22:09 Venres, 14 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-08-2015

Florencio Pol Ramos España naceu en 1824. O 16 de abril de 1852 obtén real cédula co oficio de escribano en Ordes

Florencio Pol Ramos: un espiritista, teósofo e librepensador na Galicia do século XIX

Valorar (13)

CARLOS PEREIRA MARTÍNEZ



Florencio Pol Ramos España naceu en 1824. O 16 de abril de 1852 obtén real cédula co oficio de escribano en Ordes. (El Clamor Público, Madrid, 30-4-1852; La España, Madrid, 30-4-1852; El Heraldo, Madrid, 30-4-1852). Exercendo esa profesión de notario público en Ordes encontrámolo nos Anuarios del Comercio, de la industria, de la Magistratura y de la Administración, de Madrid, nos anos 1882, 1883, 1885, 1886, 1887, 1894, 1897…

Casou con Francisca Caamaño e Quiroga, tendo a parella, que saibamos, os seguintes fillos: Sofía, Julio, Carlos, Carmen e Clotilde Elisa. Carmen, Julio e Carlos formaron parte da masonería: os tres, na loxa “Progreso Nº 39” da Coruña; Julio, tamén da “Gran Logia Provincial nº 1” e Carlos, ademais, foi Venerable Mestre de “Amor Universal nº 32” de Ordes, formou parte da loxa compostelana “¡Paso a la Verdad nº 81” e foi un dos promotores da Federación de Loxas Independentes de Galicia.

En Ordes financiou e promoveu a construción dun cemiterio civil gratuíto. Foi tamén un grande estudoso da Biblia.

Coa chegada da I República, participa na constitución dun comité federal na localidade, que quedou composto así: presidente: Florencio Pol, vicepresidente: Ramón Patiño, secretario: Francisco Caamaño, vicesecretario: Félix Ruano. (La Discusión, Madrid, 26-4-1873).

É nestes anos cando aparece vencellado ás correntes espiritistas. O 26 de agosto de 1873 presentouse nas Cortes Constituíntes unha proposición de lei redactada por un grupo de seguidores, composto por deputados, escritores e científicos, -entre eles Florencio Pol-, para que o espiritismo fose aceptado como asignatura de ensinanza nas aulas españolas. A proposición, que ía defender o deputado Navarrete, non se chegaría a debater debido ao golpe de estado do xeneral Pavía do 3 de xaneiro de 1874.

Forma tamén en 1873 un Grupo espiritista en Ordes, difundindo esas ideas na prensa: “El Presidente del citado grupo, el infatigable propagandista D. Florencio Pol, ha publicado en El Telegrama, diario de la Coruña, varios trabajos filosófico-espiritistas, venciendo la resistencia que las publicaciones periódicas suelen oponer siempre á la inserción de escritos espiritistas. Reciba nuestra enhorabuena el infatigable apóstol.” (El Espiritista, outubro de 1878, páx. 205).

Efectivamente, o propio Florencio, nun artigo en Sophia de outubro de 1901, sobre o tema “La vida universal”, menciona que en 1874 publicara en El Telegrama sobre idéntico tema.

O Grupo, ante o conflito que tiña xerado divisións no espiritismo español debido a uns experimentos realizados polo Grupo “Marietta” de Madrid, que presidía o vizconde de Torres-Solanot, un dos persoeiros do movemento, apoia a este, o mesmo que farán os outros grupos galegos (Coruña e Santiago). Florencio envía un escrito fraternal ao vizconde, datado en Ordes o 7 de decembro de 1878. Cualifica ao grupo de Ordes, do que forma parte, “de individuos rescatados de las prisiones del fanatismo”, que constituíron o grupo “obedeciendo á la irresistible potencia de la fé racionalista”. Traslada o seu apoio ao Centro Espiritista, ao grupo “Marietta” e a cantos “se resignan á afrontar toda suerte de martirios por la investigación y propaganda de la verdad”. Cre que o escándalo que houbo, e a escisión de El Criterio Espiritista, servirían para separar a cizaña do trigo, logo do tempo da sega, “porque las sales entonces de esas cenizas, los desengaños del escándalo y enseñanzas de cualquier acto, sirven á la germinación, desarrollo y esmerado cultivo de toda buena semilla; mediante todo es, todo está y todo se regenera en todo y forma parte del todo, por la constante acción de trasmutación progresiva, desde la más próxima á la más remota semejanza de sus elabonados infinitésimos, componentes del absoluto infinito”. Non quedaba máis que depurarse, para ensanchar a afinidade e purísimo amor que encerraba un lema cristista: “Todos para Deus e para todos, no maior espírito de verdade”. (El Espiritista, decembro de 1878, páxs. 270-271).

Non descoida Pol o seu compromiso republicano. O 1 de marzo de 1886, datada en Ordes, envía unha carta de adhesión a Ramón Chíes, director de Las Dominicales del Libre Pensamiento, no que se identifica como correlixionario federalista e expresa “mis fervientes votos por la inmediata Unión y elevación á las gradas supremas del Estado de las eminencias y huestes republicanas, bajo comunidad de principios y formal compromiso de sostener, como una sola fuerza, cualesquiera ulterioriores estatutos sancionados por la voluntad nacional; á fin de estirpar el cáncer gubernamental, la ignorancia, la subversión y la inmoralidad que corrompen la conciencia y corroen las entrañas de esta nuestra amada patria; y levantar su nombre á la altura á que tan seculares y rudas pruebas le tienen hecho acredora. (Las Dominicales del Libre Pensamiento, Madrid, 13-3-1886). Ao ano seguinte encontrámolo facendo unha aportación de 5 pta, nunha colecta a prol da Asociación Benéfica para socorrer aos presos e emigrados políticos republicanos. (La República, Madrid, 28-7-1887).

En 1888 manda a súa adhesión persoal ao Primeiro Congreso Internacional Espiritista, celebrado en Barcelona en setembro dese ano, e no que tamén estaban representados o Centro Espiritista de Lugo e os Grupos Espiritistas de Santiago e Ferrol. (www.espiritismo.es).

Outra das súas iniciativas en Ordes foi a fundación dunha Sociedade de Excursións científicas, que presidiría, e da que temos noticia en 1890. Unha das excursións realizouse á torre e mira da montaña e meseta de Bazarelos, no concello de Cerceda. Esta excursión organizábase baixo a presidencia honoraria do ex deputado Antonio del Río Castro e a efectiva de Florencio. Segundo informa a Gaceta de Galicia, que felicita a Pol e á directiva por estas iniciativas culturais, poñéndoas como exemplo para outras vilas, tivo moitos inscritos. Na relación que dá o xornal puidemos detectar que algúns eran membros da loxa masónica “Amor Universal nº 32” de Ordes, que presidía o seu fillo Carlos. (Gaceta de Galicia, Santiago, 9-6-1890). Non foi a única excursión, xa que pensaban celebrar pouco despois outras dúas, unha ás torres de Mesía e outra ao Pico Sacro. (Gaceta de Galicia, Santiago, 10-7-1890).

En 1890, na editorial Daniel Cortezo y Cía de Barcelona, publica un folleto de 24 páxinas, de temática espiritista: Inexistencia de la materia y existencia y modos vitales del Absoluto Ser. Su palmaria y sencilla demostración filosófica, biblio-filosófica y etimológica.

Ao ano seguinte, 1891, como el mesmo comentará tempo despois, achégase á teosofía. Como salienta Vicente Penalba Mora en El orientalismo en la cultura española del primer tercio del siglo XX. La Sociedad Teosófica Española (1888-1940), (Universidade Autónoma de Barcelona, 2013, páx. 61), na primeira fase de instalación da entidade Florencio Pol distribuía na Coruña o folleto ¿Qué es la Teosofía? e dous da súa autoría, Inexistencia de la materia, antes citado, e Luz, do que nada máis sabemos.

Nestes anos sufre Florencio dúas terribles perdas: a da súa esposa, Francisca Caamaño Quiroga, que falece en Ordes o 17 de setembro de 1892, aos 70 anos de idade, e que, “dando prueba elocuente de sus convicciones racionalistas, dispuso en repetidos testamentos su entierro civil, que así se verificó en su finca de Laranxal” (Las Dominicales del Libre Pensamiento, Madrid, 30-9-1892), e a da súa filla Clotilde Elisa, mestra en propiedade da escola incompleta mixta de Parada, en Ordes, que faleceu en decembro de 1893 (Gaceta de Galicia, Santiago, 15-12-1893; El Día, Madrid, 18-12-1893). Pol comunicará a nova: “Con palabras de hermosa resignación cristiano-espiritistas nos participa desde Órdenes D. Florencio Pol, el fallecimiento de su hija Elisa. (Las Dominicales del Libre Pensamiento, Madrid, 12-1-1894). E a revista Sophia publica unha pequena necrolóxica, na que o trata de “querido hermano” e na que expresan que non son precisas frases de consolo para el, “pues una y otra vez ha demostrado que se halla por encima de nosotros en el conocimiento y sentimiento de la ley del Karma”. (Sophia, xaneiro de 1894, páx. 19).

Publicará nestes tempos dous libros. En 1892, El Secreto Redentor, según Roma Redimida/ ó /El fin de todo ser, és ser absoluto ser/ Doctrina teosófica de absoluta verdad/ su revelación, en su palmaria demostración/ y en sus aplicaciones, la sabiduría y la bienaventuranza, na Tipografía La Gutemberg da Coruña. E no verán de 1893 sae do prelo Evidencia de la reencarnación, publicado pola revista de estudos psicolóxicos La Irradiación. Varios medios fixéronse eco desta publicación. (El Liberal, Madrid, 10-7-1893; La Fraternidad Universal, nº 7, xullo de 1893, páx. 112; Actualidades, Madrid, xullo de 1893, páx. 323). Outro, fai o seguinte comentario: “Evidencia de la encarnación (sic), por Florencio Pol. 25 céntimos. Extracto de la primera parte de una obra en bosquejo, muy amena y entretenida, como que siendo espiritista de buena fé, puede servir para pasar el rato ó dormir la siesta. (El Día, Madrid, 17-7-1893). En Sophia reseñárono na sección “Bibliografía”. Dicían que o libro era un extracto da primeira parte dunha obra en bosquexo que pensaba publicar o seu autor, e nel, “después de una sentida evocación al Yo superior”, probaba a evidencia da rencarnación ante a conciencia, valéndose de elevados conceptos metafísicos e desenvolvendo nos seus primeiros parágrafos “las ideas fundamentales de la teoría reencarnacionista, cuales son las diferenciaciones del ABSOLUTO SER en sus modos de realidad é ilusión, mutabilidad é inmutabilidad, co cal o autor facía ver a necesidade da existencia real e inmutable, desechando o falto e transitorio, que era o que inducía ao erro aos antireencarnacionistas. Remataban felicitando ao autor pola súa obra e incesantes esforzos en propagar a luz da verdade, que era o obxecto da Teosofía. (Sophia, agosto de 1893, páx. 196).

A comezos de 1895 publica en dúas entregas, en La Democracia, de Ferrol, o artigo titulado “La medicina racional y omnicurativa”. (Sophia, marzo de 1895, páx. 106).

O seu traballo continúa. Nunha carta, remite a acta da primeira sesión na que quedara constituída o 15 de setembro de 1895 a Rama Teosófica de Ferrol, sendo nomeado presidente Ángel Monriz Balado e secretario Adolfo Manzano López: “Felicitamos al Sr. Pol y demás miembros de la Sociedad Teosófica de la Coruña por el acuerdo tomado, constituyéndose en Rama, lo cual ha de prestarlos mayor fuerza, aun cuando también aumente su trabajo”. (Sophia, outubro de 1895, páx. 358).

Tivo igualmente sona de realizar curacións por “magnetismo”. O primeiro caso encontrámolo nunha carta que varios veciños de Ordes envían a Sophia, datada o 8 de abril de 1895. Nela din que a veciñanza viña observando a diario, había moitos anos, as curacións magnéticas realizadas por Pol, que nin sequera consentía que lle desen as grazas, xa que, argumentaba, debíanse a Deus. Relataban a continuación a recente curación dunha nena de nove anos, Manuela Paz Sande, paralítica de ambas as dúas pernas, que fora levaba polos seus pais a Ordes o 30 de marzo, para que a vise Pol. Este mandou que lle quitasen escapularios, escritos, medallas e cantos amuletos tiña e comezou a magnetizala, dicíndolle pouco despois que podía botarse a andar. Pero a nena non se atreveu e regresou á pousada nos brazos do seu pai, que máis tarde buscou outro aloxamento próximo á casa de Pol. A nai lembrou ao día seguinte que esquecera quitarlle os cordóns duns Santos, cousa que fixo, e foi comunicarllo a Pol, que se achegou a facerlle outra pequena magnetización, marchando logo para a súa casa. Pouco despois, correron en busca del a nena, curada, e os pais, chorando de emoción. Contábase que a nena fora tratada de ataques epilépticos polos mellores médicos, sen resultados satisfactorios.

Os veciños que asinaran a carta foran Juan José Troche, Manuel Ruano, Félix Ruano, León Rodríguez, Andrés del Río, Miguel Suárez, José Filgueira e Jaime Rapela. (Sophia, maio de 1895, páxs. 178-179).

Outra sonada curación tivo lugar a finais de 1897. Convalecente dunha gripe, regresaba a Ordes logo de pasar mes e medio visitando aos seus correlixionarios en Madrid cando tivo que baixarse do tren en Monforte. A publicación El Eco de Lemos fíxose eco desta visita: “se ha detenido en esta ciudad, y se encuentra entre nosotros desde anteayer, el reputado magnetizador D. Florencio Pol, cediendo á instancia de varios enfermos que deseaban someterse á su tratamiento”. A nova espallouse como o lume, chegaron doentes mesmo de Ourense e na vila concentráronse centos de pacientes. Houbo que buscar un lugar espacioso, cousa da que se ocupou o alcalde, que fora curado tempo atrás polo notario de Ordes. Florencio tivo que magnetizar milleiros de botellas e, como non daba feito, “nuestro amigo tuvo que concretarse á pasar por entre la multitud con las manos extendidas sobre los pacientes”. Un deles era un antigo empregado da estación de ferrocarril, eivado. Ante a fe que revelaba coa súa actitude, Pol ergueuno e púxoo en pé, mandándolle que camiñase, cousa que fixo, para asombro da concorrencia. Mesmo, como recolleu La Voz de Galicia, algúns quixeron cortarlle os baixos do abrigo para facer, con tiras da tea, pequenos amuletos. (Sophia, xaneiro de 1898, páxs. 20-22).

Como destaca Joseba Louzao Villar en “Los idealistas de la fraternidad universal. Una aproximación a la historia del movimiento teosófico español (c. 1890-1939)” (Historia Contemporánea, nº 37, 2011, páxs. 501-529), a teosofía estivo integrada, a partir de conexións non só ideolóxicas e culturais, senón tamén persoais, con outros movementos sociais da época que tentaban dar resposta á crise de civilización que se estaba vivindo, como o vexetarianismo, o esperantismo ou as correntes de renovación pedagóxica. Tamén converxeron na teosofía moitos interesados polo pensamento oriental e o espiritismo. Un exemplo era Pol, que defendía o estreitamento dos lazos entre ambas as dúas doutrinas e que se preguntaba: “¿no ha motivado el actual advenimiento y renacimiento teosófico el refinamiento, el complemento y la coronación del Espiritismo, su precursor, en la Teosofía?”

Teósofos e espiritistas compartiron espazos e relacións interpersonais. Durante as primeras décadas do XX eran as propias sociedades espiritistas as que invitaban a dar conferencias nos seus locais aos máis recoñecidos teósofos cataláns. O propio Pol era un recoñecido experto na utilización do magnetismo animal, unha teoría para a curación de enfermidades precursora da hipnose e das terapias de suxestión. De feito, o desenvolvemento da medicina naturista e a homeopatía, ou as correntes hixienistas, estiveron estreitamente relacionadas coa teosofía.

Esta relación espiritismo-teosofía, como vimos, defendíaa Florencio Pol no seu artigo “Consulta”, publicado en Sophia en decembro de 1895. Nel contaba que viña estudando o espiritismo dende 1873 e chamándose “cristista”, ata coñecer e preferir en 1891 o seu sinónimo teosófico. No artigo defendía a Allan Kardek como teósofo e expresaba que teosofistas e espiritistas debíanse a máis estreita unión, auxilio e respecto, “si respondiendo á nuestra solidaria y sublime Misión hemos de salir victoriosos de la rudas batallas de la artera ciencia mundana, cuyos corífeos fomenta y ceban con sus huestes sus instintos, á costa de nuestra desatentadas divisiones, para enarbolar sobre el Pórtico, siquiera hasta que logremos hacer ondear sobre la cúpula del augusto Templo de la sabiduría, nuestra divina enseña de Amor, de Paz y de Felicidad”.

María Luisa López Díaz-Ufano, en Estudio de la revista “Sophia” (1893-1913), desde la perspectiva arquetipal (Universidade Complutense de Madrid, 2011), faise eco das publicacións de Pol na revista, das curacións de Monforte e do citado artigo.

Florencio Pol terá varias colaboracións máis na citada revista: “Demostración ofrecida en la Consulta del Hermano Pol”, na que amplía as argumentacións expresadas en “Consulta” (Sophia, xaneiro de 1896, páxs. 24-26), e que será comentada no mesmo número por José Melián, nun artigo titulado “Una respuesta”, no que amosa certas diferencias co expresado por Pol, concordando noutras; “Practica el bien quien no conoce el mal”, datado en xaneiro de 1901 e no que anuncia que está preparando o libro Destellos Bíblicos-Teosóficos (Sophia, marzo de 1901, páxs. 98-101) e “La vida universal”, datado en Marín o 7 de setembro de 1901 (Sophia, outubro de 1901, páxs. 384-386). Noutros medios, publicará “El Demonio de Allones”, datado en Ordes o 22 de maio de 1900, sobre sucesos paranormais na parroquia de Anllóns (Ponteceso), dos que se fixera eco El Eco de Galicia. (Brisas y tormentas, nº 7, A Coruña, 1900, páxs. 2-3). Temos noticia de que deu a luz outros folletos: Espejo de Diputados e La Fe, texto con consideracións bíblico-espiritistas, de 16 páxinas.

En 1897 gozou dun ano de licencia como actuario do partido de Ordes, quedando no seu lugar durante ese tempo, a proposta súa, o seu oficial maior, Andrés del Río Ramos. (El Pensamiento Gallego, Santiago, 9-1-1897).

Faleceu na Coruña, na rúa Real, 28 (e non en Ordes, como se ten dito) o 3 de xuño de 1902. Na esquela faise constar que era “notario xubilado e escribano de actuacións do Xulgado de Ordes”. O seu enterro foi civil, no “cemiterio de disidentes”. Por disposición súa, non se recibiu dó nin se repartiron esquelas. Quedábanlle tres fillos: Sofía, Julio e Carlos, así como irmáns, netos ou sobriños. (La Voz de Galicia, 4-6-1902; La Correspondencia Gallega, nº 3718, Pontevedra, 6-6-1902). O enterro foi foi presidido por Segundo Moreno Barcia (catedrático da Escola de Comercio da Coruña e relevante masón), o catedrático do Instituto coruñés Acisclo Campano Alfageme, Viñas [probablemente Viñes Gilmet] -en representación do Notariado- e o republicano Antonio Lens Viera. Acompañaban ao cadáver todos os presidentes das sociedades obreiras así como moitos obreiros e republicanos. (Las Dominicales del Libre Pensamiento, ano II, nº 70, Madrid, 27-6-1902). José Melián, na necrolóxica que lle dedica en Sophia, en xuño de 1902, cualifícao como “Bienhechor de la Humanidad […] que “dedicó su vida entera y todas las potencias de su alma al bien de sus semejantes, exclusivamente por amor”.

No Centro Documental de la Memoria Histórica consérvase unha fotografía súa, procedente do seu expediente persoal da sección Teosofía, do fotógrafo Avrillón, datada o 5-2-1898. Leva un pe de foto manuscrito co seguinte texto: “D. Florencio Pól / M.S.T. / A mi entrañable amigo y hermano/ Manuel Treviño, en testimonio e inolvidable / recuerdo”.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



[14-10-2015 14:34] magdalena pastora tòfè pol comentou:

con gran orgullo puedo decir desde argentina lugar donde vive parte de la familia Pol. que soy tataranieta de este ilustrísimo sr. bisnieta de su hijo Carlos el que vino a este país a principios del 1900. Gracias por este artículo. Saludos cordiales. Magdalena Tofè Pol

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal