11:37 Martes, 24 de Outubro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-08-2015

O futuro da Galiza non se escrebe con F, mais con S... de soberanía

Con F de... fodido

Valorar (48)

ROBERT NEAL BAXTER



Após varios séculos de colonización por parte de Ejpaña, hoxe por hoxe Galiza ten a dubidosa distinción de encabezar non só o Estado mais tamén o resto do mundo en canto ao envellecemento da populación.

Xa en 2009 advertíase que o noso país envellecía a unha velocidade catro veces maior do que a media estatal, chegando a destacar hoxe como un dos povos más envellecidos do planeta. Así, no final da década, estímase que un/ha de cada catro galeg@s superará os 65 anos segundo as previsións do Instituto Galego de Estatística.

Non digo que @s vell@s non deban de namorarse, mais o relevo xeracional só virá das persoas en idade fértil, e ao paso que imos van acabar sendo tantas as que viven fóra como as que fican na terra.

A queda demográfica de case 5% proxectada entre 2012 e 2022 é alarmante e preocupante, ao representar unha perda de 129 324 persoas, isto é máis que a suma do número de habitantes de Pontevedra e Narón. E se ben non hai ningunha parte do país que escape a esta tendencia, é un drama que afeita sobretodo o mundo rural, levando ao despoboamento paulatino e incesante de grandes áreas do interior da Galiza, roendo pouco a pouco a nación inteira como un cáncer.

Con F de... por fin


Trátase dun dos síntomas máis evidentes e prementes da subxugación que sofre a Galiza. Ora non é máis que iso: un síntoma. O verdadeiro problema de fundo vén sendo o espolio dos nosos recursos humanos, naturais, agrícolas e enerxéticos en beneficio do corazón do Reino sen atender os intereses do proprio país. Colonización en estado puro.

O nacionalismo galego xa leva anos advertindo do devalo da populación e as súas consecuencias a curto e medio prazo. Tarde piaron os esbirros de Ejpaña na Xunta que finalmente deron coa brillante idea de lanzaren unha campaña propagandística tan fútil como fraudulenta sob o lema O futuro escríbese con f.. de fillos [sic.], que pregoa: “Ter ou adoptar fillos é escribir o teu futuro e o de todos os galegos [...] Galicia é un bo lugar para ser nai ou pai”. De verdade? E logo a culpa será d@s galeg@s por se negaren a se reproducir en tan óptimas condicións, non é?

Con F de… falcatruada fracasada


Acho que a campaña está condenada ao fracaso xa de entrada, pois moito me temo que a xente en idade de procrear –e sobre todo as mulleres a quen lles tocar a xestación e o máis que probábel coidado posterior da súa prole– non se van pór a foder a pelo para teren cantas máis crianzas mellor. Por moito que se puider pensar o contrario, os rapaces e raparigas do país son bastante máis responsábeis que quen @s incita a se lanzaren nesta aventura tan à lixeira. En todo o caso, a min non me consta nengún caso entre as persoas que eu coñezo…

Con F de… falocentrismo franquista

Con claros matices retrógrados e reaccionarios que non deixan de lembrar o conceito da familia como piar do réxime franquista, a banda sonora do vídeo que acompaña a campaña reza: “Ter fillos [sic.] é o maior reto persoal e colectivo dos galegos [sic.]”, ocultando, como se fose pouco, que son as mulleres quen paren e, aínda hoxe, na maioría dos casos a quen corresponden as tarefas de coidar das crianzas. Dedícanse a arrebatar às mulleres o direito de decidiren sobre o seu proprio corpo co proxecto de contra-reforma da lei do aborto, e aínda así non dan resolto o problema da natalidade.

Con F… de fachendosa falacia

É unha falacia que problemas tan arraigados se poidan amañar con ‘solucións’ tan frívolas como un par de cartaces nas paradas de autobuses e un par de cuñas radiofónicas, tan fatuas como faltas de eficacia.

Será, pois, que existen motivos reais que fan que a xente opte por non traer nen@s a este mundo onde o futuro dista de ser tan idílico como nolo queren pintar. Talvez sexa porque os que incitan a ter fill@s son os mesmos que reducen ou eliminan as axudas para persoas con menores ao seu cargo.

Con F de… hai que foderse!


Señores da Xunta: o problema non son @s galeg@s que teiman en deixar a Galiza orfa ao se obstinaren a ficar sen fill@s. O problema é que se non se analizan as causas reais de calquer problema, dificilmente se pode atopar una solución eficaz e duradeira. A culpa non é de quen pode –mais non quer– ter fill@s: antes hai que entender as razóns obxectivas que fan que a xente xa non se anime a tel@s.

E non, a culpa non é de todas estas mulleres egoístas que antepoñen a súa carreira profesional ao seu deber reprodutor. Primeiro tería que haber traballo, sabendo que as mulleres cobran salarios 72,3% máis baixos do que os homes (sendo os salarios na Galiza en xeral dos máis baixos do Estado) e padecen unha taxa de desemprego máis elevada e que en 2013 cada día unhas 30 mulleres perdían o seu traballo. A isto hai que sumar a falta de mecanismos efectivos para garantir a compaxinación da vida privada e da vida profisional, para que non pese sobre a cabeza das mulleres o temor de perderen o traballo por ficaren grávidas ou por quereren dar o peito, ou por pediren a redución da xornada laboral, etc. U-las prazas de gardarías públicas? U-las axudas? Ao parecer non hai máis que facilidades nesta utópica Galiza do PP para animar calquer muller a ser mai...

Con F de... farsa faltón


Parece unha broma do pior gosto ter que aturar a mensaxe de que @s nos@s fill@s de hoxe serán as médicas, emprendedores, futuros investigadores, futuros profesores e gandeiras de mañá, neste futuro tan brillante que lles agarda.

Cantas prazas saen todos os anos na sanidade pública galega? Cant@s enfermeir@s (a maioría mulleres) se vén obrigad@s a emigrar à procura dunha vida digna? Investigadores para traballaren onde, na Alemaña? Profesores nos cada vez menos centros nas zonas rurais, vítimas da desertificación? Gandeiras para produciren leite para que llelo compre a agroindustria leiteira por debaixo do custo de produción? Máis lle valía à Xunta negociar de verdade para manter os nosos sectores de produción chaves no canto de lanzar cantos de serea polas ondas da CRTVG.

Os problemas que habería que resolver primeiro son os o desemprego, que duplica a media da UE (21,7%), e especialmente o desemprego xuvenil, por encima do 50%, a precarización laboral, os desafiuzamentos, a pobreza enerxética, o desmantelamento dos nosos sectores produtivos e a emigración, coa marcha de máis de 200.000 persoas desde o 2007, a suma da poboación das cidades de Ourense e Lugo.


Con F de... fart@s!

O problema non somos nós. O problema é Ejpaña. Estamos fartos de sermos unha colonia e a única vía para remediar todos estes males pasa por rachar coas relacións de dependencia tan perniciosas para a Galiza.

O futuro da Galiza non se escrebe con F, mais con S... de soberanía.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


[03-09-2015 09:29] Galician State comentou:

Moitos dos argumentos expostos neste artigo son certos. Sen embargo, hai que ter en conta un dato, a tasa de fecundidade galega é das máis baixas do mundo. Isto supón que, sen necesidade de ir a Palestina, en zonas máis pobres e con máis dificultades que Galicia, as mulleres anímanse a ter máis fillos. Por exemplo, Andalucía ou Extremadura.

Por suposto, en lugar de pagar campañas de dubidosa utilidade, a Xunta debería aumentar o número de prazas de gardería, ou aplicar unha política fiscal máis favorecedora para que ten fill@s e máis penalizadora para que non os ten.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal