14:16 Mércores, 10 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-05-2010

O goberno galego ten a oportunidade, co novo Plan de IDI, de demostrar cales cree que son os sectores estratéxicos galegos e de si verdadeiramente ten interese no seu desenvolvemento

O Sistema Galego de Investigación + Desenvolvemento + Innovación (IDI)

Valorar (2)

BELÉN GONZÁLEZ MARTÍNEZ


Logotipo de "Retgalia" (Rede de Centros Tecnolóxicos de Galicia)


O Real Decreto 2093/2008, de 19 de decembro, publicado no BOE de 23 de xaneiro de 2009, regula os Centros Tecnolóxicos de ámbito estatal e crea un rexistro público de carácter informativo e voluntario dos devanditos centros. Só existen 3 Centros Tecnolóxicos Galegos neste rexistro do Ministerio de Ciencia e Innovación, moi lonxe dos 17 do Pais Vasco ou os 10 de Cataluña. Os tres están situados no entorno da cidade de Vigo, e teñen unha dilatada experiencia no desenvolvemento e aplicación da IDI.

Un CT estatal é segundo este Real Decreto unha entidade sen ánimo de lucro que goza de personalidade xurídica propia, creada co obxectivo de contribuír ao beneficio xeral da sociedade e á mellora da competitividade das empresas mediante a xeración de coñecemento tecnolóxico, realizando actividades de I+D+i e desenvolvemento a súa aplicación. Ademais deberá cumprir unha serie de requisitos específicos sobre persoal: un número mínimo 15 titulados universitarios e un 7% de doutores, ou sobre facturación: A facturación con empresas será superior ao 30% dos seus  ingresos e corresponderá como mínimo a 25 clientes diferentes, o número de empresas por facturación de actividades de I+D+i será, como mínimo de 20 empresas diferentes. Polo tanto, para formar parte do listado de Centros Tecnolóxicos deberase demostrar a prestación de servizos á empresa privada e un funcionamento non dependente de institucións públicas. 

A existencia deste tipo de Centros ademais de contribuír notablemente ao fortalecemento da capacidade competitiva das súas empresas obxectivo, supón que estas accedan a subvencións específicas, e a diferenza doutros CT non rexistrados, permite as empresas desgravacións fiscais vantaxosas por inversión en IDI. En Galiza existen outros 18 Centros Tecnolóxicos non rexistrados, que forman parte de Retgalia (Rede de Centros Tecnolóxico de Galicia), a maior parte deles creados ou impulsados pola desaparecida Consellería de Innovación e Industria ao abeiro do Plan Galego de IDI 2006-2010, co obxectivo de fortalecer os sectores estratéxicos galegos. O Plan remata este ano, e a día de hoxe non están claras as pretensións do actual goberno sobre a continuidade do apoio á rede. A corta traxectoria da maior parte dos Centros, e a situación de crise xeneralizada do tecido empresarial non lles permitiu alcanzar os obxectivos de independencia de institucións públicas, polo que a falta de apoio institucional pon en perigo a súa continuidade.

Un CT forte e consolidado sexa ou non centro rexistrado supón unha vantaxe diferencial para os sectores nos que desenvolven a súa actividade. Especialmente importante é a labor a dos centros nos sectores produtivos primarios, pesca e agro, nos que non existe unha voz unificada de defensa dos seus intereses, nin interlocutores claros co resto do sistema galego de IDI, Universidade e Centros Públicos de Investigación.

Polo tanto o goberno galego ten unha oportunidade co novo Plan de IDI, a presentar neste ano, de demostrar cales cree que son os sectores estratéxicos galegos e de si verdadeiramente ten interese no seu desenvolvemento.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña