02:12 Mércores, 06 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-09-2015

Cando chegan a Galiza especies doutras latitudes, se as condicións son extremas, a súa viabilidade é difícil ou mesmo imposible

Cambio climático, porta para novas bioinvasións

Valorar (10)

ALFREDO LÓPEZ FERNÁNDEZ


Véspera asiática (Vespa velutina)


Falabamos de extincións na anterior achega e mesmo podemos estar falando de algo parecido cando introducimos o factor do cambio climático ou das especies invasoras.

A excesiva proliferación dun ser vivo a causa da introdución nun lugar de onde non é orixinario considérase unha bioinvasión. Non sempre acontece así, pois en moitos casos a especie introducida sucumbe diante da imposibilidade de adaptación ás novas condicións ambientais.

Cando chegan a Galiza especies doutras latitudes, se as condicións son extremas, a súa viabilidade é difícil ou mesmo imposible, é o caso da chegada dos lobos mariños de capelo (Cystophora cristata), unha especie de lobo mariño que nace e vive nas augas circumpolares xeadas, con colonia a reprodutoras en Terranova. Excepcionalmente, algúns anos, os xuvenís distribúense ao longo de todo o océano Atlántico Norte, baixando ata Florida ou Marrocos, é neses anos nos que durante o verán ou outono chegan ás augas galegas. As augas nas que se atopan nese momento resúltanlles demasiado quentes e buscan fresco nas costas con afloramento mariño, que é a ascensión cara á costa de auga profunda, rica e fría. Isto acontece no verán dende Galiza ao Sahara, e nese momento esas augas teñen menor temperatura, mais aso focas procuran u acougo que non acadan, ese é o motivo de que rematen morrendo a causa dun golpe de calor, malia os esforzos das unidades de recuperación. Eis un clarísimo caso de inadaptación a unhas condicións ambientais diferentes.

Mentres, noutros casos, as especies están menos especializadas, proceden doutros lugares ou continentes con latitudes semellantes e con condicións ambientais parellas, é por iso que a súa adaptación é ben doada de asumir, e, sempre e cando non haxa depredadores ou microorganismos que os ataquen, son quen de sobrevivir e proliferar gañando novos territorios moi rapidamente para o seu asentamento. Este é o caso de multitude de especies animais e vexetais que foron introducidas por diferentes motivos: como explotación (eucalipto, ameixa xaponesa), ornamentación (plantas de xardín ou decorativas), ou mesmo que acompañaban a outras especies introducidas (parasitos dos bivalvos, escarabello do eucalipto).

Ata hai uns anos non se fixo caso desta situación agás casos puntuais onde estas especies afectaban á produción, como é o caso dos parasitos ou infeccións dos bivalvos ou do eucalipto, mais hoxe en día están a significar un verdadeiro problema que mesmo está a poñer en xaque o equilibrio natural da nosa contorna.

Unha cousa é que a proliferación da especie foránea ocupe un nicho baleiro e chegue a desprazar a outras especies coas que compite en mellores condicións, como o caso do visón americano (Neovison vison) introducido como explotación peleteira e que accedeu ao medio fuxindo das granxas ou sendo liberado por animalistas baixo principios pseudoecoloxistas. Esta especie ocupou as ribeiras dos ríos, baleiras nos anos 80-90 de lontras e desprazando ao resto dos pequenos mustélidos cos que compartía espazo como o furón (Mustela putorius), a doneciña (Mustela nivalis) a algaria (Genetta genetta) ou a martaraña (Martes martes).

Mais a situación realmente grave é a chegada de novas especies que ameazan plenamente o conxunto dunha especie sobre a que viven ou mesmo as especies sobre a que depreda, neste caso falamos da praga da bolboreta do buxo (Cydalima perspectalis) e da véspera asiática (Vespa velutina). No primeiro caso, o dunha bolboreta aparentemente inofensiva, as súas larvas presentan unha tremenda voracidade e proliferación, que provoca unha ondada sucesiva de catro xeracións de vermes anuais sobre o mesmo espazo, desposuíndo totalmente a árbore de follas e non permitíndolle recuperarse. No segundo caso, un abellón agresivo e voraz que xera unha colonia de milleiros de exemplares e devora colmeas de abellas enteiras en poucos días, o dano secundario neste caso é a confusión co abázcaro (Vespa crabro), sendo destruída esta segunda especie por confusión coa asiática. Curiosamente a véspera asiática é depredadora da bolboreta do buxo, mais aínda non se decatou de que xa está sorbe os nosos buxos e gorenta mellor as abellas.

Estas especies chegaron para quedarse, e é tal a confianza da humanidade en si mesma que minimiza todos os impactos das bioinvasoras nun "aí nolas dean todas", inconscientes de que en pouco tempo podemos estar falando da extinción, ao menos local, das vítimas desas agresivas invasoras que chegaron para adaptarse aos novos tempos e espazos.

As portas están abertas, o cambio climático aumenta as posibilidades da adaptación e proliferación, ademais das que xa están virán outras que atopen nas novas condicións ambientais o seu nicho para construír unha contorna, non sei se mellor ou peor, mais diferente.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña