto que colonia do Estado español, non conseguen un posto de traballo. “A xente nova viaxa para coñecer mundo”, “O pobo galego é aventureiro”, “O pobo galego, como pobo celta, é unha nación que sempre gostou de explorar outras terras” ou “Se se van do país é porque non gostan del” son algunhas das máis recorrentes e estúpidas xustificacións que temos ouvido a representantes da política española para tencionaren conciliar o sono desas nais e deses pais que optaron nas urnas por ese tipo de estratexias ideolóxicas e que ven como os seus fillos e fillas teñen de ir a Berlín, Londres ou París para daren achado un posto de traballo, mesmo que sexa en precario. Obviamente, está relacionado con estoutra tortura o martirio proveniente das decisións adoptadas na España ou en Bruxelas conscientemente destinadas a acabaren cos nosos sectores produtivos estratéxicos, tales como o leite, a pesca, a construción naval, a industria cultural e aínda outros que poderiamos citar aquí; por acaso non enforman tamén mártires actuais esas labregas e labregos aos cales lles poñen unha multa por traballaren, por produciren leite? Non son igualmente mártires esas xentes do mar que teñen de sofrer, por exemplo, non poderen pescar xarda, mais que presencian como entra xarda norueguesa nos portos galegos até un posíbel total máximo de 500.000 toneladas?

  Estes son algúns dos feitos que máis dano fan ao pobo galego na actualidade. E con todos os seus mártires e as súas mártires a AC Alexandre Bóveda manifestou hai unhas semanas, como sempre, a súa máis profunda solidariedade e o seu constante compromiso. Se desde o ano 1936 e durante uns cantos a seguir a violencia se orientou contra Bóveda e contra outros moitos correlixionarios galegos, observamos como na actualidade existen diversas estratexias que traen consigo consecuencias terribelmente negativas para a Galiza, desenvolvidas con diferentes tipos de violencia orientados cara á cultura, a lingua, a identidade, os sectores produtivos... Mais as dificultades con que batemos no día a día do noso labor como AC Alexandre Bóveda non implican de seu unha derrota perenne, ben antes o contrario: tornan necesaria a reafirmación nos sinais identitarios do pobo galego, no orgullo de levarmos a bandeira da razón, na reivindicación constante de todo aquilo que se nos tenciona ocultar. Na celebración no Día da Galiza Mártir, na cidade ártabra da Coruña (localidade en que, lembremos, naceron as “Irmandades da Fala” hai xa case cen anos, a “Biblioteca Gallega”, a “Sociedad del Folk-lore Gallego”, a Real Academia Galega etc., e cidade que foi, ao mesmo tempo, residencia derradeira de Manuel María, socio de honra da entidade e activo colaborador dela), honramos hai unhas semanas a memoria da xente que deu a súa vida polo país. Honremos tamén a súa lembranza e o seu compromiso, tanto no día 17 de agosto como no resto do do ano, e non permitamos que os conxunturais empecementos que achamos diariamente na defesa da lingua e da cultura galegas nos transporten a unha singradura do desánimo. O futuro dará a razón a aquelas persoas que, como Bóveda, traballaron para construíren un país mellor -máis próspero, soberano, solidario e politicamente maduro, sen dependencias externas, nin de Madrid nin de Bruxelas-,  para decidiren e tracexaren o seu futuro. Os tempos vindeiros recoñecerán merecidamente aquelas persoas que eran ben conscientes de a solución non poder provir de fóra, por moita luz efémera que tiver, por moitos demiúrgos de certa luminosidade mediática que resucitan unha e outra vez para venderen o país a intereses espurios desde a diletancia da solaina pacega. O futuro, por tanto, non pode ser máis que noso, porque sabemos que canto maior for o inimigo maior será tamén a vitoria.    


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña