10:48 Sabado, 21 de Maio de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-08-2015

Buscou a inspiración nas fontes nas que beberon Pondal, Rosalía e Curros, poetas que permanecen vivos

Lembranza de Manuel María

Valorar (26)

BAUTISTA ÁLVAREZ



A vida é sombra que foge,
A vida é nuvem que voa:
A vida é sonho tâo leve
Que se desfaz como a neve. (Joáo de Deus)

Parece que foi onte cando lle demos o derradeiro adeus a Manuel María no cemiterio de Outeiro de Rei. Parece que foi onte e xa pasaron máis de dez anos. Aínda lle quedaban anos de vida e moitos versos no tinteiro, pero a Parca apresurouse a levalo, temendo quizais que o autor de Terra Cha seguise engrandecendo a cultura galega coa súa lírica. Non sei por que, pero as divinidades mitolóxicas -Xúpiter, Ares, Marte, Poseidón- foron sempre aliadas do imperio. A Real Academia Galega acertou, esta vez si, ao adicarlle o Día das Letras do próximo ano. Coido que foi Ridruejo, cando aínda non mudara a camisa do fascio para metela en colada, quen dixo que a patria era para el a fonte principal de inspiración. A española, visto é. A do alborecer franquista. A das frechas que nos apuntan e a do xugo que nos ata e nos domina. Manuel María levaba a patria, non a que oprime senón a dos oprimidos, no corazón e na loita política do seu compromiso co nacionalismo militante.

Vou deixar para os ateneos o que propio de Atenea. Haberá, estou seguro diso, análises diversas dunha obra poética que xa en vida do autor foi obxecto dalgunha tese doutoral. A crítica literaria é un tema vedado para os que somos profanos nela. Está reservada para os mestres que son capaces de peritar un verso antes de escribilo. O que non se nos pode negar é que consideremos as súas cantigas, sempre de amor e nunca de maldicer, fillas do pobo, que permanezan frescas no pobo durante varias xeracións. Moitas delas foron musicadas por voces que o punteiro da nosa gaita temperou. Descartou os ismos, aínda que algunha vez de maneira experimental os utilizou, non sei se para ridiculizalos ou para amosar a súa capacidade para escribilos. Buscou a inspiración nas fontes nas que beberon Pondal, Rosalía e Curros, poetas que permanecen vivos, mentres outros que experimentaron métricas de artificio para conquistar o éxito murchéronse antes de conseguir lectores.

Pero ademais da faceta literaria hai outros aspetos que de seguro omitirán os críticos. En primeiro lugar a categoría humana de Manuel. Era grande poeta e mellor persoa. Excelente conversador, ía demorando as palabras para dar tempo a paladear a frase. Home de vasta cultura, a que dan os libros e non as aulas. Escoitalo e dialogar con el antes e despois da sobremesa abondaba para saciar o apetito. Aos coñecementos adquiridos pola lectura engadía as experiencias vividas, que retiña na memoria impresas nunha placa fotográfica. Á sabedoría do erudito sumaba a graza do humorista. Por iso deleitaba, tanto coa pluma como coa palabra. A inclinación polos libros pode atoparse nos andeis da súa biblioteca, na que os poemas de Berceo non se escandalizan por estar acompañados cos do Xan da Cova ou Biblia en verso de Ignacio de Luzán. Polo amigo Manuel souben que en Ourense houbera un ebanista que alternaba a pluma coa garlopa. A base de ripios conseguíu rimar varias ducias de versos, que algún entendido leu para rirse e non para plaxialos. Seica, á vocación de poeta engadía a de inventor. Debémoslle a el o Pirandárgallo, un paraugas universal, e a lingua coñecida como trampitán. O primeiro achado só podía producirse nun país de moita choiva. Mágoa que un nome tan estrambótico impedise a súa comercialización, malogrando así a contribución ao desenrolo industrial de Galiza. O segundo, é o idioma que falan os que abandonaron o noso e se pasaron ao español. Tamén escribíu dúas pezas teatrais, non sei se en galego ou trampitán. Cando feneceu, non 1899, ao século entroulle melancolía e morreu con el. Parece ser que os enterraron xuntos no cemiterio de San Francisco, a carón do Monte Alegre.

Mais o mundo da literatura encerra tesouros que só os iniciados poden descubrir. Fálase moito da Biblia en verso. Malia a iso, poucos son os que saben que houbo quen en 257 octavas puxo en pareados o Antigo e o Novo Testamento. O Manuel entresacaba do andel un exemplar e agasallábanos recitando algún versículo do sagrado libro. Empezaba polo Xénesis, cousa normal nas Sagradas Escrituras. Sabíamos que o Creador fixera o home, a muller, os animais, e que antes de deitarse a descansar inventara a luz. En canto a alimentos, o único que coñecemos é a maza envelenada que se nos atrancou na gorxa. Pero o Poderoso non se podía esquecer de algo tan elemental para a supervivencia da especie. Ignacio de Luzón complementou a Biblia con dous versos maxistrais: "Y Dios creó el pan centeno. Lo probó y vio que era bueno". Probouno primeiro para que ninguén pensase que era un cebo coma o da maza. Ben que lle debemos agradecer a Deus e ao poeta, xa que, acompañando ao caldo de berzas, servíu para tirar moitas famiñas da aldea galega, sobre todo antes de chegar o millo e as patacas.

O libro era o presente preferido polo bardo chairego para obsequiar aos amigos. Por suposto os escritos por el. ¡Cantas adicatorias asinou cunha letra que era envexa dos bos calígrafos! Pero tamén algúns de autores de prestixio, porque os seus presentes servían para culturizar, non para vestir. Agradecinlle moito unha brincadeira que me gastou un Día da Patria Galega, cando a celebración non remataba na Quintana senón na comisaría. Deambulando polo Obradoiro regaloume El muchacho español que levaba debaixo do brazo, quizais para disimular. Para quen non o saiba, dado que este xénero literario resulta extraño na cultura nacionalista, é unha obra escrita por José María Solavarría, e ten como contido unha afervoada exaltación do patriotismo español. Foi un dos textos que o franquismo utilizou para idiotizar á sociedade desde os primeiros anos. A árbore hai que endereitala antes de que medre. Era lectura recomendada nos colexios e obrigatoria nos campamentos do Frente de Xuventudes. Moito nos rimos co ditoso libro á hora do xantar. Pasados algúns anos aínda bromeaba preguntándome se rematara de ler aquela perla literaria.

Fixemos moitas viaxes xuntos. Algunhas delas entre Barcelona e Galiza. Os seus versos resoaban tamén en Cataluña, e non digamos xa en Portugal. Como estas duraban máis por ter que atravesar a gándara española, había que facer noite no camiño. Aínda que a Saleta procuraba acougalo e calmarlle as présas, o Manuel era moi rigoroso cos horarios das comidas. Iniciei o artigo cuns versos de Joâo de Deus. Retorno de novo ao poeta luso, e dunha cuarteta das súas rimas vou separar dous endecasílabos. Describe o poeta como un ser que: "Susténtase do ar como o pinheiro, E assím como o pinheiro habita o ermo". Mentira. Seguro que o trovador portugués deixouse influír polassátiras de Horacio. Para pasar fame no Algarve do que procedía non era preciso ser poeta. Abondaba con traballar a xornal nun latifundio, que nin ar para manterse daba.

Ademais de gran poeta, o Manuel era un bo gourmet. Ningún convidado saía con apetito da súa casa. Prefería bocados sólidos. Carne de año, de cabrito (a poder ser pola perna), ou de xato. Coidaba que o peixe viña da auga, e en auga se convertía antes de entrar na boca. Non estou seguro se foi Pousa quen me contou unha curiosa anécdota. O pintor goianés, outro persoeiro que tamén arrequentou a nosa cultura co seu pincel, baixou con el até Lisboa. Á hora de xantar entraron nun restaurante. Manuel pedíu como prato forte o que na carta figuraba como "filete dourado". Despois de abrir boca con olivas, frebas de presunto e queixiñas de Sintra, preparou o estómago cunha cunca de caldo verde para recibir o bisté. Apareceu por fin o camareiro cunha posta de pescada rebozada e rodeada de patacas fritas. Vendo que o comensal torcía o bico preguntoulle: ¿Nao é isto o que vosé pedíu? Desquitouse primeiro coas patacas e despois coa sobremesa.

Teño que facer unha confesión. Cando coñecín a noticia de que ía ser honrado co Día das Letras do próximo ano a punto estiven de verter as bágoas que me invadiron cando vin entrar o seu cadaleito no Panteón de Galegos Ilustres. Por unha sinxela razón. Por retrasar para despois de morto o agasallo que Galiza lle debía en vida. Inclusive iniciei o artigo co título provisorio de Pranto por un poeta. Pero despois veume á cabeza un verso de Pimentel, o seu precursor na lírica: Non convén chorar máis. Acordei entón desviarme dos tons elexíacos. Preferín rememorar os parrafeos e bromas que os dous compartíamos nos paseos polas ribeiras do Cabe, ou de volta da visita á súa prima de Cespón, na que pensabamos merendar con xamón e rematamos tomando unhas peras en almíbar e uns vasos de Tío Pepe. Parece que no corredor de madeira da súa casa, verdadeiramente fermosa, foi onde Castelao lle dixo a Fernández Mato: "Se a paisaxe se comese escusabamos ir a Madrid". Tiña razón. O panorama que ofrecía a ría con Rianxo ao fondo era digno de admiración.

Unha persoa que nunca perdeu o sorriso nin o bo humor. Só unha vez. Cando o visitei no seu apartamento da Coruña pouco tempo antes de partir para o alén. Non era o Manuel de sempre. Presentía que pronto trocaría o pasado vivido por un futuro incerto.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña