12:47 Xoves, 11 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-09-2015

Aquí preséntase o dilema de priorizar unha das dúas contradicións: a nacional ou a de clase

A liberación nacional é unha forma de liberación social

Valorar (33)

BAUTISTA ÁLVAREZ



Empezou polos que tiñan un sentimento nacionalista máis frouxo. Precisaban un esteo para arrimarllo a unha planta que non consideraban sólida para brear na política. Entendámonos. A pretensión de disociar a liberación social da que vai implícita na liberación nacional. Unicamente lles falta unha conxunción adversativa -pero, mais, non obstante- para expiar a culpa dunha ideoloxía mal vista polo sistema. Xa sei que non é así, pero esa é a interpretación á que nos conduce a redundancia. Pode prestarse a unha lectura equívoca. Nacionalistas si, pero de esquerda. Nacionalistas si, pero tamén preocupados polos problemas sociais. Así se manifestou un dirixente intruso, afortunadamente recluído agora no anonimato, cando foi entrevistado nunha televisión española. A miña experiencia de moitos anos nas lides políticas lévame á conclusión de que todos os partidarios de colocarlle adxectivos ao nacionalismo, á larga quedáronse cos calificativos e abandonaron o ideario adxectivado.

Deixemos os razoamentos políticos e quedémonos cos científicos. Social é todo o que é propio ou pertence á sociedade. Entón, a pregunta é a seguinte: ¿Constitúe a nación unha sociedade? Se negamos esta evidencia a discusión resulta inútil, pois o problema está na carencia de substancia gris no cerebro de quen mantén unha opinión contraria. Quizais inocentemente, pero os que incorren na tautoloxía de falar de "liberación nacional e social", se o erro non procede dunha tara cerebral, implicitamente están negando o caráter social da nación. O segundo termo establece diferenzas co primeiro. A redundancia, do meu punto de vista, é delatora. Trata de buscar reforzos para unha ideoloxía que non se considera dabondo sólida.

A incongruencia non sería tal se a "liberación social" fose acompañada de complementos. De clase, de xénero, de opción sexual. En fin; de todas as limitacións que empecen a libre actuación humana. A enumeración sería prolixa e sempre deixaría algunha fóra. Forman parte do programa político de cada alternativa, sen que por iso teñan que figurar no enunciado ideolóxico. Claro que existe unha fundamental e que se considera relevante. A liberación de clase. Cando se oculta este complemento estase evitando ser acusado de conivencia coa revolución socialista. Falando en prata, é o que vulgarmente se chama nadar a gardar a roupa. Unha ambigüidade calculada, propia dunha mentalidade pequenoburguesa que pretende pescar sen mollar as bragas.

A liberación nacional, a que defendemos os nacionalistas, ten forza dabondo sen que teñamos que recargala de aditamentos nin calificativos para darlle lexitimidade. Pero aquí preséntase o dilema de priorizar unha das dúas contradicións: a nacional ou a de clase. Nesta disxuntiva está a diferenza que nos separa dos marxistas dogmáticos e mecanicistas, interpretación a destes que o decorrer da historia refutou reiteradamente. A liberación de clase pasa pola nacional e non á inversa. Casos recentes son os de Angola, Mozambique ou Guinea-Bissau. Se Arxelia tivese que agardar para emanciparse á segunda revolución francesa -a proletaria- como pretendían os comunistas da metrópole- estaría aínda dominada polo cetro dos europeos. O patrón galo seguiría extraendo plusvalías nas fábricas da Kabylia. Facer depender a liberación dun pobo do protagonismo da base proletaria da metrópole é unha forma máis de imperialismo, como xa denunciara Lenin cando criticou a postura socialdemócrata europea con respecto á independencia de países asiáticos e africanos. E a socialdemocracia que o dirixente soviético censuraba era aínda revolucionaria, socialista. Non a que actualmente se define como tal, a que pretende lavarlle a cara ao capitalismo.

Independencia de Angola

Como trouxen a conto o caso das colonias portuguesas, non quero que por elas me vaia coller o lector nalgún renuncio. ¿Foi a Revoluçao dos cravos a que lle concedeu a independencia aos tres países, ou a loita destes a que provocou Abril? Non cabe dúbida de que a guerra das colonias contribuíu de maneira decisiva á caída da ditadura salazarista. O Movemento das Forzas Armadas xestouse nos cuarteis de África. Os militares puideron comprobar in situ que por alí se estaba escoando o sangue do imperio luso. A Revolución dos Caraveis limitouse a asinar unha capitulación honrosa, que de calquera xeito non tardaría en chegar coa derrota das levas de soldados que a ditadura seguía sacrificando na selva africana. Se non houbese a rebelión das colonias a PIDE seguiría torturando proletarios en Portugal.

O exemplo portugués paréceme que vén a xeito para disipar as confusións que neste momento bulen no cerebro dalgúns políticos galegos. Partindo da teoría de que o movemento nacionalista é feble, procuran alianzas con forzas estatais para transformar as institucións españolas e dótalas dun contido máis favorábel para nós. Miopía política. ¿Quen puxo a Constitución contra as cordas? ¿Foron acaso os socialistas académicos, os da toga ou os da coleta? Quen en verdade feríu de morte a lei fundamental foi, poñamos por caso, a Diada ou o referendo plebiscitario de Cataluña. O seu cuestionamento partíu da periferia e non do centro, e os que desde España cuestionan agora a súa virtualidade intentan novas fórmulas para perpetuar o Estado único. Procuran unha reforma que lles permita contrarrestar as tendencias emancipadoras que desde hai un século pulan dentro do Estado plurinacional. ¿Onde está a esquerda, esa que algúns escolleron de madriña, a que no ano 78 tragou un texto que proclamaba como principio a economía de mercado? ¿Quen se opuxo ao título oitavo, o da barra libre instalada no bar da Constitución, para repartir café descafeinado para todos? Entre outros, os nacionalistas de Sabino Arana, considerados reaccionarios e racistas pola esquerda fina e ben pensante. Nunca escarmentamos. Parece mentira que os galegos, que temos a Portugal tan cerca, nos matriculemos nos cursiños políticos que desde Madrid imparten por correspondencia. A ver se o metemos na chola. Non foi Portugal a que liberou as posesións de África. Foron estas as que lle deron a estocada á ditadura portuguesa. O Estado español non o van rebentar as acometidas procedentes do Congreso dos Deputados. Serán os golpes que logremos asestarlle os nacionalistas vascos, cataláns e galegos, todos unidos. Da progresía española nada podemos agardar.

As ideas vanse enleando como as cereixas cando as sacamos do cesto. A pretensión inicial deste artigo era desfacer a falsa dicotomía existente entre liberación nacional e liberación social. Terminei falando da Revolución de Abril en Portugal. Para que o lector non se vaia polas tanxentes que aparecen ao largo do escrito vou intentar volvelo ao rego. A incongruencia de considerar a liberación nacional diferente da liberación social debe eliminarse do discurso nacionalista. Pode prestarse a erros.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña