08:13 Martes, 16 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-09-2015

Loitaremos por un Estado capaz de a conceder e de recoñecer que viñemos a este mundo para sermos galegas-galegos de pleno dereito e non submercenarios baratos de ninguén

Cidadanía galega

Valorar (35)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO



O artigo 149.2 da Constitución española vixente estabelece a competencia exclusiva do Estado en materia de nacionalidade, inmigración, emigración, estranxeiría e dereito de asilo. A única nacionalidade legal e recoñecida é a española, e mal soporta a semántica non falaz que se utilice o termo “nacionalidades” (sucedáneo de “regiones”) para se referir ao tabú: o termo ‘nación’ aplicado a Galiza, Euskadi e Cataluña. Serían elas, na primeira vaga do vocabulario camuflador (hoxe xa abruptamente substituído por “regiones”, “autonomías” ou “comunidades autónomas”), “nacionalidades históricas”, nun uso calculado do substantivo que noutras linguas servíu para definir ou caracterizar as nacións sen Estado. Mais, en todo caso, na súa acepción primeira, insistimos, a única nacionalidade legalmente posíbel no statu quo xurídico-político actual, é a española. De aí deriva que todos os que e todas as que posúen este dereito sexan cidadáns-cidadás españois. A concesión da cidadanía española a quen non a posúe por nacemento e dependencia do Estado, está regulada por lei. É ampliábel (recentemente, aos sefardíes, por exemplo), mais non substituíbel.

Esta semántica primeira esqueceuse cando se comezou a usar “cidadanía” como colectivo agrupador de cidadás e cidadáns (para evitar, supoño, a mención explícita e algo cargosa de masculino e feminino gramaticais), nunha mudanza que non achega nada, coido, á comprensión dos fenómenos políticos nen moito menos á realidade social e económica galega. E é que non hai nada inocente nas modas lexicais nen na importación e bombardeo de novos (¿?) clixés. Decretado tacitamente o desaparecemento das clases sociais e, por tanto, de conflitos por elas determinados; redobrado o ataque contra o nacionalismo galego, que deixa expedito o camiño para que non se fale da nación e da súa especificidade; decidida a obriga de gobernar para as “persoas” (aínda ben que non se inclúen simios, pre-homínidos ou primates en xeral), sen que tal redundancia faga enrubiar a ninguén; glorificado o termo de “xente”, elevada a un pedestal a que nunca puido subir no actual estado de cousas…; tendo, en fin, banalizado e demagoxicamente simplificado o arsenal de fórmulas a impartir e a repetir incansabelmente, o resultado está á vista: xa ocupan asento permanente no vocabulario político galego todos eles. Fóra povo; fóra nación; fóra clases sociais; fóra programas (agora cómpre dicer, en bárbara tradución do anglicismo “folla de rota” ou de “ruta”).

O seguidismo está servido, pois vivemos nunha sociedade profundamente obediente. Unha fonte desta obediencia é a tradicional, a que nos marcou secularmente, a que converteu a xenerosidade en servilismo, hospitalidade en xenoestima, a que nos aprendeu a rir de nós mesmos e a desprezarnos vilmente. Unha outra, hoxe a máis visíbel, é a derivada dun aumento exponencial do gregarismo (globalización mediante), falemos de modas indumentarias (perdón: “tendencias”, de barbas, de animais domésticos (agora obrigatoriamente chamados “mascotas”), do uso desnecesario do inglés ou, naturalmente, das opinións políticas que cómpre  manter. O papel que antano, e con grande eficacia, desempeñou a Igrexa Católica, cúmpreno agora os grandes meios de comunicación, escritos, radiais e televisivos: consignismo ideolóxico e moral, e o seu correlato léxico. É tan contundente esta sobredeterminación, inclusive no uso do galego, que admira que non sexa obxecto dalgún comentario por parte dos entendidos na materia.

Mais voltemos á cidadanía. Na semántica orixinal que defendo, a lóxica lévanos a un outro camiño, a unha outra viaxe política. Para haber cidadanía galega, ha de haber quen a outorgue e a regule legalmente, isto é, debe haber un Estado galego. Se a Galiza é unha nación (e non unha rexión, un anaco peculiar, un subconxunto ancilar dentro dun conxunto soberano), lóxico é que aspire a dotarse dunhas institucións públicas soberanas como as que caracterizan un Estado na súa definición xurídica. Se as palabras, en fin, teñen algún sentido, valerán para delas derivarmos as consecuencias oportunas. Do contrario, serán cascas baleiras para captación de incautos. Vale isto en xeral e vale no longo e premioso período pre-eleitoral que estamos a viver. ¿Que significan acaso “suxeito político”, “soberanía”, “grupo parlamentar autónomo”? En comparanza histórica, que opinaríamos as mulleres se se nos dixese que para conseguir o noso progreso deberíamos voltar, no caso das casadas, a pedir permiso ao home para abrir unha conta bancaria, vender unha leira ou escriturar unha propriedade? ¿Ou é que hai quen crea que a liberación feminina será a derivada automática da liberación masculina xeral e que unha vez conseguida esta, por milagre non escrito, por desprendida doazón, a igualdade estaría garantida?

Hai case cen anos, os primeiros nacionalistas do século XX (I Asemblea Nacionalista, celebrada en Lugo, en Novembro de 1918), estabelecían no manifesto aprobado as facultades do Poder Galego. Así chamado. ¿Precisaremos acudir  -máis unha moda/imposición-  ao “empoderamento” de non se sabe quen (de novo, tradución directa do sagrado inglés, pai de todas as novidades do mundo mundial) cando de maneira directa, clara e sinxela xa o temos expresado na lingua de noso? Suxeito, verbo e predicado eran as nomenclaturas da sintaxe tradicional para a oración ou frase básica. Será ben aclararmos: quen definimos como suxeito de decisión política; para decidir que; libre ou subordinadamente. Independencia de criterio ou supeditación. En suma, sermos substantivo  -se continuarmos co mesmo símil morfosintáctico-, adxectivo ou complemento circunstancial. Destas dúas últimas está chea a historia contemporánea da Galiza e así nos foi.

En definitiva, a cidadanía galega aínda está por conquistar. Se aspirarmos a ela, loitaremos por un Estado capaz de a conceder e de recoñecer que viñemos a este mundo para sermos galegas-galegos de pleno dereito e non submercenarios baratos de ninguén.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña